Conscientes de que o son “j” fai pupa, moitos galegofalantes ultracorrixiron a súa gheada para crear a gueada. Juan transformábase en Guan, Javier pasaba a ser Gavier e Pantoja convertíase en Pantoga. É outro fenómeno en vías de extinción que temos nós e máis ninguén.
Non lle chegaba a este pobre país con andar coa liorta do Galicia/Galiza que tivo que xurdir un novo palabro para denominalo. Bueno, en realidade, máis ca un palabro son unhas siglas un tanto absurdas que se empregan por mimetismo co País Vasco (ou esa é a impresión que teño eu). Alí dise frecuentemente CAV (Comunidade Autónoma Vasca)… Aquí o que se esta poñendo de moda é o seu equivalente: CAG.
Non sei se o que se pretende, consciente e inconscientemente, é diferenciar entre Galicia/Galiza e CAG, de tal forma que CAG sería só para o territorio que comprende a comunidade autónoma e Galicia/Galiza para algo máis ca o espazo delimitado por ela. Ao estilo de Euskal Herria, que non é o mesmo que Euskadi, que tampouco é exactamente o mesmo ca CAV. De feito, a wikipedia di:
En la actualidad, la denominación Comunidad Autónoma Vasca (CAV) es utilizada con frecuencia, especialmente en la propia comunidad autónoma y Navarra, ya que las denominaciones Euskadi y País Vasco también han sido usadas históricamente,[2][3] desde su creación con la grafía Euzkadi en el siglo XIX la primera, y antes de 1897 la segunda,[4][5] para nombrar un concepto diferente al de la comunidad autónoma, el de Vasconia o Euskal Herria.
En fin, un rollo patatero que se pretende trasladar aquí, coma se non tivésemos problemas deabondo. Porque, a ver, explíquenme a min… Como carallo teño que pronunciar as siglas CAG?
Cag?
Cagh?
Ce-a-gué?
Ce-a-gá?
Ce-a-gê? (versión reintegrata)
Que cousa máis fea de invento. Ata se parece a CAG-ar! Eu, por se acaso, intentarei seguir chamándolles ás cousas polo seu nome…
O escándalo a semana pasada formouse a raíz dunhas declaracións do xogador do Deportivo Sergio que tiven a honra de chuzar cando caeron por casualidade nas miñas mans. Nunha entrevista concedida ao xornal do Deportivo, o futbolista catalán cualificaba a nosa lingua e a catalá de “dialectos”. Rapidamente a noticia espallouse e foi publicada tanto por Vieiros como por varios xornais cataláns. Intuitivamente, todos quedamos escandalizados coas súas declaracións… pero oh! sorpresa. Moitos, e non precisamente “españolistas”, acabaron por darlle a razón ao xogador.
Efectivamente, non faltaron comentarios asegurando que o galego é un dialecto (algúns para suavizar empregan a palabra “co-dialecto”) e de que? Pois da lingua portuguesa, of course! E pregunto eu: isto é galeguismo ou unha broma pesada? Toda a vida escoitando comentarios para minimizar a entidade da lingua galega cualificándoa de “dialecto do castelán” para que agora veñan outros a dicir que somos un “dialecto do portugués”.
Isto, evidentemente, traizoa a esencia do galeguismo, que defende a existencia dun país con institucións propias e cunha lingua tamén de seu. Sinceramente, paréceme incoherente declararse “galeguista” e á vez considerar o galego como un “dialecto”, con toda a connotación negativa que ten esa palabra.
Que envexa dos cataláns! A eles pareceulles unha ofensa escoitar esas declaracións de Sergio, máxime cando o xogador é o que máis veces vestiu a camisola da selección catalá. Infelizmente, aquí en Galicia, non faltaron os que lle aplaudiron a graza.
Xa sabedes que non son reintegracionista pero estou de acordo con eles nunha cousa: é absolutamente vergonzoso o espazo que ocupa a lingua portuguesa na educación en Galicia. Non é normal que outras comunidades, como a Estremadura española, lle dediquen máis esforzos ao achegamento á lingua portuguesa ca nós, sendo como somos fillos dunha mesma nai (lingüística). Con todo, hai outra materia que queda pendente e que se deberá resolver con urxencia: a esixencia de que os rapaces saian da ESO sabendo falar con fluidez o idioma o galego, non só memorizando unha serie de regras gramaticais que esquecen aos dous días.
A falta de destrezas en galego oral chega por veces a ser alarmante nos núcleos urbanos, con rapaces que falan sen colocar un pronome con xeito, sen pronunciar ben os fonemas propios do galego, sen distinguir entre vogais abertas e pechadas,… As patadas á lingua son tan fortes entre algúns mozos que conviría preguntarse que criterios tivo o profesorado para darlles o aprobado.
Falta esixencia co galego oral, ao meu entender. Se a administración non obriga os profesores a avaliar en serio a lingua falada dos rapaces, simplemente imos aviados. Porque o galego corre o risco de converterse nunha lingua estranxeira dentro da súa propia terra. É dicir, cada vez son máis os mozos que aprenden o galego coma o inglés ou o francés… e iso non se debería de permitir baixo ningún concepto.
Do mesmo xeito que tampouco é aceptable o pouco portugués que se ensina en Galicia. É unha auténtica aberración, ao meu entender. Como é posible que Estremadura sexa a comunidade que concentra o 70% dos estudantes de portugués en España? Esa porcentaxe debería ostentala Galicia e non Estremadura.
No noso país, igual que alá, o portugués dáse como lingua estranxeira, cando a ninguén se lle escapa que aquí é algo máis ca unha lingua estranxeira. E iso por non falarmos do grao de implicación do goberno estremeño, que se traduciu nunha chea de iniciativas (axudas, cursos, materiais didácticos,…).
Bueno, sexa como for, o que está claro é que os rapaces non poden terminar os seus estudos obrigatorios sen coñecer polo menos as cousas máis básicas do que se fala alén do Miño (e máis alá).
Non sei ben cal sería a fórmula correcta para solucionar este déficit de portugués nas escolas, pero se cadra poderían incluírse as ensinanzas de portugués dentro da materia de lingua galega (para mostrar o que pervive da nosa orixe común e o que nos distingue na actualidade), aínda que tampouco sería descartable crear unha materia obrigatoria de portugués… por que non? Non o sei. O que si que sei é que, tal e como están as cousas agora mesmo, estamos nunha situación intolerable.
Como intolerable me parece tamén que algúns profesores de galego lles ensinen aos cativos normativas do galego distintas á da ILG-RAG. Sinceramente, creo que non lles achega nada aos rapaces salvo confusión. É máis: tamén opino que esas actitudes mesmo deberían de ser sancionadas. Galicia necesita máis portugués, estamos de acordo, pero non por esa vía.
Estou namorado platonicamente de Islandia. É un país que me fascina. Non o visitei nunca pero debe ser flipante, con tanta marabilla natural, con invernos durísimos e escuros e veráns con luz do día a esgalla. Un país cun idioma único no mundo, que se protexeu das invasións externas freando o mínimo intento de introducir estranxeirismos na lingua.
Pero o que máis me chama a atención de Islandia é unha cousa: os seus arredor de 300.000 habitantes, practicamente a mesma poboación ca a que ten Vigo. Si, porque me obrigan a facerme sempre a mesma pregunta. E sendo tan pouquiños, como arranxarán para facer tal ou cal cousa?
Por exemplo, sendo como son en Reykjavík 200.000 e estando espallados o resto pola illa, como carallo organizarán os seus concursos de misses ou místers? Porque, imos ver… Haberá tantas candidatas ou candidatos de abondo entre 300.000 habitantes?Non chegará un momento en que se repitan?
Ávido de curiosidade, acudo a youtube e encontro este documento único. A elección de Miss Islandia 2006. Enriba do palco, tres candidatas… E penso… que triste! O caso é que a gañadora nin se decata da súa vitoria… e con inusitada frialdade do norte festexa que a acaban de nomear a máis ghuapa da illa.
Sigo buscando en youtube e encontro outra marabilla… E penso… claro que hai candidatas! Ata se organizan certames para decidir misses segundo as partes do país, igual que aquí se fai por provincias ou comunidades autónomas. Velaquí un vídeo onde as candidatas da zona norte se presentan e fan unhas cantas pamemadas (igualiño que aquí, en bikini, pero por veces tamén con roupa máis axeitada para combater o frío).
A miña curiosidade non cesa… O das misses en Islandia non é para tomalo a coña… porque de feito, segundo me informa a wikipedia, conseguiron o título de Miss Mundo en tres ocasións, a última delas hai só tres anos cunha morena chamada Unnur Birna Vilhjálmsdóttir. A pobriña, por certo, levou unha boa hostia nos preliminares do concurso, tal e como se mostra ao final deste vídeo.
Logo, acudindo á páxina web de Miss Iceland (”Ungfrú Ísland“, xa vos dixen que o islandés non admite facilmente neoloxismos como “miss”), descubro que este ano se presentaron ata 21 rapaciñas distintas… Pero é que nas roldas preliminares participaron arredor de 40!
E tendo en conta que non sería normal que as candidatas repetisen dun ano a outro e que é un concurso que se celebra todos os anos… Que probabilidade hai de que unha muller islandesa se presentase a un concurso de misses? Debe de ser altísima, igual que a probabilidade que ten unha moza de presentarse a Miss Islandia e gañar o concurso! E dado que están tan escasos de poboación, as misses por forza teñen que estar “fichadas” pola veciñanza, figho!
E que ninguén tome isto como algo machista… porque igual que se fala de misses pode falarse de misters, aínda que por moito que busco no google non encontro nada. Bueno, que máis dá. Isto non deixa de ser unha fricada. E como tal debe tomarse. Que carallo!
A BBC dispón dunha páxina web onde lles mostra aos internautas datos esenciais das linguas faladas en Europa pero o galego non aparece por ningures. Está o castelán, está o catalán, está o euskera (basque) pero… esqueceron o galego, a pesar de ter máis falantes ca o propio éuscaro, o maltés ou o islandés, tamén presentes na lista. O galego non existe, non é lingua europea para a televisión pública británica… Indignante
E non se trata de que a BBC sexa reintegrata, porque afortunadamente distingue entre idioma galego e portugués noutra páxina dedicada á árbore xenealóxica das linguas… só que non lle debe de dar ao galego a “categoría” suficiente como para dedicarlle o máis mínimo esforzo.
E tampouco lles supoñía un traballo moi complicado porque cada lingua das que presenta esa páxina só ten unha pequena descrición e unha lista de frases básicas “si”, “non”, “grazas”, “como te chamas?” ou “onde está o cuarto de baño?” coa súa pronuncia. Conclusión: BBC is not Galician friendy.
Bueno, sexa como for, acabo de escribirlles unha carta de queixa. A ver se responden.
I decided to write you because I found highly disappointing that your page about European languages doesn’t include Galician, a language spoken by more than two million people in Galicia, in the north-west corner of Spain.
Remember that Galician is one of the four official languages in Spain, as Spanish, Catalan and Basque, and deserves in my opinion the same space in your web.
You can find more information in English about Galician language here:
http://www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/loia/ficha.php?idioma=2&seccion=5
I am sure that Galician institutions, like the Galician Culture Council, will provide you the same audio samples that you offer for the other languages, and even more information about how to learn it!
Quero empezar este artigo deixando claro que isto non pretende ser un ataque persoal contra ninguén. Son consciente de que hei citar casos que seguramente esconderán unha historia que descoñezo, pero aínda así desexaba poñer enriba da mesa a cuestión da galeguización dos nomes e dos apelidos, sobre todo entre aqueles que traballan a prol da normalización da lingua.
O título do artigo é significativo. O outro día descubro que existe unha organización chamada Associação Internacional de Lusitanistas, unha institución científica que reúne especialistas de lingua, literatura e cultura portuguesas ou lusófonas de máis de 30 países. A novidade é que se acaba de decidir que van ser dous especialistas da Universidade de Santiago os que a van dirixir.
Por un lado, Elias Torres será presidente (ata aquí todo normal), e por outro, a nova secretaria xeral, Carmen Villarino. E claro, quedei chocado. E pregunteime… Como se pode dirixir unha institución como a AIL con ese nome e ese apelido? Quero dicir, paréceme super-respectable chamarse así, faltaría máis! O que me chama a atención é por que esta muller non galeguizou ou “aportuguesou” o seu nome… aínda que só sexa para dar exemplo.
O seu colega Elias xa debeu facelo porque presenta o seu nome sen o til no i, facendo unha clara aposta polo reintegracionismo. Pero Carmen? Por que Carmen? Teoricamente en portugués leva un acento coma unha casa (Cármen) pero en ningún lugar a presentan así. Tampouco como Carme, que é o nome teoricamente máis axeitado para o galego, ou Carmo, como tamén permite a lexislación portuguesa.
O de Villarino tamén me sorprendeu. Sendo como é máis habitual en Galicia Vilariño (6.009 casos) ca Villarino (1.245 casos)… Por que non mudou o apelido? Vilarinho tampouco é un apelido estraño en portugués…
Logo onte falamos de Rafa Villar (e non Vilar) e repítese a historia. E o mesmo acontece con outras moitas persoas que loitan pola normalización do idioma, con algúns membros da RAG ou con algúns deputados do Parlamento que aprobaron por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística… Casos así hainos a moreas… Tampouco se trata de escaravellar na ferida, colocando na palestra máis exemplos concretos.
O que si que me gustaría é abrir un debate sobre as causas. Que frea a unha persoa comprometida co galego a mudar o seu nome ou o seu apelido cando se nos está recordando continuamente o fácil que é facelo nos rexistros civís? Por que hai esa barreira? Cuestións familiares, afectivas, se cadra? Non se transmite así un mal exemplo para a sociedade? Debe prevalecer a opción persoal sobre a militancia, aínda que poida parecer incoherente? Deberíaselles esixir aos que dan a cara que vaian e cambien o DNI? Espero as vosas respostas.
PD: Un lusófilo non reintegrata pode ser lusitanista?
Todo comezou nunha tarde chuceira na que se propón unha entrevista a Rafa Villar, escritor e responsable de normalización lingüística da CIG e unha das caras visibles de Nunca Máis. Na conversa, na que se destaca o titular coa frase “A Real Academia Galega non está á altura da sociedade”, Villar di ao final:
Creo que o achegamento á Lusofonía é un horizonte estratéxico. Terían que darse pasos progresivos. Pero considero que a implantación da norma portuguesa agora, nun momento en que a lingua ten tantas debilidades e está a ser tan atacada, non ía ser percibida por unha maioría social de forma intelixíbel e a rexeitaría.Pero eu si avanzaría incluíndo o portugués nos centros de ensino, coa recepción en Galiza das televisións e radios portuguesas, con maiores intercambios entre as propias administracións. Hai que intensificar os lazos co mundo da Lusofonía.
E non podo estar máis de acordo con el… É talmente o que opino eu. Tras deixalo de manifesto nos foros pertinentes, asegúranme que esas frases de Villar son a definición do reintegracionismo. E por un momento pensei: “Oh, my God! Serei realmente reintegrata sen sabelo?”.
Rapidamente acudo á wikipedia (á portuguesa, por suposto, que é a que ten máis chicha redactada polos propios reintegratas) e leo:
A [corrente de opinión] reintegracionista considera o galego, chamado galego-português, português da Galiza ou portugalego, como uma variedade mais do português e assim aposta pela adopção duma norma ortográfica comum ou muito semelhante.
E é aí onde caio… Non son reintegrata. O que me separa, sobre todo, dos reintegratas é un adverbio chamado “AGORA”. Aquí xa manifestei en varias ocasións a miña adhesión á difusión das televisións portuguesas en Galicia, á necesidade de estreitarmos lazos coa lusofonía,… ata tiña pensado facer un post sobre o necesario que me parece unha maior implantación da lingua portuguesa no ensino galego. É dicir, son un lusófilo convencido (e militante, ademais).
Pero non son reintegrata. E por que? Pois porque creo, igual que fai Villar, que AGORA (e se cadra en moito tempo) non é o momento do reintegracionismo. A sociedade non o vería ben, rexeitaríao. Por iso eu aposto, como xa expliquei con anterioridade, por aumentar os lazos coa lusofonía, que a xente se afaga a escoitar falar en portugués, que os nenos galegos aprendan a nosa orixe común e a nosa evolución diferente…
Pero tamén avogo polo proceso inverso: que na lusofonía escoiten falar en galego sen confundilo co castelhano, que portugueses e brasileiros reciban televisións en galego, que os nenos portugueses e brasileiros estuden tamén as particularidades do noso idioma, que haxa garantías reais de que as nosas palabras aparezan nos dicionarios deles (xa que se supón que somos a mesma lingua), que propios os lusófonos saiban da existencia do galego (que non é pouco)…
E cando pase o tempo -moitas décadas porque este é un proceso que convén deixar madurar- xa será a sociedade galega a que decida: ou ben tomar o camiño da lusofonía ou ben seguirmos como lingua independente, pero con toda a información ao seu alcance, consciente das vantaxes e dos inconvenientes. Esa é a reintegración na que eu creo: a que se fai pola base, non polo tellado, que é a que fan ao meu entender os reintegracionistas galegos.
Ese reintegracionismo non é algo asumible pola sociedade galega (nin tampouco pola lusofonía) de hoxe para mañá… É coma cando che obrigan a tomar algo a desgusto… o máis probable é que o acabes vomitando. O papel dos reintegracionistas, na miña opinión, debería ser distinto ao que teñen na actualidade: loitar por estreitar lazos coa lusofonía máis que intentar impoñer unha norma que sería rexeitada pola sociedade, e garantir tamén que esa unión pola que loitan se faga en pé de igualdade e non de forma asimétrica.
Pasado o tempo, sendo a sociedade consciente desa proposta, e coa garantía do visto e prace da maioría dos galegos, eu non tería problema ningún en virar reintegrata e escribir cunha norma que persoalmente non comparto a día de hoxe. Antes de que se cumpran esas condicións, paréceme que o que se fai é contribuír, se cadra inconscientemente, a que máis xente escape do galego.
De todos é sabido o “activos” que son os reintegratas na rede. Páxinas web, foros, blogs, comentarios,… Non hai un recuncho galegofalante en internet onde non apareza un ç, un m final ou un til nasalidade que nos indica a presenza dun amante do reintegracionismo. Como xa quedou de manifesto en días pasados, os reintegratas empregan o portugués (que algúns chaman “galego de Portugal”) para todo na súa vida cotiá: no computador, no móbil, nas instrucións dos aparellos… Pois ben, o último paso para ser un bo reintegrata é facerse cun teclado en portugués co que poder expresarse máis a gusto na rede… Pero ollo! O teclado portugués pode supoñer un atranco serio máis ca unha vantaxe.
Como vedes, a quen o inventou ben lle debeu quedar a cabeza descansada pola localización dos acentos, tan usados en portugués e en reintegrata: a dúas teclas nada menos ca o “P” e o “Ç” (o lugar onde está o “Ñ” no teclado español).
Isto supón un sobreesforzo importante para os dedos maimiños dereitos, que teñen que desprazarse máis da conta para escribir unha letra cun acento gráfico. As posibilidades de enganarse escribindo acentos son maiores nun teclado portugués ca nun teclado español. Ademais, para que carallo puxeron os símbolos * + º e ª, moito menos utilizados, antes ca os acentos? Non ten lóxica ningunha.
Por sorte, o teclado brasileiro está moitísimo mellor pensado, pero moito máis… Nel os acentos están mellor colocados… á beiriña mesmo do “P” e do “Ç” (como ten que ser!). Por contra, a distribución das comas, puntos, punto e coma, guións, etc. na parte de abaixo parece un pouco máis complicada de asimilar para nós.
E pregunto… chegará tamén a haber “Acordo Mecanográfico” igual que está xestándose o chamado “Acordo Ortográfico” para unificar a escrita do portugués? Espero que, se o hai, triunfe o teclado brasileiro.
—————————————————————
Chst! Sorte que temos os que escribimos en galego no teclado “español” (que non sei por que non lle chamo directamente “teclado galego”, a verdade, posto que recolle todas as letras que se empregan en galego oficial)… Nós non nos temos que andar partindo os cornos pensando se isto vai con acento circunflexo, con til de nasalidade… Para que? Á hora de teclear rápido, gañámoslle a calquera reintegrata. V
O L resístese a escapar da cidade da Coruña.Tamén por culpa dos códigos de aeroportos que ten a IATA, a Asociación de Transporte Aéreo Internacional, que mantén dúas aberracións en dous dos tres aeródromos galegos. O código actual para o aeroporto da Coruña é LCG e o de Santiago de Compostela é SCQ. A culpa tena o francés.
A IATA, con sede en Montréal (a maior cidade do Québec) designou o código LCG inspirándose en La Corogne e o código SCQ partindo de Saint-Jacques de Compostelle. A Vigo púxolle o código VGO, máis normal e respectuoso coa toponimia local ca os dous anteriores. Por ese motivo, as etiquetas que aparecen por exemplo nas maletas que van con destino á Coruña sempre terán o L.
A Asociación de Transporte Aéreo Internacional, con todo, ben podería cambiar estes códigos para adecualos máis á realidade galega. En concreto, para a cidade da Coruña ben podería adoptar ACG (A Coruña - Galicia), CRU ou mesmo CRN. ACO non podería ser porque ese código está reservado para o aeroporto de Ascona en Suíza. Tampouco ACU (é o do aeródromo de Achutupo, en Panamá), nin ACR (que é do aeroporto colombiano de Araracuara), nin COR (que é da Córdoba arxentina).
Para Santiago de Compostela, acaeríalle mellor SCG (Santiago de Compostela - Galicia) ou mesmo CMP (principais consoantes de Compostela). Non sería posible atribuírlle ao aeroporto da capital galega, porque xa están “collidos”, os códigos SAN (de San Diego, EUA), SDC (de Santiago de Chile) ou STC (de Saint Cloud, EUA).
Tampouco sería posible modificar o VGO por VIG porque ese último código está reservado para El Vigía en Venezuela. Pero bueno, as autoridades galegas ou españolasben podían facer unha petición formal ante a IATA para modificar os códigos dos aeroportos galegos para convertelos en ACG, SCG e VGO e facelos máis galegos, en vez dos actuais LCG, SCQ e VGO. Caerían niso?
Chámame moito a atención o feito de que as nosas pelexas polo topónimo non chegasen aínda á most powerful language in the world. Temos dúas formas de denominar o noso país: unha oficial (Galicia) e outra “tolerada” (Galiza). Pero os que falan inglés só empregan a primeira. E o galego para eles é Galician e os galegos, Galician people.
E pregunto eu: cabería que tamén os anglófonos dixesen tamén Galiza?E que por derivación creasen tamén o xenticio “Galizan“? Adianto que a wikipedia en inglés, como a maioría das wikipedias noutras linguas, xa di “Galicia or Galiza“. E digo eu… por que o noso idioma non é para eles “Galician or Galizan“? Por que o noso “ethnic group” (sic) or nationality non é “Galician or Galizan people”?
Algo non concorda. A meirande parte dos xentilicios en inglés fórmanse engadindo -an ao topónimo… e se o topónimo é “or Galiza” por que non se deriva tamén en “or Galizan“? Fáganme o favor de matinar niso… e actualicen as súas wikipedias.
A ver… Que será máis enxebre? Dicir “pene” ou dicir “penis”?Falar do “ano” ou falar do “anus”? Obviamente, as primeiras opcións teñen que ser por forza máis patrimoniais ca as segundas… e polo tanto son as que deben ser empregadas, ao meu modesto entender. Porque iso de “penis” e “anus” non deixan de ser latinismos estúpidos que mostran o lado máis mexeriqueirodalgunhas linguas. Imaxinan? “É que me saíron unhas almorrás no anus” ou “Doutor, creo que teño micropenis”. Ridículo.
Galego, castelán e italiano optan polas solucións máis patrimoniais, mentres que o portugués, o francés e o catalán escolleron os cultismos. E eu pregunto… Desde cando se utilizan latinismos para citar partes comúns do corpo? Como non vai evolucionar “penis” en “pene” e “anus” en “ano”? Como dirían en Portugal, não faz sentido. Ou é que entran en xogo factores externos que impediron nesas linguas a evolución “normal” desas palabras? Hai unha “man negra” institucional que freou o uso popular deses termos? Matinade niso.
Dúas cousas máis:
1) Na AGAL non deben de ter moi claro o asunto porque permiten “pénis” e “pene” no dicionario Estraviz (a Biblia dos reintegratas), e pola contra recolle “ânus” e non “ano”. E eu digo… por que nun caso se permiten as dúas solucións e no outro a versión portuguesa da palabra? Misterios reintegratas.
2) Afortunadamente para as mulleres, o clítoris dise igual nas principais linguas romances.