Lurinha exposed!
A nosa amiga Lurinha, reintegrata practicante, mándame un arquivo de audio para que coñezamos todos como é a súa voz e a súa maneira de falar. Ante todo quero dicir que me parece moi valente que se expoña aquí ante todos coa única arma da súa voz, e só por iso estou moi agradecido. Se vos parece, primeiro escoitamos o que di e como o di, e logo comentamos…
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
En primeiro lugar, teño que dicir que Lurinha ten un galego precioso, unha fonética e unha prosodia lindísimas e uns trazos típicos do galego occidental polos que debe estar moi orgullosa. Para min sería un galego perfecto, se non fose porque intenta por veces forzar a máquina do reintegracionismo.
Explícome: Eu imaxino a Lurinha falando coa xente da Costa da Morte sen problemas, pero sinceramente non a vexo empregando algunhas das palabras que pronunciou na súa narración (bom, ecrã, sotaque, comunicaçom, posso, etc). Véxoa máis natural cando usa, como fixo na gravación, un espontáneo “pero bueno” ou a palabra “acento” (que ela pronuncia “asento”, claro) dado que “sotaque” é unha palabra portuguesa e non galega. Tampouco imaxino a Lurinha empregando coas veciñas palabras terminadas en “-çom“ como recomenda o reintegracionismo, senón en “-ción/-sión”, que é como realmente fala a xente (de feito ela di tamén “sensación” -pronunciado “sensasión”- e non “sensaçom“).
A gheada de Lurinha, como digo, é preciosa pero contraria ao que defende a maior parte do reintegracionismo. Non existe unanimidade sobre que é o que está detrás deste fenómeno fonético, pero moitos ben que o consideran como unha “contaminación” da lingua castelá que cumpriría eliminar. Eu dígolle que non, Lurinha. Non elimine ese xeito de falar tan precioso. Co seseo non tería problema, pois boa parte dos reintegracionistas defenden que é a forma “auténtica” do galego e condenan os que cecean. Polo tanto, como ve, non hai galegofalantes “perfectos” para eles, ben porque falan con gheada ben porque falan con ceceo…
Lurinha emprega algúns castelanismos na súa fala (”tontería” di algunha vez aínda que tamén fala de “parvada”, “entorno“,…) pero eu a iso non lle dou absolutamente ningunha importancia: o seu galego é moi bo a pesar deses insignificantes pormenores. Pola contra, si que me chama a atención que ao idioma español lle chama “castelám” ou “castelão“. Saiba, Lurinha, que para os reintegratas esas palabras son tamén castrapo; eles falan de “castelhano”, para eles o “castelão” é o que vive nun castelo. Tamén me queda a dúbida de como se debería dicir en reintegrata “soíña” dado que no Estraviz só aparece o masculino “só” (entendo que para ser máis reintegrata debería dicir “sozinha”, como se di en portugués). E logo emprega tamén “posso” en vez de “podo” (do verbo poder) e é algo que me sorprende, sinceramente, porque logo tamén di “poida” en vez de “possa”.
Bueno, en definitiva, Lurinha fala na miña opinión un galego perfecto que non necesita buscar nada fóra da forma oficial. O que lle engade ao seu xeito natural e normal de falar queda, para meu gusto, forzado, artificial e pouco galego, sinceramente. Estou seguro de que cando Lurinha fala coa xente da rúa, non emprega esas palabras. E nin falta que fai! Lurinha. Vostede, amiga, non necesita do reintegracionismo para sentirse máis galega; vostede tal como é, sen artificios, xa é galega dabondo. Un bico.
31 comments Setembro 7th, 2008

