Putos, putas e ‘putalhadas’
A raíz de escribir a tradución do ‘Chuliboy’ do Projecto Mourente para ‘Rufião’ refresquei unha serie de palabras portuguesas que xa case tiña esquecidas e que dan a entender ata que punto é un tanto sexista a linguaxe… Porque un ‘Chuliboy’ tamén pode ser un ‘puto’… e hai que ver canto cambia o significado se se troca un -o por un -a! E iso é algo que acontece en varias palabras.
A ver. Un ‘puto‘ non é estritamente un ‘prostituto’ en Portugal. Pode selo pero normalmente non tería por que ser así. Un puto é un rapaz, un raparigo, un ‘ioguriño‘, vaia. Pero non se lle ocorra chamarlle ‘puta’ a unha nena porque unha puta é unha puta e non unha rapariga. Que cousas, non?
E atención. Cando escoites a palabra ‘putalhada‘ non te enganes, non. É unha reunión de ‘putos’, é dicir, de cativos, de crianças... E chama a atención o feito de que ‘puto’ en portugués tamén signifique pederasta, homosexual, pervertido. Pola contra, o Estraviz só recolle ‘puto’ como equivalente de prostituto ou efeminado. E agárrense! Para o dicionario dos reintegratas, un putom non é unha gran puta; é sinónimo de ‘puto‘.
Ora ben, o que máis me sorprendeu do Estraviz é que inclúa o verbo ‘putear’, como sinónimo de amolar, que eu toda a vida crin que era un castelanismo… Desde logo, en Portugal, que eu saiba, non empregan tal cousa… De onde sairía logo?
Bueno, volvendo ao tema dos significados diferentes segundo o xénero: non é o mesmo dicir en portugués ‘um gajo‘ (un tipo) que ‘uma gaja‘ (porque a tipa se converte automaticamente en muller de ‘mala vida’). A palabra pasa a ser malsoante así que se lle cambia o xénero. Pola contra, non encontrei este fenómeno con ‘fulano’ e ‘fulana’. Se cadra alí non ten a mesma carga pexorativa que pode ter por estes lares.
E para terminar dúas reflexións máis:
1º) É galego empregar “puto/puta” como adxectivo? Eu creo que si. Alén do Miño non o fan, pero nós aquí si que o facemos. Refírome a expresións do tipo “non tes nin puta idea”, “todo o puto día traballando”, etc. Sería asumible polo galego tamén “de puta madre”?
2º) Ollo coa palabra “cabra”, que en Portugal pode ser tamén “puta”. De aí que mellor non dicir “estás coma unha cabra“ ou peor aínda “estás coma unha puta cabra“. É do piorio que se pode dicir alá. Curioso é tamén que alá se usa “cabrão” para designar o animal e tamén o marido traizoado pola muller, mentres que aquí o significado adoita ser tamén o de “home que goza de moitas mulleres”.
Como mola o calão!
5 comments Setembro 4th, 2008

