Arquivo de 13 Agosto 2008

Vaia, agora resulta que son reintegrata!… (e eu sen sabelo e con estes pêlos)

Todo comezou nunha tarde chuceira na que se propón unha entrevista a Rafa Villar, escritor e responsable de normalización lingüística da CIG e unha das caras visibles de Nunca Máis. Na conversa, na que se destaca o titular coa frase “A Real Academia Galega non está á altura da sociedade”, Villar di ao final:

Creo que o achegamento á Lusofonía é un horizonte estratéxico. Terían que darse pasos progresivos. Pero considero que a implantación da norma portuguesa agora, nun momento en que a lingua ten tantas debilidades e está a ser tan atacada, non ía ser percibida por unha maioría social de forma intelixíbel e a rexeitaría. Pero eu si avanzaría incluíndo o portugués nos centros de ensino, coa recepción en Galiza das televisións e radios portuguesas, con maiores intercambios entre as propias administracións. Hai que intensificar os lazos co mundo da Lusofonía.

E non podo estar máis de acordo con el… É talmente o que opino eu. Tras deixalo de manifesto nos foros pertinentes, asegúranme que esas frases de Villar son a definición do reintegracionismo. E por un momento pensei: “Oh, my God! Serei realmente reintegrata sen sabelo?”.

Rapidamente acudo á wikipedia (á portuguesa, por suposto, que é a que ten máis chicha redactada polos propios reintegratas) e leo:

A [corrente de opinión] reintegracionista considera o galego, chamado galego-português, português da Galiza ou portugalego, como uma variedade mais do português e assim aposta pela adopção duma norma ortográfica comum ou muito semelhante.

E é aí onde caio… Non son reintegrata. O que me separa, sobre todo, dos reintegratas é un adverbio chamado “AGORA”. Aquí xa manifestei en varias ocasións a miña adhesión á difusión das televisións portuguesas en Galicia, á necesidade de estreitarmos lazos coa lusofonía,… ata tiña pensado facer un post sobre o necesario que me parece unha maior implantación da lingua portuguesa no ensino galego. É dicir, son un lusófilo convencido (e militante, ademais).

Pero non son reintegrata. E por que? Pois porque creo, igual que fai Villar, que AGORA (e se cadra en moito tempo) non é o momento do reintegracionismo. A sociedade non o vería ben, rexeitaríao. Por iso eu aposto, como xa expliquei con anterioridade, por aumentar os lazos coa lusofonía, que a xente se afaga a escoitar falar en portugués, que os nenos galegos aprendan a nosa orixe común e a nosa evolución diferente…

Pero tamén avogo polo proceso inverso: que na lusofonía escoiten falar en galego sen confundilo co castelhano, que portugueses e brasileiros reciban televisións en galego, que os nenos portugueses e brasileiros estuden tamén as particularidades do noso idioma, que haxa garantías reais de que as nosas palabras aparezan nos dicionarios deles (xa que se supón que somos a mesma lingua), que propios os lusófonos saiban da existencia do galego (que non é pouco)…

E cando pase o tempo -moitas décadas porque este é un proceso que convén deixar madurar- xa será a sociedade galega a que decida: ou ben tomar o camiño da lusofonía ou ben seguirmos como lingua independente, pero con toda a información ao seu alcance, consciente das vantaxes e dos inconvenientes. Esa é a reintegración na que eu creo: a que se fai pola base, non polo tellado, que é a que fan ao meu entender os reintegracionistas galegos.

Ese reintegracionismo non é algo asumible pola sociedade galega (nin tampouco pola lusofonía) de hoxe para mañá… É coma cando che obrigan a tomar algo a desgusto… o máis probable é que o acabes vomitando. O papel dos reintegracionistas, na miña opinión, debería ser distinto ao que teñen na actualidade: loitar por estreitar lazos coa lusofonía máis que intentar impoñer unha norma que sería rexeitada pola sociedade, e garantir tamén que esa unión pola que loitan se faga en pé de igualdade e non de forma asimétrica.

Pasado o tempo, sendo a sociedade consciente desa proposta, e coa garantía do visto e prace da maioría dos galegos, eu non tería problema ningún en virar reintegrata e escribir cunha norma que persoalmente non comparto a día de hoxe. Antes de que se cumpran esas condicións, paréceme que o que se fai é contribuír, se cadra inconscientemente, a que máis xente escape do galego.

35 comments Agosto 13th, 2008


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta