Trosqui (ou Trotsky) non figura entre os nomes de cans da lusofonía
Poucas cousas hai máis galegas ca un Trosqui (ou Trotsky, vaia). É o nome de can se cadra máis frecuente no país. A ver. Quen non coñece algún Trosqui por aí? Pois ben, o nome este non aparece nas webs lusófonas que recomendan nomes de cans. E é unha pena.
Tamén me pregunto: haberá algunha intencionalidade política? Quero dicir… o nome de Trotsky ponse por casualidade ou con toda a intención do mundo? Por que é un nome con tanto éxito entre os canciños galegos? Como alcanzaría tanta popularidade?
Navegando pola rede, comprobo ademais que non existe ningunha páxina que recolla os nomes galegos máis comúns para cans (de feito no Google só hai 8 resultados para a busca “nomes de cans”). Hai páxinas que suxiren nomes de persoas, pero non nomes para o mellor amigo do home (e da muller). Por iso, hoxe a miña proposta é elaborar unha pequena guía de nomes galegos para cans, que seguro que os hai a moreas. A min ocórrenseme poucos porque nin teño can nin vivo rodeado de bichos, así que se tal podemos facelo entre todos. As vosas achegas son sempre moi valiosas.
Teño entendido que entre as cadelas Lúa é bastante común… E tamén parece bastante habitual ultimamente que lles poñan nomes de persoa aos cans, o cal ás veces xera algunha confusión e algunha que outra anécdota. Bueno, aquí quedo… Agardando as vosas propostas…
Por certo: o can da foto é dun blog que encontrei por aí. É en realidade unha cadela e chámase ‘Raisa’ ou ‘Raysa’ (que teima cos nomes rusos!) pero tíñame cara de Trosqui e por iso foi elixida para este artigo. ![]()
22 comments Setembro 17th, 2008

