Arquivo de 24 Agosto 2008

Propaganda

O reintegracionismo emprega técnicas de propaganda para estender as súas ideas. Como propaganda enténdese “un modo específico de presentarse unha información, co obxectivo de servir unha axenda; mesmo que a mensaxe inclúa cousas verdadeiras, é posible que esta sexa partidaria e que non presente un escenario completo e equilibrado do obxecto en cuestión”. Velaquí algunhas técnicas de propaganda e a súa aplicación práctica no tema que nos ocupa.

  • Ad hominem. Ataca o teu opoñente, non os seus argumentos. Os máis intransixentes recorren ao insulto e atacan persoalmente os que non pensan igual cando non os dan convencido das súas teses.
  • Ad nauseam. Repite incesantemente unha información, aínda que sexa falsa ou imparcial. A técnica funciona mellor cando o propaganista controla o medio. Os reintegratas fanse moi visibles en certos medios, sobre todo da Internet, onde repiten constantemente as súas mensaxes.
  • Chamamento á autoridade. Cítase unha figura prominente para apoiar un posicionamento, idea, argumento ou acción en desenvolvemento. Entre os reintegratas, son constantes os chamamentos á autoridade de Castelao e Carvalho Calero, sobre todo.
  • Chamamento ao medo. Busca de apoio a unha idea ou causa, instigando o medo na poboación en xeral. Os reintegratas apelan constantemente á desaparición (ás veces case inminente) do galego e pintan un panorama coa normativa actual totalmente negro para o idioma.
  • Chibo expiatorio. Atribuírlle a culpa a un individuo ou grupo que non sexa efectivamente responsable, aliviando sentimentos de culpa de partes responsables ou desviando a atención da necesidade de resolver un problema cuxa culpa foi atribuída a aquel que está emitindo a propaganda. O chibo expiatorio do reintegracionismo é, sen lugar a dúbidas, Filgueira Valverde, a quen se lle atribúe practicamente en exclusiva a decisión de optar pola actual normativa da RAG, aínda que tamén hai outros chibos de menor entidade…
  • Demonizar o inimigo. Facer crer que os individuos que pensan o contrario son inhumanos. Destácase incesantemente a “marxinación” á que foi sometido Carvalho Calero, o pai do reintegracionismo, despois de que non triunfase a súa proposta.
  • Desaprobación. Técnica usada para desaprobar unha acción ou idea suxerindo que ela é popular entre grupos odiados, ameazadores ou que estean en conflito co público-obxectivo. Así, se un grupo que apoia unha idea é levado a crer que persoas indesexables, subversivas ou conflitivas tamén a apoian, os membros do grupo poden decidir mudar a súa posición. Os reintegratas transmiten constantemente que se apoias a normativa RAG es españolista, facha, contribúes á desaparición do galego, falas ‘castrapo’, etc.
  • Efecto dominó ou vagón de cola. Intenta convencer a audiencia para que colabore cunha acción “coa que todos están colaborando”; é o típico “únete a nós”. Esa técnica reforza o desexo natural das persoas de estar no lado vitorioso e pretende convencer a audiencia de que un programa é a expresión dun movemento de masas irresistible e que é do seu interese xuntarse a el. O movemento reintegracionista está plenamente convencido da súa vitoria final; se non, non actuaría do xeito que o fai. Tamén fai chamamentos a unirte a el para poder comunicase con millóns de falantes (da lingua portuguesa).
  • Enarborar bandeiras. É un intento de xustificar unha acción facendo crer que é patriótica ou que beneficia un grupo, país ou idea. O reintegracionismo tende a atribuírse en exclusiva a defensa do país e do seu idioma; o resto das institucións só contribúen á súa destrución.
  • Estereotipación. Técnica que busca provocar o rexeitamento nunha audiencia, rotulando o obxecto da campaña de propaganda como algo que o público-obxectivo teme, ten aversión ou considera indesexable. O dito: a norma RAG para o reintegracionismo é españolismo, e esa é a base para atraer novos usuarios, entre os que non se senten españolistas senón todo o contrario.
  • Euforia. O uso dun acontecemento que xera euforia ou felicidade para subir a moral. Euforia pode ser declarar un día ou organizar un desfile con mensaxes patrióticas. O Día do Orgulho Lusista e Reintegrata.
  • Falacia do branco/negro. Ou comigo ou contra min. Para moitos reintegracionistas radicais, non hai termo medio. Ou reintegracionismo ou español. Ou norma portuguesa ou castrapo.
  • Home común ou home do pobo. É unha tentativa de convencer a audiencia de que as posicións do propagandista reflicten o sentido común das persoas. É utilizada para obter a confianza do público comunicándose de maneira común e no estilo da audiencia. Os propagandistas usan a linguaxe e os modos comúns nunha busca de identificar os seus puntos de vista con aqueles da “persoa media”. O famoso “respecto pola oralidade” do reintegracionismo, non compartido por todo o movemento (onde hai persoas, por exemplo, que promoven o seseo e condenan a gheada), é un intento por comunicarse á maneira do público-obxectivo.
  • Palabras virtuosas. Son palabras sacadas do sistema de valores do público-obxectivo, que tenden a producir unha imaxe positiva cando están asociadas a unha persoa ou causa (exemplos: paz, felicidade, seguridade, liderado, liberdade, etc.). No caso dos reintegratas, utilízase sobre todo liberdade e patriotismo.
  • Propaganda enganosa. Son medios de ofrecer o que non se ten, forzando o comprador ou consumidor a comprar outro produto. Os reintegratas venden que unha norma portuguesa nos servirá para entrar en pé de igualdade na lusofonía, cando está demostrado que é radicalmente falso.
  • Racionalización. Usar afirmacións xenéricas favorables para racionalizar e xustificar actos e crenzas cuestionables. Frases xenéricas e agradables son frecuentemente usadas para xustificar esas accións ou crenzas. “O galego, coñecido internacionalmente como portugués, é falado por <colóquese unha cantidade entre 200 e 250 millóns> de persoas”; “O galego morre coa norma da RAG”, “A culpa de que se fale menos galego é da norma actual”, “Os portugueses do Norte séntense galegos”, “O que se fala no norte de Portugal é moi diferente do que se fala en Lisboa”, etc.
  • Slogan. Un slogan é unha frase curta e impactante que pode incluír estereotipación. Os bos slogans son ideas auto-perpetuables. “En <colóquese calquera país lusófono> fálase galego”, aínda que se cadra o slogan de maior triunfo dos reintegracionistas son as palabras “isolacionista” e “isolacionismo” para definir os que non pensan coma eles.
  • Supersimplificación. Afirmacións vagas e favorables son utilizadas para fornecer respostas simles para problemas complexos de natureza social, económica, política… “O galego e o portugués son a mesma lingua”, “Para que imos reclamar tal servizo en galego se xa dispoñible está en portugués ou galego internacional?”
  • Termos de efecto. Son palabras de intenso chamamento emocional tan intimamente asociadas a conceptos e crenzas moi valorizados que convencen sen a necesidade de información ou razóns que as apoien. Apelan a emocións como o amor á patria, o fogar, o desexo de paz, liberdade, gloria, honra, etc. Solicitan o apoio sen o exame da razón. Menos desexo de paz, o resto das expresións empregadas son empregadas decote polo reintegracionismo.
  • Testemuño. Son citacións, dentro ou fóra de contexto, efectuadas especialmente para apoiar ou rexeitar unha idea, acción, programa ou personalidade. Explótase a reputación ou papel da persoa citada. O testemuño dálle unha sanción oficial dunha persoa ou autoridade respectada á mensaxe de propaganda. O que se pretende é causar no público-obxectivo unha autoridade ou para que acepte a opinión da autoridade como súa propia. Castelao é a principal referencia, e reescríbense as súas frases á norma AGAL para darlle outro aire:

    • «O galego é um idioma extenso e útil, porque -com pequenas variantes- fala-se no Brasil, em Portugal e nas colónias portuguesas.»
    • «…a nossa língua está viva e floresce em Portugal, falam-na e cultivam-na mais de sessenta milhões de seres que, hoje por hoje, ainda vivem fora do imperialismo espanhol.»
    • «Nengum galego culto deve consentir que a fala do seu povo -umha fala de príncipes, que ainda é senhora em Portugal e Brasil- seja escrava no pátrio lar, sem direito a ir à escola nem a apresentar-se como igual do castelhano.»
    • «Desejo, ademais, que o galego se acerque e confunda co português»
  • Transferencia. Técnica que proxecta cualidades positivas ou negativas (eloxios ou censuras) dunha persoa, entidade, obxectivo ou valor (dun individuo, grupo, organización, nación, raza, etc.) para outro, para facer ese segundo máis aceptable ou para desacreditalo. Esa técnica é xeralmente usada para transferir culpa dunha parte en conflito para outra e evoca unha resposta emocional, que estimula o público-obxectivo a identificarse con autoridades recoñecidas. “A RAG ten entre os seus membros a Fraga e Franco”, co que se dá a entender que a RAG é franquista e fraguista, por exemplo.
  • Vaguidade intencional. Afirmacións deliberadamente vagas de tal forma que a audiencia pode interpretalas libremente. A intención é mobilizar a audiencia polo uso de frases indefinidas, sen que se analice a súa validade ou determine sua razoabilidade ou aplicación. “Os portugueses do Norte séntense galegos”, “Os galegos aquén o Douro”, “Confundes portugués con sotaque lisboeta”, etc.

18 comments Agosto 24th, 2008


AVISOS


Aínda non asinaches no manifesto a favor de 'bueno'?

Visita a miña canle de Youtube
Alí está o osiño gominola

Este blog en portugués automático
Este blog en español automático

Os artigos actualízanse (ou inténtanse actualizar) todos os días ás 22.00 horas salvo asuntos de máxima urxencia

Últimos comentarios

Enquisa

En que categoría te sitúas dentro da escala alema?

Ver resultados

Loading ... Loading ...
Máis info sobre as categorías da escala de alema aquí

Andan por aquí fozando

Mini-chat

Latest on Tue, 22:59

alema: non che abre en quin.tv? http://quin.tv/video/117-o-reintegracionismo

llik: Meu Deus! acábome de decatar de que eu só pido cousas neste blogue haha

llik: Eu sigo a non poder ver o video de Quin... poderias colgalo no Youtube xD

one2: acabo de ver o vídeo a quin :lol: conta coa resposta politicamente correta :-D

alema: :D :D para que escribirán a trapallada esa?

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta