Falar empregando topónimos estranxeiros en V.O., un snobismo coma outro calquera
Nos últimos tempos estamos asistindo a un fenómeno moi curioso: o uso de topónimos estranxeiros en versión orixinal mesmo falando en galego. Explícome: en vez de traducir aqueles nomes de lugar que teñen unha equivalencia no noso idioma, óptase polo topónimo tal e como se escribe na súa lingua de orixe, de tal forma que se di: “Visitei London, Milano, Stockholm e København” ou “Crna Gora e Cymru estreitan relacións”. Pois ben, para min iso non deixa de ser un snobismo (ou esnobismo) coma outro calquera.
Todas as linguas teñen exónimos (é dicir, topónimos estranxeiros) “adaptados” a elas… absolutamente todas. Por que nós habiamos de prescindir deles? E sobre todo, con que obxectivo? Son eu menos “respectuoso” por dicir “Xirona” cando un catalán di, por exemplo, “La Corunya”? É máis: vou escaravellar na ferida. Por que non vou dicir eu “Xetafe” se no castelán non é incorrecto dicir “Orense”?
E ollo! Non estou defendendo o uso de toponimia “deturpada”. Non. Considero que as administracións públicas españolas deben empregar os topónimos oficiais dos territorios con lingua propia e mesmo me parece ofensivo que non o fagan porque así o din claramente as leis… O castelán é libre de adaptar os topónimos como considere oportuno (como de feito así o fai a RAE, que recomenda o uso de “La Coruña” salvo en documentos oficiais); outra cousa son as aberracións e as imposicións ás que nos vimos sometidos os galegos por culpa dunha mala castelanización dos nosos topónimos.
Por outro lado, o uso de exónimos “orixinais” pode levarnos tamén a algún que outro desgusto. Tal é o caso do topónimo “Vegadeo”. Teoricamente ese é o topónimo “oficial” desa vila asturiana fronteiriza con Galicia. De levarmos á práctica o uso de exónimos orixinais, así é como deberiamos dicir nós, posto que oficialmente é así como se designa a vila. Pola contra, de empregarmos a táctica que utilizan todas as linguas, a adaptación de topónimos, o normal sería referirnos a “A Veiga” (topónimo galego) en vez de “Vegadeo”.
Outro punto fraco dos exónimos en V.O. son a pronuncia. Na Internet queda moi bonitiño e moi fixe escribir Cymru e Hrvatska, por exemplo. Pero… como carallo pronunciamos iso “á galega”? Seguramente que mal. A adaptación dos topónimos está precisamente para iso: para facilitar unha mellor comprensión entre os falantes dunha lingua. Falar sempre en clave de V.O. obrigaríanos a coñecer nocións mínimas de todos os idiomas do mundo! E iso, en principio, parece inviable.
Por outra parte, considero que os exónimos adaptados tamén forman parte do patrimonio da nosa lingua. Como que non? E logo por que ten que ser menos parte do galego “Nova York” ca “O Carballiño”, ou “Atenas” ca “Boqueixón”?
E unha última cousa. Como carallo se adaptan os topónimos escritos na súa lingua orixinal con caracteres non latinos? Por lóxica, habería que escribir, por exemplo, “Viñeron turistas de الرباط e Санкт-Петербу́рг”. E se ao final acabo por escribir “Viñeron turistas de Ar-Ribāṭ e Sankt Peterburg”, postos a “deturpar”, por que non me deixo de caralladas e escribo directamente o que todo o mundo comprende: “Viñeron turistas de Rabat e San Petersburgo”?
Arriba os exónimos en galego!
21 comments Outubro 6th, 2008


