Repartindo hostias
A raíz dun titular no blog do Gerardinho no que aparecía a palabra “hostia” como sinónimo de “golpe” comprobo ata que punto pode ser repunantiño un reintegrata… ata obsesivo podería chegar a dicirse. Xa non chega con que os dicionarios, tanto os normais coma o Estraviz, recollan claramente que “hostia” efectivamente pode significar “golpe”. Algúns pretenden eliminalo… adiviñan por que? Porque a lusofonía non emprega esa palabra con ese significado. Está xustificado que deixemos de repartir hostias/hóstias?
Bueno, para comezar hai que dicir que en Portugal é algo así como super-pecado-mortal empregar hóstia con ese significado… Eles adoitan ser moi respectuosos cos temas relixiosos. Alí non se escoita desde logo un “cago na virgem” ou “cago em deus” como se escoita aquí. E desde logo, os equivalentes a esas frases en galego son para eles do piorio, totalmente impronunciables
E dado que en Portugal non se usa… por que temos nós que prescindir dunha palabra tan sonora e contundente? Ah! Anti-españolismo obriga. Pois non. Hai que saber rebelarse contra esa enfermidade de auto-flaxelamento por utilizar castelhanismos, OYGA! Que non saen ronchas!
E conste que “hostia” non só se emprega vulgarmente co significado de “golpe”. Hai máis expresións (tamén plenamente galegas, ao meu entender) que inclúen a palabra con outros significados “coloquiais”. Por exemplo: é ou non é galego dicir…?
- “vou a toda hostia” (hostia = velocidade)
- “a leoa ten mala hostia” (hostia = humor)
- “déixateme de hostias e achégate aquí” (hostia = lerias, andrómenas)
- “esa canción é a hostia; moito me gusta” (a hostia = unha marabilla)
- “comprou unha casa da hostia” (da hostia = moi boa)
Esas expresións en portugués non existen, pero para min son tan galegas coma… “bueno”. Por que non? Por que habemos de renunciar a dicir o que nos sae de dentro e que ten tradición no país só porque non se usa na lusofonía? É absurdo. É… a hostia, vaia!
31 comments Setembro 20th, 2008

