Moito se fala de como este país debería afrontar e completar a normalización do seu idioma propio, pero poucas veces se escoita os que curran desde a base para lograr ese obxectivo. Nel Vidal Barral (Ribeira, 1980), presidente desde marzo do ano pasado da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), ofrécenos a súa visión sobre o estado actual da lingua, das controversias cos grupos que defenden que o castelán está discriminado en Galicia, da eterna polémica entre independentistas e reintegracionistas e ata da proposta deste blog para que a interxección “bueno” sexa considerada galega…

Cales son as armas dun bo normalizador lingüístico? Supoño que “vender” as bondades do galego sen que o interlocutor o perciba como unha presión ou unha imposición…
As «armas» teñen que ser moitas e moi variadas. Un técnico ou técnica de normalización lingüística non pode ser un misioneiro da lingua, senón un/unha profesional que planifica e xestiona accións desde unha entidade. O obxectivo principal do departamento no que traballan os/as técnicos/as de normalización é o incremento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sobre os que ten influencia ou competencias a entidade á que pertence, e as funcións dese departamento son asesorar á entidade en todo o relacionado coa política lingüística; planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega; promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores dentro do organismo ou na sociedade; promover a formación en lingua; mellorar a calidade lingüística e comunicativa; etc.
Este é un labor complexo, para o que fai falta, polo tanto, unha certa actitude e unha serie de coñecementos e capacidades. Algunhas cousas: capacidades e coñecementos de intervención social, de dinamización, de comunicación, de lingua, de sociolingüística, de técnicas grupais, de lexislación, de negociación, de planificación, de xestión, etc.
A día de hoxe, cales son os sectores da poboación que menos receptivos son á presenza do galego?
Pódense apuntar unha serie de ámbitos ou sectores concretos que poden ser considerados como menos receptivos á presenza do galego, mais desde o meu punto de vista non se trata tanto de sectores como de actitudes individuais ou grupais dentro dalgúns deses ámbitos. Hai claras reticencias na xustiza ou nos corpos de seguridade, mais dentro deses dous estamentos tamén hai movementos que procuran un maior uso do galego. No mundo empresarial acontece o mesmo. Non obstante, nun dos ámbitos que poderiamos considerar máis galeguizado e menos reticente, como é o do ensino, é onde quizais están os grupos que máis visualizan a súa contrariedade ao uso normal do galego. Polo tanto, en todo hai actitudes a favor e en contra: administración, educación, tecido asociativo, xustiza, medios de comunicación, hostalaría, etc.
Ve posible que cidades como Ferrol, A Coruña ou Vigo sexan algún día maioritariamente galegofalantes?
Até hai pouco érano. Santiago de Compostela éo. Entón, por que non Ferrol, A Coruña ou Vigo? Claro que é posíbel, mais dependerá de moitas cousas… Da acción política, dos medios de comunicación, do ensino, da actitude cidadá, do empresariado, etc.
Os estudos din que os mozos identifican o galego con aldea e nacionalismo… Está na mocidade o talón de Aquiles do idioma?
Loxicamente. A mocidade é o futuro de todo; e do idioma tamén. Os cativos, as cativas e a mocidade son a sociedade adulta do futuro, e a transmisión interxeracional do idioma é fundamental, mais agora mesmo xa sabemos que o galego non é o idioma maioritario dos nenos e das nenas. Ao ser isto así, son fundamentais os/as neofalantes. Hai que crer e traballar polo cambio lingüístico. O galego ten que gañar tanto falantes como ámbitos de uso.
En que medida a lexislación pode actuar en favor do galego? Onde cre que debería incidir máis a lei?
A lexislación é fundamental, pero hai moitas máis cousas. Unha lei sen vontade política non serve de nada, e unha lei sen un mínimo de apoio social, tampouco.
Mais o que está claro é que é nas leis onde se teñen que estabelecer as bases e os criterios para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía en todos os ámbitos, e é tamén onde se deben estabelecer os usos lingüísticos das administracións públicas e das súas relacións coa cidadanía, coas empresas, coas outras administracións, etc.
Niso a administración, se se quixera, podería ter moito poder e poderíanse conseguir moitas cousas.
Cal cre que debe ser a estratexia ante as campañas que aseguran que o castelán está discriminado en Galicia?
Os grupos que até o momento defendían esas campañas en Galiza eran, e son, realmente residuais, mais agora son algúns medios de comunicación e unha nova e incomprensíbel estratexia do Partido Popular dirixida desde Madrid, imposta pola Cope e El Mundo, e incorporada dun xeito submiso pola dirección dese partido en Galiza, quen pretenden darlle visibilidade a esas posturas. É unha posición incomprensíbel e imposíbel de penetrar nunha sociedade minimamente formada e informada. Mais cómpre estar atentas e atentos. A estratexia ten que ser informativa e didáctica, simplemente de mostrarlle á sociedade a situación real, a importancia e os argumentos da normalización lingüística.
Por exemplo, en relación co Decreto de uso e promoción do galego no ensino, onde se centran boa parte das críticas destes grupos, é incomprensíbel que desde a Consellaría de Educación ou desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta non se fixese unha boa campaña informativa. Se a todos os pais e nais se lles fixese chegar unha boa e correcta información, cunha carta e un díptico para cada un, información nos centros de ensino, xornadas explicativas, etc., practicamente todo o mundo comprendería e apoiaría o decreto. Hai xente en contra dese decreto porque a información lle chega por outras vías, viciada, incompleta e falseada.
Eu, galegofalante, chamo por teléfono a un determinado servizo e só me atenden en castelán. Que fago? Protesto? Quedo calado?
Con amabilidade e cordialidade dígalle que, por favor, vostede quere ser atendido en galego. Non desista até conseguilo, pois está no seu dereito. Sexa amabelmente intransixente.
En que medida o reintegracionismo incide na normalización lingüística? Axuda ou prexudica? Cre que a sociedade galega está preparada para unha norma escrita portuguesa?
Todas as persoas e movementos que comprenden a importancia do galego, que están a favor do incremento do uso e prestixio da nosa lingua, que traballan por iso, son imprescindíbeis para o proceso social de normalización lingüística.
Ninguén nega que entre os defensores do galego hai opinións e posturas claramente diferentes no que á norma escrita se refire, mais iso non nos pode dividir.
Se alguén tivese a fórmula máxica para a normalización, a estratexia infalíbel, o método perfecto, pois xa non habería nada que discutir. Xa teriamos o problema resolto. Mais ninguén ten esa fórmula, estratexia nin método. Entón, está claro que as persoas que defenden a norma reintegracionista é porque consideran que é o mellor para o galego, e as persoas que defenden a norma independentista ou oficial tamén é porque consideran que é o mellor para o galego.
En todas partes hai actitudes que axudan e actitudes que prexudican, mais estas actitudes non se poden vencellar directamente a quen defende unha norma ou outra.
Está claro que actualmente, en xeral, a sociedade galega non asume a norma escrita portuguesa. Iso é un dato obxectivo, pois emprégase moi maioritariamente a norma oficial. Ninguén o pode discutir. Mais iso ten unha sinxela explicación: a oficial é a que se aprenda na escola, a que usa a administración, a que se usa na prensa escrita, na televisión, nos libros…, en definitiva, a que ten visibilidade diaria para todo o mundo. Se a situación fose outra, a actitude social xeral tamén sería outra.
Hai unha norma oficial, o que é lóxico e necesario. O que desde o meu punto de vista non ten sentido nin é xusto é que se criminalice o reintegracionismo como desde algúns ámbitos se fai.
Cómpre sumar forzas e todas as persoas, grupos e movementos que están a favor do galego son imprescindíbeis para a normalización, utilicen a norma que utilicen e defendan a norma que defendan.
Que diagnóstico lle faría á lingua galega? Está realmente en perigo de desaparición?
Diagnósticos xa se lle teñen feito moitos e ningún é positivo. Agora ben, de aí a que estea en perigo de desaparición hai un mundo. O galego non está agora mesmo en perigo de desaparición, e mentres a sociedade non queira que o estea, non o estará.
Agora ben, hai moito camiño por diante, moito traballo por facer e moito que avanzar. Fai falta vontade política real para a defensa e promoción da lingua galega. Fan falta máis medios, máis recursos e accións realmente planificadas e decididas.
Por último, cre que a interxección “bueno” debería ser admitida como galega, tal e como se defende neste blog?
Iso é moi complicado. O que está claro é que non é unha forma galega, por moito que se use en galego… Admitir a forma “bueno” sería abrir unha vía moi perigosa e, desde o meu punto de vista, nada positiva. A normativa lingüística marca o modelo da escrita formal, polo que unha cousa é utilizar “bueno” de forma espontánea falando galego e outra introducila no modelo de galego escrito. Persoalmente non estou de acordo en que se admita.
Setembro 25th, 2008