Interesantes reflexións sobre “bueno” en catalán… non é un demo con cornos!
Recordades a entrevista na que Carod-Rovira anunciou que ía facer unha campaña para que os catalanfalantes non cambiasen ao castelán? Si, ho… do que falamos hai un par de días… Bueno, pois vaia sorpresa cando por medio do amigo mourullo coñezo que tamén falaron sobre a posibilidade de que se admita a interxección “bueno” en catalán. As reflexións que fan son interesantísimas; só vos adianto que non se condena en absoluto o seu uso. Os que falan son vicepresidente da Generalitat, Josep Lluís Carod-Rovira (que é filólogo, por certo), o presentador de ‘El dia a la COM’, Joan Duran, e o lingüista do programa, Rudolf Ortega.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Interpretacións que fago eu deste fragmento:
1) O debate de “bueno” tamén existe na lingua catalá. Eles falan de “pues” e “desde luego” pero esas expresións nós ben que as temos plenamente galegas (”pois“, “desde logo“)
2) O lingüista e o locutor do programa cren que “bueno” acabará admitíndose en catalán, aínda que Carod-Rovira cre que non será así (dous contra un, hehe).
3) O lingüista do programa di que non é grave utilizalas porque os principais barbarismos da lingua catalá xa se están erradicando, mentres que hai outros que non se dan eliminado (caso de “bueno”). Considero que existe un paralelismo claro co galego a este respecto.
4) O lingüista do programa comenta que os medios de comunicación practicamente non poden facer nada para “corrixir” barbarismos como “bueno”; e recorda que eses medios mesmo permiten que se empreguen porque son de uso universal, por dicilo dalgunha forma.
5) Carod-Rovira recorda que todos os idiomas acaban por aceptar palabras doutras linguas, e di que os barbarismos cambian cos anos… e que algúns pasan a ser “normais” nas linguas receptoras (caso de “maco/maca” procedente do “majo/maja” castelán).
E eu engado: existe algunha posibilidade de erradicar o “bueno” da fala dos galegos? A miña resposta é un “non” rotundo. Por iso avogo, xunto con outra moita xente, pola súa inclusión nos dicionarios de lingua galega… e catalá tamén, claro! ![]()
21 comments Setembro 13th, 2008

