“Isto é todo… ata mañá!”
A frase popularizouna o Santiago Pemán nos anos nos que andaba dando o tempo pola Galega. Pero… como debería dicilo se fose reintegrata? Pois adepende ou aseghún (palabra recentemente empregada con moito tino por Vieiros). Non hai unanimidade ao respecto.
A ver. O de “Isto é todo”, evidentemente, non ten problema ningún. Dise tal e qual en galego e en reintegrata (salvo que “todo” pasa a ser “tudo” en AGAL e en portugués). O peor vén cando hai que dicir “ata mañá”. O “ata” pode transformarse en “até” sen incorrer en incorrección ningunha tanto no galego RAG coma no outro. E se quixésemos dicir “deica mañá”? Pois pode haber problema. O termo “deica” figura no Estraviz pero non nos dicionarios de lingua portuguesa. “Deica” é unha palabra xenuinamente galega… Debemos renunciar a ela? É ‘castrapo‘?
Pero a curva perigosa chega coa palabra “mañá”. O Estraviz ármase un cacao tremendo con ela. Este dicionario distingue, como fai o portugués, entre manhã e amanhã… “manhã” é a primeira parte do día e “amanhã” o día seguinte ao de hoxe. Logo teoricamente debería dicirse “até amanhã“… Pois non! Fíxense en que contradición incorre o Estraviz na definición de “deica”.
Deica prep. De aqui ou de aí a. Até. (1) Utiliza-se para expressar o espaço temporal partindo do momento actual: deica manhã; deica logo. (2) Utiliza-se também para expressar o espaço temporo-local: vou deica a veiga.
Conclusión: eu, que quero ser reintegrata autodidacta, encontro o problema: como hai que dicir com jeito… até amanhã? ata manhã? deica amanhã? deica manhã? Tamén me chamou moito a atención o feito de que o dicionario Estraviz admita “atá” e non “ata”, forma do galego RAG. Será por un acento, home…!
E pregunto… Hai algún lugar de Galicia onde se diga “amañá” en vez de “mañá”? Hai algún lugar do país onde a xente se despida cun “deica xa!” ou cun “ata xa!” (equivalente ao “até já” molón portugués)? Eu, mentres non encontro resposta a estas preguntas, seguirei despedíndome a lo pijo-Galician mode: ♫ “chao, chao” ♫.
31 comments Agosto 28th, 2008


