A secretaria xeral da Associação Internacional de Lusitanistas chámase Carmen Villarino
Quero empezar este artigo deixando claro que isto non pretende ser un ataque persoal contra ninguén. Son consciente de que hei citar casos que seguramente esconderán unha historia que descoñezo, pero aínda así desexaba poñer enriba da mesa a cuestión da galeguización dos nomes e dos apelidos, sobre todo entre aqueles que traballan a prol da normalización da lingua.
O título do artigo é significativo. O outro día descubro que existe unha organización chamada Associação Internacional de Lusitanistas, unha institución científica que reúne especialistas de lingua, literatura e cultura portuguesas ou lusófonas de máis de 30 países. A novidade é que se acaba de decidir que van ser dous especialistas da Universidade de Santiago os que a van dirixir.
Por un lado, Elias Torres será presidente (ata aquí todo normal), e por outro, a nova secretaria xeral, Carmen Villarino. E claro, quedei chocado. E pregunteime… Como se pode dirixir unha institución como a AIL con ese nome e ese apelido? Quero dicir, paréceme super-respectable chamarse así, faltaría máis! O que me chama a atención é por que esta muller non galeguizou ou “aportuguesou” o seu nome… aínda que só sexa para dar exemplo.
O seu colega Elias xa debeu facelo porque presenta o seu nome sen o til no i, facendo unha clara aposta polo reintegracionismo. Pero Carmen? Por que Carmen? Teoricamente en portugués leva un acento coma unha casa (Cármen) pero en ningún lugar a presentan así. Tampouco como Carme, que é o nome teoricamente máis axeitado para o galego, ou Carmo, como tamén permite a lexislación portuguesa.
O de Villarino tamén me sorprendeu. Sendo como é máis habitual en Galicia Vilariño (6.009 casos) ca Villarino (1.245 casos)… Por que non mudou o apelido? Vilarinho tampouco é un apelido estraño en portugués…
Logo onte falamos de Rafa Villar (e non Vilar) e repítese a historia. E o mesmo acontece con outras moitas persoas que loitan pola normalización do idioma, con algúns membros da RAG ou con algúns deputados do Parlamento que aprobaron por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística… Casos así hainos a moreas… Tampouco se trata de escaravellar na ferida, colocando na palestra máis exemplos concretos.
O que si que me gustaría é abrir un debate sobre as causas. Que frea a unha persoa comprometida co galego a mudar o seu nome ou o seu apelido cando se nos está recordando continuamente o fácil que é facelo nos rexistros civís? Por que hai esa barreira? Cuestións familiares, afectivas, se cadra? Non se transmite así un mal exemplo para a sociedade? Debe prevalecer a opción persoal sobre a militancia, aínda que poida parecer incoherente? Deberíaselles esixir aos que dan a cara que vaian e cambien o DNI? Espero as vosas respostas.
PD: Un lusófilo non reintegrata pode ser lusitanista? ![]()
11 comments Agosto 14th, 2008

