O L do topónimo ‘A Coruña’ mantense nos códigos de aeroportos da IATA
O L resístese a escapar da cidade da Coruña. Tamén por culpa dos códigos de aeroportos que ten a IATA, a Asociación de Transporte Aéreo Internacional, que mantén dúas aberracións en dous dos tres aeródromos galegos. O código actual para o aeroporto da Coruña é LCG e o de Santiago de Compostela é SCQ. A culpa tena o francés.
A IATA, con sede en Montréal (a maior cidade do Québec) designou o código LCG inspirándose en La Corogne e o código SCQ partindo de Saint-Jacques de Compostelle. A Vigo púxolle o código VGO, máis normal e respectuoso coa toponimia local ca os dous anteriores. Por ese motivo, as etiquetas que aparecen por exemplo nas maletas que van con destino á Coruña sempre terán o L.
A Asociación de Transporte Aéreo Internacional, con todo, ben podería cambiar estes códigos para adecualos máis á realidade galega. En concreto, para a cidade da Coruña ben podería adoptar ACG (A Coruña - Galicia), CRU ou mesmo CRN. ACO non podería ser porque ese código está reservado para o aeroporto de Ascona en Suíza. Tampouco ACU (é o do aeródromo de Achutupo, en Panamá), nin ACR (que é do aeroporto colombiano de Araracuara), nin COR (que é da Córdoba arxentina).
Para Santiago de Compostela, acaeríalle mellor SCG (Santiago de Compostela - Galicia) ou mesmo CMP (principais consoantes de Compostela). Non sería posible atribuírlle ao aeroporto da capital galega, porque xa están “collidos”, os códigos SAN (de San Diego, EUA), SDC (de Santiago de Chile) ou STC (de Saint Cloud, EUA).
Tampouco sería posible modificar o VGO por VIG porque ese último código está reservado para El Vigía en Venezuela. Pero bueno, as autoridades galegas ou españolas ben podían facer unha petición formal ante a IATA para modificar os códigos dos aeroportos galegos para convertelos en ACG, SCG e VGO e facelos máis galegos, en vez dos actuais LCG, SCQ e VGO. Caerían niso?
8 comments Agosto 11th, 2008


