Os riscos da Lei de Berto 2.0
A famosa Lei de Berto (”A medida que unha discusión online en galego sobre calquera tema avanza, a probabilidade de que se mencione o reintegracionismo/isolacionismo achégase a 1″) está evolucionando, e ata xa acabou derivando nunha segunda parte, enunciada por Lidor nos foros de Vieiros: “Calquera avance da lingua galega será posto en cuestión polo reintegracionismo“.
Efectivamente, nos últimos tempos estamos constatando o colmo do antigaleguismo, que consiste en repetir insistentemente o argumento “por que queremos [tal cousa] en galego [se tal cousa] xa está en [portugués, galego internacional ou trapalladas análogas]?”. E onde pon “tal cousa” substitúase por “software“, “servizos de atención ao cliente”, “materiais didácticos” ou “bonecas faladoras”. Poñan o que queiran. O caso é levar o reintegracionismo ata as últimas consecuencias.
E eu pregunto: é posible o “bo-rollitismo-politicamente-correcto” con estas tácticas negacionistas e despectivas con respecto ao galego? Moito temos falado sobre o que hai que facer para normalizar o idioma e tal para que veñan uns cantos a retrucar sempre coa mesma leria.
Existe unha gran cantidade de activistas do idioma que practican a non belixerancia cara o reintegracionismo (non comparten pero respectan), pero teño a sospeita de que ese deixar facer pode acabar en pouco tempo de continuaren estas actitudes. Porque a xente pode empezar a fartarse, a constatar que no fondo non todos remamos na mesma dirección… que uns traballamos polo recoñecemento da nosa lingua e que outros turran por outra cousa distinta.
Aquí xa escoitamos o positivo que é “unir esforzos” por unha causa común… O problema é cando a causa, o obxectivo final, non é igual para uns e para outros. Polo tanto, avogo porque niso da normalización lingüística os camiños sexan distintos tamén para estas dúas visións do idioma contrapostas. Con respecto cara ao outro si, pero marcando as diferenzas. Ou non?
33 comments Outubro 3rd, 2008


