Flipa a cores: María Castro é rubia e Isabel Blanco é roxa
Non. Non se trata de ningún xogo de palabras. É así talmente. Aínda que se cadra non debera. Temos unha lingüíña que é un pouco imprecisa á hora de definir as cores do pelo, e iso dificulta moitísimo a comunicación. Necesitamos estandarizar os termos xa para que non se produzan situacións deste tipo:
- María, quero tinguir o pelo de roxo
- Si, pero roxo como? vermello? loiro?
Explícome. Aproveitando as dúas mulleres que saen no titular, explícovos que a María Castro, a actriz galega de ‘Sin tetas…’ é rubia, é dicir, ‘pelirroja‘ en castelán, pero é que tamén pode ser ‘roxa’, segundo as explicacións que nos dan os dicionarios. O colmo da confusión vén cando se explica que ‘roxo’ tamén é o cabelo que a actriz Isabel Blanco mostra na foto. Isabel é loira (ou loura), pero tamén pode ser roxa. María é rubia, pero pode ser tamén roxa. Ou sexa temos dúas roxas e con cores de pelo diferentes!
Isto xera unha confusión tremenda. E non só entre os autonomistas, senón tamén entre os meus amigos os reintegratas. Ata tal punto, que consultando o dicionario Estraviz, unha mesma palabra (roxo) pode designar practicamente todo o arco da vella. A saber, catro tonalidades distintas para unha mesma cor!
Roxo adj. (1) Ruivo. (2) Que tem o cabelo ruivo. (3) Ruivo com marjas. (4) Encarnado. (5) Amarelado. (6) Que é da cor da violeta. (7) Fervente: já está roxa a água [lat. russeu].
Así non hai que compre unha tintura ou vaia con xeito ao salón de peiteados (seica a palabra “perruquería” caeu en desgraza). Os portugueses e as portuguesas, por exemplo, cando van ao cabeleireiro saben ben que a cousa é así: cabelo louro (amarelo) e cabelo ruivo (vermello)… Roxo para eles é cor violeta.
Claro que aquí ‘roxo’ ten tamén outras connotacións, non recoñecidas pola RAG
Pero diso falaremos outro día. Aquí queda un cadro sinóptico coa confusión que xeran as cores. Que alguén poña orde, por favor!
|
CASTELÁN |
GALEGO RAG |
GALEGO AGAL |
PORTUGUÉS |
|
Rubio |
Loiro / Louro / Roxo |
Louro / Loiro / Roxo |
Louro (Loiro, menos frec) |
|
Pelirrojo |
Rubio / Roxo |
Ruivo / Roxo |
Ruivo |
|
Violeta |
Violeta |
Violeta / Roxo |
Roxo |
Confusión, confusión.
Por certo: “mecha” (de poñer “mechas”) dise igual en galego, en castelán e en portugués. Menos mal!
61 comments Setembro 16th, 2008




