Arquivo de Setembro 2008

Verbo fazer en reintegrata: ata seis posibilidades de conxugación diferentes!

Señoras e señores. Ladies and gentlemen. Acabo de descubrir que un reintegrata pode conxugar a segunda persoa do plural do antepretérito do verbo “fazer” ata de seis formas diferentes. Noutros tempos verbais tamén hai catro opcións posibles. Normalmente, as linguas ofrecen unha ou dúas formas para conxugar, pero o reintegracionismo supera con creces esta marca. Pagará a pena comunicarllo ao Guinness?

Seguindo o Conjugal, se eu conxugo o verbo fazer sáeme isto no pretérito perfecto. O que está en vermello é a forma do portugués de Padrón, á que se adhiren moitos reintegracionistas; en laranxa, unha derivación do portugués padrão, e en verde aparecerá o proposto pola norma RAG.

fizem ou figem ou fiz (3 opcións) vs fixen (1 opción)

fizeste ou figeste ou fizeche ou figeche (4 opcións) vs fixeches (1 opción)

fizo ou fijo ou fez (3 opcións) vs fixo (1 opción)

fizemos ou figemos (2 opcións) vs fixemos (1 opción)

fizestes ou figestes (2 opcións) vs fixestes (1 opción)

fizerom ou figerom ou fizeram ou figeram (4 opcións) vs fixeron (1 opción)

Pero é co antepretérito onde, como digo, se rachan todas as marcas.

fizera ou figera (2 opcións) vs fixera (1 opción)

fizeras ou figeras (2 opcións) vs fixeras (1 opción)

fizera ou figera (2 opcións) vs fixera (1 opción)

fizéramos ou figéramos (2 opcións) vs fixeramos (1 opción)

fizérades ou fizérais ou figérades ou figérais ou fizéreis ou figéreis (6 opcións) vs fixerades (1 opción)

fizeram ou figeram (2 opcións) vs fixeron (1 opción)

E eu pregunto: unha cousa é ofrecer unha ou dúas opcións pero seis!… non é demasiado? Non será que, no fondo, non existe unha norma seria neste sentido? Onde está a fronteira que separa o galego AGAL do portugués padrão? E se efectivamente si que existe esa fronteira entre o reintegracionismo e o portugués padrão, por que non crer nunha norma independente para cada un dos idiomas?

26 comments Setembro 30th, 2008

A favor da ‘feminización’ ou travestismo ocasional dos nomes das letras

A ver. Eu non discuto a norma, coincidente en galego e en portugués. Os nomes das letras son masculinos: o a, o be, o efe… Pero, digo eu… E non podían ser femininos tamén? E ollo que estou dicindo a palabra máxica “tamén“, enténdaseme por favor. Por lóxica, e non por influencia do castelán nin farrapos de gaita, non debería ser incorrecto dicir “a hache”, “a ene”, etc? Poño exemplos.

Imaxinade. Estades xogando cun rapaz. E preguntádeslle: “Que letra é esta?” Non sería normal que cativo respondese “a uve” ou “a ese”? O cativo (e un adulto tamén) ten na cabeza o xénero de “a letra” e por iso é normal que se responda desde xeito. Responder “o uve” ou “o ese” implica un cambio de xénero con respecto ao que se pregunta. Por que é correcto dicir “a letra uve” e incorrecto “a uve”, eliminando a palabra “letra” que se dá por sobreentendida? Non sei se me expliquei ben, pero é algo que me dá voltas na cabeza.

Home, ben mirado, non deixa de ser curioso que os nomes de letras (”letra” é unha palabra feminina”) sexan masculinos. Ademais, non había ter vantaxes o feito de que se puidesen utilizar a gusto do consumidor o xénero masculino e feminino neste caso? Os grupos que defenden iso dos xéneros duplos politicamente correctos (”os alumnos/as alumnas”, “os nenos/as nenas”, etc) habían estar ben satisfeitos/satisfeitas! :D .

Tamén pode haber unha solución máis radical: facer que “letra” sexa masculino… e así non habería problemas: “-Que letra é este? -O (letra) uve”. :D (É broma) :D Agora en serio. É unha animalada o que estou dicindo? :D

46 comments Setembro 29th, 2008

Dúas señoras ghalleghofalantes e supermegafans do reintegracionismo

O outro día retei a lurinha a que lles puxese ás súas veciñas de Vimianzo as dúas das lecturas que fixen días atrás: unha en normativa AGAL e outra en normativa RAG. O experimento consistía en saber con cal das dúas normas as señoras de Vimianzo estarían máis identificadas… O caso é que a amiga lurinha acabou por poñerlle o micro á súa nai e… tachán-tachán! Xa temos dúas fans reintegratas! :D

Esta foi a conversa que lle gravou lurinha á súa nai.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Ben. Unha vez escoitada a conversa, ocórrenseme algunhas reflexións:

1º) A nai de lurinha di que se identifica coa norma AGAL, pero fundamentalmente polo seseo. De feito, ela di que “o outro” (o texto en norma RAG) “fala moito coa ce” (sic). O que non sabe a nai de lurinha é que eu fixen unha lectura do galego estándar, é dicir, o máis común para todos os galegos… é dicir, o que cecea. Pero nese aspecto, a nai de lurinha está enganada. Os galegos que cecean non falan galego? Ou falan un galego de segunda categoría? Evidentemente, a resposta é non. Igualmente tampouco é menos galego aquel que sesea e aplica a gheada.

2º) Se eu lese o texto en norma RAG con gheada e con seseo, dous fenómenos que a norma oficial considera plenamente galegos, a nai de lurinha pensaría doutro xeito. Seguro que preferiría a norma RAG. Pola contra, eu non podería gravar un texto con gheada en norma AGAL simplemente porque o reintegracionismo condena explicitamente a gheada.

3º) A nai de lurinha cae na típica frase de calquera paleo-galegofalante: “Nós falamos mui chapurreado, nin é ghallego nin é castellano (…) e con moitas cousas que non son ghalleghas”. É posible que os paleofalantes teñan moitos castelanismos, pero como xa indiquei noutras ocasións, a súa base, os seus alicerces son fortes. Con educación e acción de medios de comunicación, poden pulirse algúns deses castelanismos. Outra cousa é crear unha lingua excesivamente afastada da realidade (AGAL) para “limpar” castelanismos, moitos dos cales son inexistentes ou imaxinarios por mentes ávidas de vinganza.

4º) Chámame a atención que lurinha, reintegrata practicante, lle diga á súa nai palabras como “ghallegho”, “eghemplo”, “desir”, “escoitaches” (en galego AGAL sería “escuitaste”, non?), Ghalisia (pecado mortalísimo e causa de excomuñón para un reintegrata, lurinha), etc. Se tan chungo considera o estado da lingua galega, por que non muda de rexistro? Por que non di “galego” ou “exemplo”? Vexo dúas lurinhas: a que escribe aquí en reintegrata-de-la-muerte e a que fala no seu contorno familiar un galego máis auténtico.

5º) Estráñame tamén moito que a súa nai non flipase coas terminacións en -çom (nada, nada galegas) ou en palabras como “níveis”, “vindouros”, … pero vaia… vou fiarme do que me contan as dúas.

De todos os xeitos, para os que non coñezan as dúas gravacións, aquí están a modo de recordatorio. A primeira é a versión AGAL e a segunda, a RAG.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Por certo, lurinha, déalle un biquiño da miña parte á súa nai, que ten pinta de ser moi simpática… e case tan ‘leoa’ coma a filla. :D

24 comments Setembro 28th, 2008

Julito faille as beiras á nosa Raquelita, que constata o seu ‘extreme makeover’

Estamos a sábado, día de relax, e toca frivolizar un pouco con Gran Hermano. Hoxe descubrín que Julito, o canario cachas-místico lle está tirando os trastos á miña amiga Raquelita. A Julito chámanlle así no programa. A Raquel decido eu desde agora poñerlle Raquelita, en homenaxe a tantas galegas ás que no pasado lles puxeron diminutivos terminados en -ita (tipo Manolita a de non sei onde ou Rosita a de non sei cantos) ou a tantos nenos que tamén pasaron polo calvario do -ito. Por certo, teño xa probas que demostran o cambio radical (mudança radical ou extreme makeover) de Raquelita. Con tanto “retoque” como non me ía custar recoñecela!

Aquí tedes o antes de Raquel, tal e como a coñecín eu.

E aquí está a de agora, a do ano 2008.

Como se pode observar, nada que ver. Está refeita completamente. Pelo (cabelo), cellas (sobrancelhas), pómulos (maçãs do rosto), a furada do queixo (covinha)… [por certo, quen dixo por aí que se os nomes das partes do corpo eran idénticos estabamos a falar de idiomas iguais?]

Por outro lado, teño que dicir que a nosa amiga de Vimianzo con acento eghque cada vez o ten máis chungo seguir na casa. O seu rival nas nominacións, Carlos, está usando artillería pesada.

Por un lado, preséntase como unha vítima ante a audiencia botándolle en cara a Raquel que o nominase. Por outro, o galán está iniciando unha manobra de aproximación coa canaria Gisela para dicirlle á audiencia: “se me salvades, heime liar con ela”. Conclusión: só un milagre pode salvar a gandeira de Baíñas da patada no cu definitiva.

By the way, xa que falamos de latriqueos, a famosísima Aída Nízar (ben coñecida por Lugo, por certo) podería ingresar en prisión a semana que vén. Ten unha condena firme de dous anos e outras tantas sentenzas por executar. Infórmate aquí.

8 comments Setembro 27th, 2008

As miñas primeiras palabras en reintegrata (que nervios!)

Non din que para saber do que se fala hai que experimentalo? Pois hoxe tócame a min. Tanto despotricar do reintegracionismo, tanto criticar amigablemente os reintegratas… hoxe decidín converterme por uns instantes nun socio máis da AGAL. Agarrei un texto calquera que encontrei no PGL, enganchei o micro, e hala… a experimentar ser reintegrata. A verdade é que me custou varios intentos (falta de costume, xa se sabe), pero ao final o resultado non estivo mal de todo. Eu creo que fixen a lectura seguindo os ditados reintegracionistas e isto foi o que saíu.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Que vos parece? Paso ou non paso por reintegrata? Espero que valoredes o esforzo polo menos! E, home, agora que me escoito no meu nível… que queredes que vos diga? Non me vexo nada, nada natural, con tanto seseo e con tantas terminaçons en -çom. O caso é que, para contrastar, decidín ler o mesmo texto en galego independentista (ese termo que tanto vos gusta). E voilà, así son eu co galego ILG-RAG, o galego “como dios manda:D

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Moito mellor, non? A min desde logo paréceme un galego moitísimo máis auténtico. Espero que a miña fonética urbana non vos decepcionase moito… O caso é que, postos a elixir tamén, case prefiro ler o texto en portugués de Portugal, unha lingua que adoro, como xa vos dixen noutras ocasións. Velaquí o resultado.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

O sotaque é se cadra un pouco forzado pero vaia… son dos que penso que cando se fala unha lingua hai que intentar imitar ben o acentiño. E hoxe, que estou chulito, tamén me atrevo co portugués brasileiro, aínda que -teño que confesalo- non me chista demasiado. Pero bueno, voume poñer carioco! Atendede!

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Por último, e xa que estou en plan strip-tease lingüístico, quixera que me escoitásedes lendo o mesmo texto en castelán internacional de Castela. Máis que nada para ver se se corrobora a “teoría orsinia”, recordades? Aquela pola cal un galegofalante fulltime (coma min, por exemplo) fala un castelán máis “puro” ou máis “estándar” ca un galego castelanfalante habitual (eu creo que se me nota algo o acento galego, pero en fin…). Velaquí o resultado.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Bueno, agora sodes vós os que tedes que opinar. Eu creo que estou máis fixe en galego RAG, non por nada… é que me vexo máis eu, máis “auténtico”. O outro paréceme demasiado artificial e nada pegado á realidade lingüística do país, pero vaia… Espero que esta miña primeira incursión no reintegracionismo fose do voso agrado porque me temo que vai haber poucas máis. :D

Que versión do texto cres que lin mellor?

Ver resultados

Loading ... Loading ...

Cal é a norma do galego máis auténtica para ti, a teor das gravacións?

Ver resultados

Loading ... Loading ...

42 comments Setembro 26th, 2008

Exclusiva: esta medianoite farei un strip-tease reintegrata! A não perder!

Acabo de ler por primeira vez na miña vida un texto en reintegrata… e mesmo fun capaz de gravarme! Oh my God! O resultado é espantoso! Poderedes escoitalo esta noite. Não percas o lado mais reintegrata do alemaesta-meia noite.! :D

7 comments Setembro 25th, 2008

Nel Vidal: “Fai falta vontade política real para a defensa do galego”

Moito se fala de como este país debería afrontar e completar a normalización do seu idioma propio, pero poucas veces se escoita os que curran desde a base para lograr ese obxectivo. Nel Vidal Barral (Ribeira, 1980), presidente desde marzo do ano pasado da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), ofrécenos a súa visión sobre o estado actual da lingua, das controversias cos grupos que defenden que o castelán está discriminado en Galicia, da eterna polémica entre independentistas e reintegracionistas e ata da proposta deste blog para que a interxección “bueno” sexa considerada galega…

Cales son as armas dun bo normalizador lingüístico? Supoño que “vender” as bondades do galego sen que o interlocutor o perciba como unha presión ou unha imposición…

As «armas» teñen que ser moitas e moi variadas. Un técnico ou técnica de normalización lingüística non pode ser un misioneiro da lingua, senón un/unha profesional que planifica e xestiona accións desde unha entidade. O obxectivo principal do departamento no que traballan os/as técnicos/as de normalización é o incremento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sobre os que ten influencia ou competencias a entidade á que pertence, e as funcións dese departamento son asesorar á entidade en todo o relacionado coa política lingüística; planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega; promover e coordinar grupos de persoas interesadas no proceso de normalización lingüística para que funcionen como axentes normalizadores dentro do organismo ou na sociedade; promover a formación en lingua; mellorar a calidade lingüística e comunicativa; etc.

Este é un labor complexo, para o que fai falta, polo tanto, unha certa actitude e unha serie de coñecementos e capacidades. Algunhas cousas: capacidades e coñecementos de intervención social, de dinamización, de comunicación, de lingua, de sociolingüística, de técnicas grupais, de lexislación, de negociación, de planificación, de xestión, etc.

A día de hoxe, cales son os sectores da poboación que menos receptivos son á presenza do galego?

Pódense apuntar unha serie de ámbitos ou sectores concretos que poden ser considerados como menos receptivos á presenza do galego, mais desde o meu punto de vista non se trata tanto de sectores como de actitudes individuais ou grupais dentro dalgúns deses ámbitos. Hai claras reticencias na xustiza ou nos corpos de seguridade, mais dentro deses dous estamentos tamén hai movementos que procuran un maior uso do galego. No mundo empresarial acontece o mesmo. Non obstante, nun dos ámbitos que poderiamos considerar máis galeguizado e menos reticente, como é o do ensino, é onde quizais están os grupos que máis visualizan a súa contrariedade ao uso normal do galego. Polo tanto, en todo hai actitudes a favor e en contra: administración, educación, tecido asociativo, xustiza, medios de comunicación, hostalaría, etc.

Ve posible que cidades como Ferrol, A Coruña ou Vigo sexan algún día maioritariamente galegofalantes?

Até hai pouco érano. Santiago de Compostela éo. Entón, por que non Ferrol, A Coruña ou Vigo? Claro que é posíbel, mais dependerá de moitas cousas… Da acción política, dos medios de comunicación, do ensino, da actitude cidadá, do empresariado, etc.

Os estudos din que os mozos identifican o galego con aldea e nacionalismo… Está na mocidade o talón de Aquiles do idioma?

Loxicamente. A mocidade é o futuro de todo; e do idioma tamén. Os cativos, as cativas e a mocidade son a sociedade adulta do futuro, e a transmisión interxeracional do idioma é fundamental, mais agora mesmo xa sabemos que o galego non é o idioma maioritario dos nenos e das nenas. Ao ser isto así, son fundamentais os/as neofalantes. Hai que crer e traballar polo cambio lingüístico. O galego ten que gañar tanto falantes como ámbitos de uso.

En que medida a lexislación pode actuar en favor do galego? Onde cre que debería incidir máis a lei?

A lexislación é fundamental, pero hai moitas máis cousas. Unha lei sen vontade política non serve de nada, e unha lei sen un mínimo de apoio social, tampouco.

Mais o que está claro é que é nas leis onde se teñen que estabelecer as bases e os criterios para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía en todos os ámbitos, e é tamén onde se deben estabelecer os usos lingüísticos das administracións públicas e das súas relacións coa cidadanía, coas empresas, coas outras administracións, etc.

Niso a administración, se se quixera, podería ter moito poder e poderíanse conseguir moitas cousas.

Cal cre que debe ser a estratexia ante as campañas que aseguran que o castelán está discriminado en Galicia?

Os grupos que até o momento defendían esas campañas en Galiza eran, e son, realmente residuais, mais agora son algúns medios de comunicación e unha nova e incomprensíbel estratexia do Partido Popular dirixida desde Madrid, imposta pola Cope e El Mundo, e incorporada dun xeito submiso pola dirección dese partido en Galiza, quen pretenden darlle visibilidade a esas posturas. É unha posición incomprensíbel e imposíbel de penetrar nunha sociedade minimamente formada e informada. Mais cómpre estar atentas e atentos. A estratexia ten que ser informativa e didáctica, simplemente de mostrarlle á sociedade a situación real, a importancia e os argumentos da normalización lingüística.

Por exemplo, en relación co Decreto de uso e promoción do galego no ensino, onde se centran boa parte das críticas destes grupos, é incomprensíbel que desde a Consellaría de Educación ou desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta non se fixese unha boa campaña informativa. Se a todos os pais e nais se lles fixese chegar unha boa e correcta información, cunha carta e un díptico para cada un, información nos centros de ensino, xornadas explicativas, etc., practicamente todo o mundo comprendería e apoiaría o decreto. Hai xente en contra dese decreto porque a información lle chega por outras vías, viciada, incompleta e falseada.

Eu, galegofalante, chamo por teléfono a un determinado servizo e só me atenden en castelán. Que fago? Protesto? Quedo calado?

Con amabilidade e cordialidade dígalle que, por favor, vostede quere ser atendido en galego. Non desista até conseguilo, pois está no seu dereito. Sexa amabelmente intransixente.

En que medida o reintegracionismo incide na normalización lingüística? Axuda ou prexudica? Cre que a sociedade galega está preparada para unha norma escrita portuguesa?

Todas as persoas e movementos que comprenden a importancia do galego, que están a favor do incremento do uso e prestixio da nosa lingua, que traballan por iso, son imprescindíbeis para o proceso social de normalización lingüística.

Ninguén nega que entre os defensores do galego hai opinións e posturas claramente diferentes no que á norma escrita se refire, mais iso non nos pode dividir.

Se alguén tivese a fórmula máxica para a normalización, a estratexia infalíbel, o método perfecto, pois xa non habería nada que discutir. Xa teriamos o problema resolto. Mais ninguén ten esa fórmula, estratexia nin método. Entón, está claro que as persoas que defenden a norma reintegracionista é porque consideran que é o mellor para o galego, e as persoas que defenden a norma independentista ou oficial tamén é porque consideran que é o mellor para o galego.

En todas partes hai actitudes que axudan e actitudes que prexudican, mais estas actitudes non se poden vencellar directamente a quen defende unha norma ou outra.

Está claro que actualmente, en xeral, a sociedade galega non asume a norma escrita portuguesa. Iso é un dato obxectivo, pois emprégase moi maioritariamente a norma oficial. Ninguén o pode discutir. Mais iso ten unha sinxela explicación: a oficial é a que se aprenda na escola, a que usa a administración, a que se usa na prensa escrita, na televisión, nos libros…, en definitiva, a que ten visibilidade diaria para todo o mundo. Se a situación fose outra, a actitude social xeral tamén sería outra.

Hai unha norma oficial, o que é lóxico e necesario. O que desde o meu punto de vista non ten sentido nin é xusto é que se criminalice o reintegracionismo como desde algúns ámbitos se fai.

Cómpre sumar forzas e todas as persoas, grupos e movementos que están a favor do galego son imprescindíbeis para a normalización, utilicen a norma que utilicen e defendan a norma que defendan.

Que diagnóstico lle faría á lingua galega? Está realmente en perigo de desaparición?

Diagnósticos xa se lle teñen feito moitos e ningún é positivo. Agora ben, de aí a que estea en perigo de desaparición hai un mundo. O galego non está agora mesmo en perigo de desaparición, e mentres a sociedade non queira que o estea, non o estará.

Agora ben, hai moito camiño por diante, moito traballo por facer e moito que avanzar. Fai falta vontade política real para a defensa e promoción da lingua galega. Fan falta máis medios, máis recursos e accións realmente planificadas e decididas.

Por último, cre que a interxección “bueno” debería ser admitida como galega, tal e como se defende neste blog?

Iso é moi complicado. O que está claro é que non é unha forma galega, por moito que se use en galego… Admitir a forma “bueno” sería abrir unha vía moi perigosa e, desde o meu punto de vista, nada positiva. A normativa lingüística marca o modelo da escrita formal, polo que unha cousa é utilizar “bueno” de forma espontánea falando galego e outra introducila no modelo de galego escrito. Persoalmente non estou de acordo en que se admita.

20 comments Setembro 25th, 2008

Eva, a das vacas de Vimianzo, cun pé (e medio) fóra da casa de Gran Hermano

Bueno. Hai que ir empezando a diversificar temáticas neste blog. Como xa vos adiantei no mini-chat, abro sección dedicada a “Gran Hermano”, que publicarei sempre que aconteza algo relevante no concurso… Hoxe aproveito para constatar as escasísimas posibilidades que teñen de gañar calquera das dúas consursantes galegas. A Eva, a gandeira de Vimianzo, témola cun pé e medio fóra da casa e a Raquel, a pija-piloto á que teño o gusto de coñecer, será expulsada figho nada máis a nominen.

Eva non ten fácil quedar no concurso. Está nominada xunto a un insulso broker chuliboy cántabro chamado Carlos Hoya (apelido para rimas fáciles) que non esperta grandes paixóns dentro da casa, pero tampouco fóra dela (é dicir, é pouco probable que as maris gasten cartos en botalo). Pola contra, a nosa Eviña limpa-merda-das-vacas-por-semana xa foi presentada como ‘borde’, ‘croco’ e ‘repugnante’ ante a audiencia, unha tía que non “conecta” ben con ninguén da casa. A Eva (quita eses pendentes horrorosos, muller!) hai que agradecerlle que metese algo de galego no concurso (chamoulle “feirante” a Orlando) pero tamén sorprende o seu pouco acento galego (eu escoiteille ata algún “egh que”).

A que fala pijo-pijo-superguay é a nosa amiga Raquel. Eu cando a coñecín xa notaba que lle patinaban algo os “eses”, sssabesss? Vexo que a evolución foi a maior patinaxe cos anos. Constato que Raquel cae mal. Onte mostraron imaxes do ‘casting’ e xa se ve cal foi a “arma” que empregou para coarse na casa: a súa “amizade” con xogadores do Real Madrid. Conclusión: a xente vaina ver coma unha oportunista e sairá da casa así que sexa nominada. Por certo: que peliño tan cativo ten a pobre! Eu cando a frecuentaba tiña o pelo curto e non se lle notaba tanto a fronte. E as cellas, os labios, os dentes… eu creo que non eran así cando a coñecín, pero vaia… a miña memoria pódeme fallar.

En fin, que xa vai estando claro quen ten posibilidades de gañar: a Ana Toro, ex-pija bohemia, ten todas as papeletas de triunfar coas súas paridas algo forzadas por veces. A esta hai que dixerila con calma porque pode ser tan cargante coma o “morritos” catalán ao que a audiencia (con razón) expulsou onte. Seguro que “daba xogo” pero era ‘mazador‘ de máis. :D

O resto dos concursantes non me causaron de momento ningunha excitación. Moita guapita e moito cachas pero pouca substancia. Iso si, devezo por ver a Mercedes Milá disfrazada (perdón, vestida) co “traxe rexional” de galega.

9 comments Setembro 24th, 2008

‘Fixe’, a palabra máis ‘guai’ do portugués, ten problemas de encaixe no galego oral

En portugués tamén hai expresións equivalentes a “guai” ou “chachi”, o que pasa é que teñen difícil a súa incorporación ao galego. A min, desde logo, a que máis me gusta é “fixe (seguro que xa a vistes escrita algunha vez neste blog)… moito máis que “porreiro. Si, si,… “porreiro!” en portugués significa “guai” e non un que toma porros. Pero bueno, volvendo ao “fixe“. Para min que ten difícil encaixe no galego oral actual.

Explícome. Fixe” pronúnciase cun e final case inexistente en portugués. Tal é así que eu, cando escoitei a palabriña por primeira vez, pensei que se trataba de ‘fish‘ (’peixe’ en inglés). Pero non… é ‘fixe’ con e final. E dado que no noso idioma galego si que pronunciamos claramente as letras e do final das palabras (non coma en portugués onde ‘peixe’ se le ‘peish’, por exemplo) a min francamente non me soa nada ben dicir: “isto está fixe (pronunciado fishe, con e final)”. ‘Fixe‘ mola cando se pronuncia ‘fish’, e senón non mola.

Por outro lado, a min o ‘legal’ dos brasileiros tampouco me mola nada, nadiña. Así que, dado que é unha expresión de uso corrente, que podemos facer? Seguir sucumbindo ante o ‘guai’ ou o ‘chachi’ ou o ‘molón’ (aos que eu, francamente, non lles vexo problema ningún)? Ou tirar polo ‘fixe’ lido á maneira portuguesa? Védelo factible ou ocórresevos outra solución?

————————————————–

Por certo: estou flipando. Acabo de descubrir, navegando por aí, que “mogollón” é unha palabra super-antiga en castelán e que en orixe significaba en slang da época “de gorra, comer sen pagar” e que hai derivou ao seu significado actual de “multitude, moito”. Curioso, non? E o verbo “molar” será castelán, pero pronunciado con ‘o’ aberto é máis galego que-nin-diole. Mola mil, neno. :-)

18 comments Setembro 24th, 2008

Señora, pero non ve que a que fala “castrapo” é vostede?

Lección número 1 de todo reintegracionista: o galego que falan os outros é “castrapo”. E isto é de aplicación universal… aquí e na ‘quinta provincia’. Escandalizado leo, vexo e escoito a entrevista que lle fixeron en Vieiros a Antonia Luna, profesora de galego en Bos Aires e unha das mestras do reintegracionismo na Arxentina. Simplemente flipo. Como pode esta señora cualificar de “castrapo” a norma da RAG cando o máximo expoñente de castrapismo é ela mesma? Señora. Faga o favor. A partir de agora só conceda entrevistas escritas.

Esta señora critica o “castrapo”, o “galego arruinado”… cando non sabe distinguir entre vogais abertas e pechadas, cando fala de “cuestiones”, “nosotros”, “anduvimos” e outros castelanismos (por non dicir que emprega o tan denostado “bueno”),… cando emprega “escribir” (”castrapo” para os reintegracionistas), cando conxuga “sinten” (en vez de “senten”), cando di “gustoume moito” (”gostei moito” na norma AGAL), e así etcétera, etcétera, etcétera. E iso que ela é “profesora”! (como serán os alumnos). Os dous únicos trazos reintegratas da conversa: un “dizer” por aí solto, un “depois” e pouco máis.

Por certo, a señora -como era de esperar- recibiu innúmeros aplausos por parte dos reintegratas que comentaron a noticia. O máis forte, ao meu entender, o do amigo Galeguzo:

“Magnífico ouvir esta senhora, todo um exemplo de amor pola língua. Bem podiam aprender do seu exemplo alguns locutores e locutoras da CRTVG, que parece que falam galego com nojo”

Señores locutores e locutoras da CRTVG. Xa saben. A partir de agora… a falar como esta señora, todo un exemplo de corrección e galeguismo. Que forte! Este é o modelo lingüístico que apoia o reintegracionismo ou os aplausos son só polo simple feito de ser reintegracionista?

E digo eu ademais… Por que temos que soportar este tipo de aldraxes? E sobre todo, ninguén vai dicir nada? Canto temos que aturar o de “españolistas”, “castrapistas” e variantes sen que ninguén diga nada? Francamente, empezo a crer o dito: “Mexan por nós e din (dicimos) que chove”.

13 comments Setembro 23rd, 2008

Exclusiva: coñezo a Raquel Gómez, de Gran Hermano 10

Que pequeno é o mundo. Onte vin a gala de Gran Hermano 10 tan tranquilamente, pero ata hoxe non me deron os datos suficientes para confirmar que si, que coñezo a Raquel. Está cambiadísima. Eu trateina cando era solteira, e agora xa está divorciada. Quero dicir, que xa choveu un pouco… Pero vaia, que transformación! E é non de “La Coruña”, como dixo no vídeo de presentación. É máis ben “da provincia”, aínda que parece que non mola presentarse ante o público como “de provincias”. :D Bueno, era esta fricada só. Oxalá que dure no concurso para escachar coa risa en recordo de vellos tempos. Eu, polos datos que teño, creo que pode dar moito, moito xogo. Uh! Por certo: a outra galega do concurso, a gandeira de Vimianzo (tamén da “provincia de La Coruña”, dito por ela) parece tamén bastante pijilla. :D

20 comments Setembro 22nd, 2008

Campaña a prol da normalización… destinatario: Ciberirmandade da Fala

A Ciberirmandade da Fala organizan decote campañas (moi necesarias, todo hai que dicilo) para que diversas empresas e institucións empreguen o galego con normalidade. Ata aí todo ben. O que pasa é que a raíz da última que levaron a cabo, para que o grupo portugués Dolce Vita empregue o noso idioma aquí, véxome na obriga de enviarlles a seguinte misiva.

Estimadas/os responsables de Ciberirmandade da Fala:

Acabo de descubrir a través da rede que están a levar a cabo unha campaña para que a empresa portuguesa Dolce Vita, que se vai instalar proximamente en Galicia, utilice o idioma galego e o topónimo “A Coruña” nas súas campañas de publicidade e nas comunicacións da empresa (páxinas web, rótulos para o público, etc.).

En primeiro lugar, quixera felicitalos non só por esta senón por todas as campañas a prol da normalización do galego que están levando a cabo, pero tamén quixera advertirlles dun perigo: o uso que fan nas súas campañas de normativas minoritarias para o galego, o cal pode crear nos destinatarios das mesmas a idea falsa de que aquí non temos clara cal é a norma para o noso idioma ou que queremos ser unha sucursal da lingua portuguesa.

Isto sobre todo é de vital importancia cando o destinatario é unha empresa portuguesa. Como vostede comprenderá, os responsables de Dolce Vita non van entender como desde Galicia se protesta porque non se emprega o topónimo “A Coruña” e acto seguido recibe outra carta pedindo que se escriba “A Corunha” e logo outro mail que reclame “Corunha”.

Vostedes póñanse no lugar de Dolce Vita. Que farían? Poñerían tres rótulos distintos? Ou pensarían que están sendo obxecto dunha broma pesada? Eu voulles dicir o que farán: se non se molestan en saber como é o topónimo oficial (A Coruña) é ben posible que acaben mantendo o “La Coruña” ao ver que nin sequera entre os galegos nos poñemos de acordo. As cartas que reciban en galego reintegrado serán lidas e interpretadas coma se fosen en portugués mal escrito, así que o obxectivo da súa campaña quedará diluído. Os responsables de Dolce Vita nunca escribirán aquí “Corunha” porque saben que podería ser interpretado pola clientela galega por un intento de colonización cultural portuguesa.

Todo o arriba exposto anímame a suxerirlles que en coherencia coa filosofía das súas actuacións, teñan en conta o noso idioma, o galego, como algo xa normativizado polas autoridades lingüísticas do noso país e non coma un invento que se pode aportuguesar a pracer, a gusto do consumidor.

O lema da Ciberirmandade é “un povo, unha rede, unha fala”. Pois iso: aplíqueno. Unha fala e non un freestyle normativo. A duplicidade de normas pode ser tamén un factor contra a normalización.

Sen máis, agradezo de antemán a súa atención e deséxolles unha boa andadura, esperando que consideren as suxestións formuladas.

PD: “povo” en galego estándar escríbese con “b”. ;-) Xa saben. Os que traballamos a favor da normalización do idioma temos que ser máis esixentes se cabe. Se protestamos para que se escriba ben en galego, nós temos que ser os primeiros en facelo e dar exemplo. E dígollelo con todo o cariño do mundo. :)

Se che parece ben o que lles escribín, ti tamén podes facelo. Fai copy-paste do texto e envíao a infoxeral@ciberirmandade.org. Se non estás de acordo, xa sabes, a despotricar nos comentarios :D

27 comments Setembro 22nd, 2008

Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Setembro 2008
L M M X V S D
« Ago   Out »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

Categorí­as

Tags

Meta