Capital de Galicia? Santiago; Capital da Galiza? Compostela
Ultimamente noto unha tendencia por parte dalgúns sectores a chamarlle “Compostela” á capital do país. Coma se o feito de non escribir “Santiago” fose darlle unha labazada á Igrexa católica ou algo así. Eu francamente non comparto a moda. Por un lado, teño entendido que Compostela é só unha parte de Santiago e non o conxunto. Por outro lado, coido que dicir “Santiago” non implica ningunha militancia relixiosa nin tampouco ningunha adhesión ao catolicismo. Érache boa!
O rexeitamento da forma “Santiago” non debe de ser unha cuestión de normativa, posto que tanto Santiago coma Santiago de Compostela son teoricamente válidas en galego e en portugués. Con todo, a algúns non lles debe de parecer ben a forma oficial do topónimo…
Neste mapa vese ás claras o obxectivo reintegracionista (non sei se dunha parte ou do conxunto) de eliminar calquera referencia á palabra Santiago. Aquí aparece Compostela como comarca, concello e cidade, pero nin rastro do apóstolo que está na orixe do topónimo.
E pregunto: Isto é só para aquí ou é extensible a toda a lusofonía, onde hai outros moitos lugares co nome de Santiago? Só en Portugal hai polo menos:
- Santiago da Guarda
- Santiago da Ribeira de Alhariz
- Santiago de Besteiros
- Santiago de Bougado
- Santiago de Candoso
- Santiago do Cacém
- Santiago de Carreiras
- Santiago de Cassurrães
- Santiago de Figueiró
- Santiago de Litém
- Santiago de Montalegre
- Santiago de Piães
- Santiago de Riba-Ul
- Santiago de Subarrifana
- Santiago de Vila Chã
- Santiago do Escoural
- Santiago dos Velhos
Pois non. Debe ser tirria ao Santiago de Compostela, porque hai máis ’santos’ no mesmo “mapa da Galiza unificada”: Sam Sadurninho, Sam Cibrao das Vinhas… Non entendo nada.
7 comments Agosto 2nd, 2008


