Escándalo: o presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa non sabe falar en reintegrata (salvo para dicir “academía” e pouco máis)
Abraiado quedo tras escoitar unha entrevista que lle fan en culturagalega.org ao presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa. Moito promover que galego e portugués son a mesma lingua e todo o demais para que ao final o señor José-Martinho Montero (ou é Monteiro?) Santalha non saiba falar en reintegrata. Aquí están as probas.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Para empezar, o señor Montero cecea durante toda a entrevista, cando boa parte do reintegracionismo defende que é o fonema /θ/ é propio do castelán (tarefa de estudo, por certo, para a Academia que preside). Pero vaia… como iso pode ser cuestión de debate, hai algunhas cousas que son manifestamente non reintegratas. Como por exemplo, as terminacións en -ión. O presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa di algunhas cousas con xeitiño reintegrata (”comunicazón” ou “desinformazón”) pero logo patina en reinteradas ocasións porque di “introdución”, “organización”, “imitación”, “condicións”, “reaccións”, etc.
E o que é máis grave. Emprega algunhas palabras e expresións máis ben pouco reintegratas e lusófonas. Fala de “ideas” en vez de “ideias“, “sobre todo” en vez de “sobretudo“ (ou mellor aínda “nomeadamente”), “mantivese” en vez de “mantiver“, etc. Iso si, o flamante presidente da AGLP repite incesantemente a palabra “academía”, con acento no i. E pouco máis… O resto do seu discurso non difire para nada do galego estándar, do galego RAG que tanto critica a entidade que preside. Debe ser que o señor Montero non foi aos cursos de galego oral para reintegratas… Lamentable e penoso.
Como penoso, por certo, tamén me parece o modo en que se denomina a nova “Academia”: Academia Galega da Língua Portuguesa, señores! Esta entidade privada deixa claramente exposto que o galego é unha variante do portugués, cando en realidade sería máis ben ao contrario. O portugués é unha evolución do galego e non á vice-versa. Pero iso non importa. Aquí do que se trata é de entregarse cegamente e sen condicións ao portugués.
Por outro lado, quixera aproveitar tamén para mostrar a miña disconformidade coa presenza do secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta na sesión inaugural da AGLP, desenvolvida este luns en Santiago. Xoán Antón Pérez Lema fixo un discurso no que avogou por estreitar lazos co mundo da lusofonía e iso está moi ben… aí estamos todos conformes. Pero resulta que este alto cargo da Xunta asistiu á constitución dunha entidade privada que defende que o noso idioma é unha sucursal do portugués. E francamente gustaríame saber se a Xunta comparte esa tese. Apoia o goberno do país, coa presenza dun alto cargo seu en tal acontecemento, a existencia de dúas academias para o galego? Cre a Xunta que o galego e o portugués son a mesma lingua?
63 comments Outubro 7th, 2008


