Pódese ser galeguista e defender que o galego é un dialecto?
O escándalo a semana pasada formouse a raíz dunhas declaracións do xogador do Deportivo Sergio que tiven a honra de chuzar cando caeron por casualidade nas miñas mans. Nunha entrevista concedida ao xornal do Deportivo, o futbolista catalán cualificaba a nosa lingua e a catalá de “dialectos”. Rapidamente a noticia espallouse e foi publicada tanto por Vieiros como por varios xornais cataláns. Intuitivamente, todos quedamos escandalizados coas súas declaracións… pero oh! sorpresa. Moitos, e non precisamente “españolistas”, acabaron por darlle a razón ao xogador.
Efectivamente, non faltaron comentarios asegurando que o galego é un dialecto (algúns para suavizar empregan a palabra “co-dialecto”) e de que? Pois da lingua portuguesa, of course! E pregunto eu: isto é galeguismo ou unha broma pesada? Toda a vida escoitando comentarios para minimizar a entidade da lingua galega cualificándoa de “dialecto do castelán” para que agora veñan outros a dicir que somos un “dialecto do portugués”.
Isto, evidentemente, traizoa a esencia do galeguismo, que defende a existencia dun país con institucións propias e cunha lingua tamén de seu. Sinceramente, paréceme incoherente declararse “galeguista” e á vez considerar o galego como un “dialecto”, con toda a connotación negativa que ten esa palabra.
Que envexa dos cataláns! A eles pareceulles unha ofensa escoitar esas declaracións de Sergio, máxime cando o xogador é o que máis veces vestiu a camisola da selección catalá. Infelizmente, aquí en Galicia, non faltaron os que lle aplaudiron a graza.
31 comments Agosto 18th, 2008


