Amizade ‘colorida’
Hai unha expresión en portugués que me mola e para a que non lle encontro equivalencia en galego. Busquei no vocabulario sexual de Vieiros (mítico) e tampouco encontro nada que lle vaia ben… A expresión, en concreto, xa vola adiantei no titular: “amizade colorida”. Tan preciosa que como sorprendente o seu significado.
Unha “amizade colorida” é o que en castelán se coñece como “amistad con derecho a roce“… É dicir, unha amizade que inclúe episodios sexuais sen ningún tipo de compromiso sentimental. Eu opino que nós non podemos adaptar esa expresión en castelán, entre outras cousas porque, ao non existir “roce” en galego, quedaría un pouco estraño dicir “amizade con dereito a roza/rozadura/rozamento”… Non sei se lle cadra moi ben ao galego esa tradución literal, vaia.
Por iso, non estaría mal que nós puidésemos “importar” do portugués esa “amizade colorida” tan fixe que tantas cousas evoca. Iso si, se coñecedes algunha expresión galega que lle vaia mellor ao que quero expresar, por favor, non a deixedes para vós e compartídea.
Por certo: no Estraviz (aspiradora central da lusofonía) non aparece esa expresión, entre outras cousas porque tampouco adoita figurar nos dicionarios portugueses (bastante rancios á hora de meter entradas da lingua coloquial, por non falarmos da súa aversión total a incluír palavrões).
19 comments Setembro 1st, 2008


