Estudo crítico da FAQ do reintegracionismo (1ª parte)
Os amigos da Gentalha do Pichel publicaron recentemente unha FAQ (para entendérmonos, unha guía coas preguntas máis frecuentes) sobre o reintegracionismo. Para comezar, hei de dicir que me parece moi ben que se dediquen a explicar dun modo didáctico de que vai a cena esta de ser reintegrata, pero, claro, como todo movemento importante, tamén merece unha revisión crítica. A FAQ é longa e profusa, así que irei analizándoa pasiño a pasiño. A ver se non queda nada no tinteiro…
1) Que é o reintegracionismo?
Moi boa pregunta. Os da Gentalha recorren a unhas cantas definicións de wikipedia, de blogs, de autores salientables, que se resumen nunha idea: “estabelecer para a língua escrita umha norma semelhante à das restantes comunidades lusófonas e a de normalizar relaçons com aquelas comunidades que partilham a nossa língua“. Vista esta definición, o alema sería medio reintegrata porque apoia claramente a normalización das relacións coa lusofonía (de feito, é algo que tamén apoian moitas institucións galegas e portuguesas), pero non… hai unha segunda parte: o que se pretende é “establecer unha norma semellante”… e non sigo porque aparece a palabra máxica: “unha”. Ese é o gran problema de reintegracionismo: que non ofrece unha, senón varias posibles normas escritas, coa confusión que isto xera.
Hai reintegratas que escriben “umha“, “uma” e ata “ũa“, “relaçons” ou “relações“… e iso por poñer só exemplos que aparecen na frase que define o reintegracionismo. Polo tanto, é falso que o reintegracionismo poida establecer unha norma porque hai xa varias normas a gusto do consumidor… desde as máis supostamente galegas (umha, relaçons) ata as máis portuguesas (relações, uma). Coido que isto habería que deixalo claro na FAQ. “Neniño, ti faite reintegrata, pero que saibas que aquí non che ofrecemos unha norma, senón varias e en función do teu grao de reintegracionismo”. Por certo: para min o reintegracionismo gañará credibilidade cando ofreza iso: unha norma e non un freestyle lusófono.
2) Lusismo é a mesma cousa que reintegracionismo?
Os da Gentalha en esencia din que si, e que “lusismo” é un termo que os defensores dunha lingua autónoma aplican de forma despectiva para referirse aos reintegracionistas. E é curioso que aquí os da Gentalha non recorren á wikipedia, que claramente dá outra versión distinta:
“Enténdese que reintegracionismo é unha posición que pretende ter un achegamento progresivo, en canto lusismo directamente adoptaría a escrita do portugués do Acordo Ortográfico do ano 1990 para representar tamén a oralidade galega, como tamén sucede co resto das oralidades lusófonas”.
E eu xuro que iso era o que tiña entendido: os reintegratas son se cadra máis “moderados” (achegamento progresivo) ca os lusistas, que defenderían unha norma idéntica para o galego e para o portugués. De feito, destacados lusistas definen as normas da AGAL coma un “portunhol 2″, tal e como se recolle neste artigo.
Polo tanto, que eu saiba, reintegracionismo e lusismo non son a mesma cousa. O que pasa é que aos reintegratas e aos lusistas lles interesa aparecer como movemento unido de cara á galería, o cal ten a súa lóxica, claro. O importante é atraer clientela.
3) Porque às vezes soa tam pouco natural a vossa maneira de falar?
Con esta pregunta da FAQ, sae o lado máis tenro e sincero dalgúns reintegratas. Porque recoñecen que moitos deles teñen orixe urbana, e ata admiten que falan con “sotaque espanhol“. Para min isto xa é un paso de xigante. Eles mesmos admiten que teñen acento español, que falan un galego urbano… O malo é que se odian a si mesmos por iso e pretenden que os demais tamén o fagan. Aí é onde máis discrepamos, obviously.
Logo descobren a pólvora porque aseguran que din “parafuso” e “orçamento” ou “diferença” e “serviço” cando o galego normativo actual xa recolle esas formas (aínda que grafadas con xeito, claro: parafuso, orzamento, diferenza, servizo, etc.). O que non explican é como pronuncian esas palabras, se recorren ao seseo ou non (porque sobre iso tampouco hai unanimidade dentro reintegracionismo).
Din tamén na FAQ que “na oralidade o normal é que as diferenças [co galego estándar] sejam poucas“. E eu digo: adepende ou aseghún. Un día habemos facer un concurso con varios audios para determinar quen fala e quen non fala en reintegrata. Seguro que todos acertamos nun 100%. Unha persoa que fala en verdadeiro reintegrata nunca pode pasar por galegofalante normal, por moito que digan que “respectan a oralidade”.
4) A única preocupaçom do reintegracionismo é a ortografía?
E eles din “non”, un “nom/não” rotundo. E eu non o sería tanto… tan rotundo, quero dicir. Non só están preocupados pola ortografía ata niveis a veces abafantes, senón que en xeral unha das súas obsesións é eliminar calquera trazo, por pequeno que sexa, da lingua castelá dentro da lingua galega. Están obsesionados co español en todos os aspectos, e iso failles cualificar a todo o que non sexa lusófono como “españolista”. Teñen o costume de ver as cousas como un branco/negro, e non entenden a influencia que poden ter unhas linguas sobre as outras. Non entenden que o noso afastamento do portugués é unha cuestión histórica, que a nosa lingua evolucionou doutra forma… e si, en ocasións por influencia do castelán. E que? Como imos reescribir oito séculos de historia? Por que imos renegar do legado dos nosos antepasados, todo eles sometidos e “deturpados”?
A teima dos reintegracionistas pola ortografía chega a niveis de esperpento en numerosas ocasións, cando renegan a palabras perfectamente asentadas no noso idioma e que non son iguais ca as portuguesas. A definición e o (ab)uso da palabra “castrapo” por parte dos reintegracionistas tamén debería aparecer na FAQ. É unha pena.
Ah! E como xa expresei noutras ocasións. Non dubido do traballo sobre a normalización do idioma que fai o reintegracionismo. O que sucede é que tamén considero que o seu labor pode ser contraproducente na normalización. A xente escapa do que non lle parece propio (neste caso, o portugués) e penaliza as loitas pola norma, que fan da nosa lingua unha carallada, francamente. As linguas tamén son para os non-militantes.
5) O reintegracionismo é umha moda dos últimos anos ou tem tradiçom histórica?
E aquí poñen unha restra de frases sacadas de contexto por parte de notables escritores galegos (Pintos, Murguía, Castelao, Cunqueiro, Risco…). Iso si, todos retranscritos a norma reintegrata, incluídos nomes e apelidos (Antom Vilar-Ponte, Joam-Vicente Biqueira…). Todo para demostrar que Rosalía, Castelao, etc. en realidade eran reintegratas! Eles, claro, obviamente non poden retrucar porque xa están mortos, pero seguro que hoxe en día fliparían con toda esta movida reintegrata se vivisen (suxiro unha sesión de oui-ja con Castelao inmediatamente!).
O que non conta a FAQ é que o reintegracionismo considera a súa obra “castrapo”, porque todos eses escritores escribían seguindo a “norma castelhana“. A FAQ tampouco cita que a maioría dos escritores galegos contemporáneos, en plena liberdade para escoller o que lles apeteza, non opta polo reintegracionismo e si pola norma da RAG. E por que? Os reintegracionistas adoitan dicir que é porque son uns “vendidos”.
En fin, a FAQ ten máis apartados que iremos analizando nos próximos días. En xeral, o documento está simpático pero, como se pode ver, fáltalle mostrar a outra cara da moeda para que a xente estea verdadeiramente informada. E non só “vender” as excelencias do produto. (To be continued).
11 comments Setembro 21st, 2008


