‘Parabéns para ti’, a versión galega non estendida do ‘*Cumpreanos feliz’
Amiguiños e amiguiñas. É hora de empezar a cantar as cancións como hai que facelo. Esquece para sempre o ‘Cumpleaños feliz‘ e o seu equivalente bárbaro ‘*Cumpreanos feliz’. A partir de agora, mete na cabeza a seguinte estrofa da versión galega do ‘Happy Birthday to you‘, unha canción ianqui de mediados do século XIX coa que universalmente son felicitados os que fan anos. Atende. Son simplemente catro versos que hai que memorizar e espallar.

Parabéns para ti
Nesta data querida
Moitas felicidades
Moitos anos de vida
De todos os xeitos, existe outra opción galega simplificada e máis internacional (dado que en inglés, en francés e nos principais idiomas do mundo a tendencia é que o 1º, o 2º e o 4º verso sexan o mesmo):
Parabéns para ti
Parabéns para ti
Moitas felicidades
Parabéns para ti
Todos os idiomas teñen a súa versión da canción… por que nós non? A versión galega está tomada directamente da letra en portugués, que non se limita ao típico ‘Cumpleaños feliz / cumpleaños feliz / Te deseeeeamos todos [ou en vez de "todos", o nome do homenaxeado] / cumpleaños feliz”. A tradución de “cumpleaños” non pode ser “*cumpreanos” senón “aniversario”, polo que é altamente aconsellable adaptar a versión portuguesa estándar, que di así:
Parabéns a você,
Nesta data querida,
Muitas felicidades,
Muitos anos de vida!
Hoje é dia de festa
Cantam as nossas almas
Para o menino [nome do homenaxeado]
Uma salva de palmas!
A canción portuguesa en esencia é esta, aínda que tamén existen moitas variedades dialectais da mesma, nas que non imos afondar. A maioría dos portugueses adoitan cantar os catro primeiros versos (é algo parecido ao que lles pasa a moitos galegos co himno), e os catro seguintes son xa para usuarios “avanzados”. Por iso, tende a galeguizarse só a primeira estrofa.
Evidentemente múdase o “a você” por “para ti” e “muitos/as” por “moitos/as”, pero o resto é perfectamente aproveitable. O que non entendo é como no Xabarín da TVG, onde felicitan os cativos de aniversario cunha fotiño e tal, non divulgaron unha versión galega dunha canción que xa está adaptada a todos os idiomas do mundo…
Espállao! Por unhas festas de aniversario plenamente galegas! ![]()
25 comments Setembro 15th, 2008


