Señora, pero non ve que a que fala “castrapo” é vostede?
Lección número 1 de todo reintegracionista: o galego que falan os outros é “castrapo”. E isto é de aplicación universal… aquí e na ‘quinta provincia’. Escandalizado leo, vexo e escoito a entrevista que lle fixeron en Vieiros a Antonia Luna, profesora de galego en Bos Aires e unha das mestras do reintegracionismo na Arxentina. Simplemente flipo. Como pode esta señora cualificar de “castrapo” a norma da RAG cando o máximo expoñente de castrapismo é ela mesma? Señora. Faga o favor. A partir de agora só conceda entrevistas escritas.
Esta señora critica o “castrapo”, o “galego arruinado”… cando non sabe distinguir entre vogais abertas e pechadas, cando fala de “cuestiones”, “nosotros”, “anduvimos” e outros castelanismos (por non dicir que emprega o tan denostado “bueno”),… cando emprega “escribir” (”castrapo” para os reintegracionistas), cando conxuga “sinten” (en vez de “senten”), cando di “gustoume moito” (”gostei moito” na norma AGAL), e así etcétera, etcétera, etcétera. E iso que ela é “profesora”! (como serán os alumnos). Os dous únicos trazos reintegratas da conversa: un “dizer” por aí solto, un “depois” e pouco máis.
Por certo, a señora -como era de esperar- recibiu innúmeros aplausos por parte dos reintegratas que comentaron a noticia. O máis forte, ao meu entender, o do amigo Galeguzo:
“Magnífico ouvir esta senhora, todo um exemplo de amor pola língua. Bem podiam aprender do seu exemplo alguns locutores e locutoras da CRTVG, que parece que falam galego com nojo”
Señores locutores e locutoras da CRTVG. Xa saben. A partir de agora… a falar como esta señora, todo un exemplo de corrección e galeguismo. Que forte! Este é o modelo lingüístico que apoia o reintegracionismo ou os aplausos son só polo simple feito de ser reintegracionista?
E digo eu ademais… Por que temos que soportar este tipo de aldraxes? E sobre todo, ninguén vai dicir nada? Canto temos que aturar o de “españolistas”, “castrapistas” e variantes sen que ninguén diga nada? Francamente, empezo a crer o dito: “Mexan por nós e din (dicimos) que chove”.
13 comments Setembro 23rd, 2008

