Non entendo a teima de ‘Vieiros’ coas ‘crianzas’
Con motivo do inicio do curso escolar, leo unha noticia en Vieiros que me chama moito a atención. O titular: “Sete de cada dez crianzas estudarán este curso nunha escola pública”. A palabra que me deixa abraiado (crianzas, por suposto) aparece seis veces e en lugares destacados da noticia: non só no titular, senón tamén no pé de foto, nos tags… O único sinónimo do termo que se emprega na noticia é ‘neno’ pero só dúas veces fronte a seis de ‘crianza’. Estou flipando.
E non será por sinónimos xenuinamente galegos: neno (o máis común), rapaz, meniño, pícaro, pequeno, pequerrecho, criatura… E seguro que hai máis. Pero non, Vieiros opta pola modalidade da palabra máis lusófona sen dúbida, pero con certeza tamén menos empregada no territorio galego. E non é a primeira vez que o fai: no seu arquivo hai noticias que falan tamén de ‘crianzas’ saharauís e de Etiopía.
Sinceramente, necesito da vosa axuda. Eu na vida escoitei a ninguén en Galicia utilizar esa palabra, así que necesito que me informedes das vosas aldeas terremotas porque non quero tampouco descartar a priori que poida ser unha palabra empregada nalgún curuto perdido do país. Ora ben, tedes que recoñecerme que esa non é unha palabra galega… ou mellor dito, non é a palabra que maioritariamente empregan os galegos para referirse aos nenos.
Con que obxectivo logo se emprega? Para abrir camiño coa lusofonía? Francamente, discrepo con este xeito tan estraño de reintegracionismo. É un reintegracionismo quiero-y-no-puedo, non sei… Por un lado, escriben en normativa oficial, pero por outro lado, fanlles chiscadelas aos reintegratas un tanto absurdas, ao meu entender. É un híbrido que me desconcerta.
79 comments Setembro 12th, 2008


