Aproveito que aínda queda unha hora para que termine o día do blog para recomendar 5 bitácoras que me molan, tal e como recomendan que se faga desde o http://www.blogday.org/.
Teño que recoñecer que son máis ávido lector de prensa “convencional” ca de bitácoras, pero aínda así hai algunhas que me gustaría recomendarvos.
Hai outras dúas páxinas que vou recomendar non son blogs exactamente pero son parte de alema xa
- lareta.net (páxina para facer micro-blogging e onde se pode facer autobombo a pracer)
- chuza.org (rede social de noticias de onde xurdiu o personaxe de alema)
Tamén quixera recomendar os blogs dos que pasan por aquí a comentar (os seus enderezos están clicando nos seus nomes nos comentarios)… todos contan historias estupendas! Devezo ademais por que o gerardinho reactive o seu blog para poder trollear con el tamén vía bitácora
Pasa o tempo e non me dou afeito a “grazas”, chico. E mira que o intento. Mira que intento empregalo pero na miña boca e na dos outros non deixa de soarme artificial! Os cambios da normativa oficial de hai cinco anos trouxeron moitas cousas boas, pero sen dúbida o grande erro foi o esa fórmula de agradecemento que me renxe canda vez que a escoito. Eu, que intento ser ben falado, escóndome no “graciñas” por non dicir “gracias” directamente, que é o que o 99% dos galegofalantes empregan.
E moitos diredes… é que hai tantas palabras do galego oficial que non son empregadas pola maioría dos galegofalantes! E eu teño que admitir que iso pode ser así, pero ningunha palabra se cadra soa tan estraña como “grazas”. Máis que nada porque esa expresión adoitamos repetila en demasiadas ocasións ao longo do día.
Outra cousa negativa que ten a palabriña é que en zonas con gheada e seseo queda aínda máis ridícula, se cabe: “ghrasas” (moi similar a “ghraxas”). Non sei… o caso é que por moito que se diga nos medios de comunicación e tal, a min segue sen convencerme de todo.
O que debería de facer a RAG, ao meu modesto entender, era deixar como correcta a palabra “graza” pero só para referirse a “habilidade” ou “aquilo que fai rir”, mesmo dentro da locución “grazas a” podería parecerme aceptable. Pero “grazas” para agradecer algo, síntoo moito, segue sen cadrarme. Como solución, propoño que se institúa “graciñas” (corrente para todo o mundo e desde logo nada artificial) como palabra independente de “graza”. Ou sexa, que só se poida empregar esa fórmula para agradecerlle a alguén algo. Non só ten como vantaxe que é máis popular e máis accesible; tamén é unha maneira de darlle valor ao noso diminutivo -iño que tanta forza ten, na miña opinión, no noso idioma.
En fin… Tamén son consciente de que a maioría de vós diredes que por que non se di “obrigado”, como acontece en portugués. Pois a miña resposta xa a imaxinades. Eu considero o “obrigado/a/os/as” un estranxeirismo sen presenza real na lingua galega (aínda que estou seguro que alguén retrucará que na aldea de non sei onde había un vello que o dicía). A xente de aquí non se identifica co “obrigado” por moito que se promova en determinados foros. “Obrigado” non é unha expresión galega… Ah! E “graciñas” tampouco é castrapo.
E digo chegamos porque considero as vosas achegas fundamentais para o funcionamento deste modesto blog. Grazas a elas e ás vosas críticas construtivas creo que sei algo máis do que sabía hai uns tres meses, cando empecei con esta aventura, tan divertida, apaixonante e chea de sorpresas.
Postos a facer un balance, quedo coa pelexa que algúns levamos a cabo para incluír a palabra ‘bueno‘ no dicionario da RAG (proposta que segue en standby, á espera dunha segunda resposta por parte da Real Academia), o ben que o pasamos cantando e bailando o osiño gominola (un dos ghits non oficiais do verán), ou as risadas que botamos coas paridas adaptadas de Martes y Trece (Terça Feira e Treze)… E, of course, as pelexas amigables que temos decote sobre o tema de sempre, e que non é sexo precisamente…
Houbo acertos e tropezos, sen dúbida. Pero isto non fixo máis que empezar! Para os próximos meses virán máis sorpresas para esta páxina e espero seguir contando coa vosa colaboración, coma sempre. Graciñas a a todos e…
ata mañá / até mañá / deica mañá / até amanhã / atá amanhã / deica amanhã / até manhã / atá manhã / deica manhã! / hastra mañana :* Unha aperta a todos.
Mira que me gustou un dos episodios que repuxeron onte na TVG de ‘Air Galicia‘. O fío condutor era unha suposta independencia de Galicia e a súa adhesión ao “Imperio” (así dicían eles) portugués. Ao final do capítulo, as augas volvían ao rego, pero vaia… a min o que máis simpático me pareceu foi este anaco.
Se o outro día me declarei fan de Projecto Mourente, hoxe preséntome ante vós como incondicional de Isi, que está estupendo facendo de muller (e de home tamén). Simplemente soberbio! (como é que non ten páxina web? eu non a dei encontrado, vaia).
Fixádevos que o sketch primeiro recorre a un dos falsos amigos do portugués: a palabra “espantoso”, con significados tan distintos a un e ao outro lado da fronteira. No segundo sketch unha das señoras que ve a tele di: “e agora que falan en portugués xa non sei nin o que din”. Síntoma de que non hai intelixibilidade mutua?
Os actores todos están moi ben imitando o sotaque portugués… pero tamén deixan en evidencia o dificilísimo que é articular con ese acento tan marabilloso que teñen alá baixo. Éche tan difícil ser galego e facerte pasar por portugués!
A frase popularizouna o Santiago Pemán nos anos nos que andaba dando o tempo pola Galega. Pero… como debería dicilo se fose reintegrata? Pois adepende ou aseghún(palabra recentemente empregada con moito tino por Vieiros). Non hai unanimidade ao respecto.
A ver. O de “Isto é todo”, evidentemente, non ten problema ningún. Dise tal e qual en galego e en reintegrata (salvo que “todo” pasa a ser “tudo” en AGAL e en portugués). O peor vén cando hai que dicir “ata mañá”. O “ata” pode transformarse en “até” sen incorrer en incorrección ningunha tanto no galego RAG coma no outro. E se quixésemos dicir “deica mañá”? Pois pode haber problema. O termo “deica” figura no Estraviz pero non nos dicionarios de lingua portuguesa. “Deica” é unha palabra xenuinamente galega… Debemos renunciar a ela? É ‘castrapo‘?
Pero a curva perigosa chega coa palabra “mañá”. O Estraviz ármase un cacao tremendo con ela.Este dicionario distingue, como fai o portugués, entre manhã e amanhã… “manhã” é a primeira parte do día e “amanhã” o día seguinte ao de hoxe. Logo teoricamente debería dicirse “até amanhã“… Pois non! Fíxense en que contradición incorre o Estraviz na definición de “deica”.
Deica prep. De aqui ou de aí a. Até. (1) Utiliza-se para expressar o espaço temporal partindo do momento actual: deica manhã; deica logo. (2) Utiliza-se também para expressar o espaço temporo-local: vou deica a veiga.
Conclusión: eu, que quero ser reintegrata autodidacta, encontro o problema: como hai que dicir com jeito… até amanhã? ata manhã? deica amanhã? deica manhã?Tamén me chamou moito a atención o feito de que o dicionario Estraviz admita “atá” e non “ata”, forma do galego RAG. Será por un acento, home…!
E pregunto… Hai algún lugar de Galicia onde se diga “amañá” en vez de “mañá”? Hai algún lugar do país onde a xente se despida cun “deica xa!” ou cun “ata xa!” (equivalente ao “até já” molón portugués)? Eu, mentres non encontro resposta a estas preguntas, seguirei despedíndome a lo pijo-Galician mode: ♫ “chao, chao” ♫.
Hoxe quero renderlle unha homenaxe a Projecto Mourente. Non gañou o apologhit, pero tanto me dá. Para min a de ‘Chuliboy’ foi a mellor canción, sen dúbida ningunha. E isto para que vexan moitos que non son un sectario anti-reintegracionista. Con todo, gustaríame ter o atrevemento de propoñer unha versión do seu ghit posiblemente máis acorde para a lusofonía. Se cadra é unha parvada, pero bueno… xa sabedes que me entreteño con estas cousas.
A letra orixinal do ‘Chuliboy’ é:
Que fará o meu chuliboy? Onde vai o meu chuliboy? Nom sei onde o buscar, tampouco sei a quem chamar. As horas passam e eu começo já a desesperar. Chuliboy, chuliboy! Onde está o meu chuliboy? Que fará o meu chuliboy? Com quem vai o meu chuliboy? A noite está a chegar, nom dá soado o celular. A impaciência está a me matar, nom podo máis. Chuliboy, chuliboy! Onde está o meu chuliboy? A gente está a falar que tenho a idade de seu pai. Eu nom quero escuitar, só quero que apareça já.
A miña proposta sería:
Que fará o meu rufião? Onde vai o meu rufião? Não sei onde procurar, também não sei a quem ligar. As horas passam-se; eu começo já a desesperar. Rufi-ão, rufi-ão, onde foi meu rufião? Que fará o meu rufião? Com quem vai o meu rufião? A noite está a chegar, não toca já o celular. A impaciência está-me a matar, não posso mais. Rufi-ão, rufião! Onde foi meu rufião? A malta está a falar que tenho a idade de seu pai. Eu não quero escutar, só quero vê-lo aparecer já.
A letriña tería que cantarse con seseo, por suposto. O de “rufião” (pronunciado con “r” fricativa uvular /ʁ/, ou sexa, igual que en francés) é unha proposta máis “pan-lusista”, dado que “chuliboy” podería cualficarse de “castrapo” polos máis puristas (cousa que non comparto, por suposto). Moitos éxitos na vosa carreira PM… e veña! a arrasar na lusofonía Aquí tedes un fan de por vida.
As linguas desenvólvense tamén a partir da tecnoloxía.Houbo que inventar e/ou adaptar palabras e expresións continuamente para o manexo de novos trebellos. Vémolo día a día coa internet… pero hai outros “inventos” que obrigaron a crear unha linguaxe específica, que temos interiorizada todos. Por exemplo, os galegofalantes cando collemos o teléfono, todos dicimos “diga?”. Pero é isto o que despectivamente denominan algúns ‘castrapo‘?
Formalmente, non é incorrecto dicir a palabra “diga”… é un imperativo do verbo dicir… pero non é a fórmula que se emprega en portugués, por exemplo. Alí, a xente di “tou“ (apócope de “estou”, que tamén se di) cando colle o telefone. Parece que a orixe do “tou” está nos inicios mesmo do invento. Quen collía a chamada respondía “tou” para confirmarlle ao seu interlocutor que si que “estaba” conectado ou ligado, como din eles. De aí que cando hai que facer un segundo “tou” por problemas na comunicación é tamén habitual dicir “tou sim” (”si que estou”). A persoa que fai a chamada, para confirmarlle ao seu interlocutor que tamén está á escoita, adoita tamén dicir “tá” (”está”).
Unha conversa telefónica á portuguesa sería algo así:
A - Tou!
B - Tá! Desculpe, minha senhora…
Se no medio da conversa hai interferencias, o interlocutor A ben pode dicir iso de “tou sim!?” ou mesmo “tou tou“ (que en pijo portugués chega a pronunciarse “tô-tô”)
Isto para nós os galegos é chinés literalmente. Nós seguimos coa fórmula do “diga?”, do “si?”, do “ola?”,… pero nin de lonxe estamos preparados para asumir o “tou“, “tá“, “tou sim“, “tou tou“, etc. É ou non é?
Agora que terminan os Xogos Olímpicos, e que variosmedios en galego repetiron ata a saciedade o de ‘Beixín’, pregúntome seriamente por que optaron por esa solución e non pola de ‘Pequín’, que é máis tradicional e ademais a recomendada pola RAG.
De feito, cando consultas no VOLGA (ese río tan caudaloso) polo xentilicio ‘pequinés’, aparéceche “Pequín (China)” nas observacións. Nin ‘Beixín’ nin ‘beixinés’ figuran na lista da Real Academia. Por iso, pregúntome que levaría os inventores de ‘Beixín’ a optar por esa solución.
En chinés, a cidade dise /peitɕiŋ/ cun p clarísimo con denominación de orixe… e se desde o tempos de María Castaña se di Pequín “aquí e en Pequín”… por que optar por unha galeguización da transcrición pinyin ‘Beijing’? Postos a galeguizar, por que non ‘Peichín’? O fonema /tɕ/ échevos máis parecido ao noso ‘ch’ /ʧ/ ca o ‘x’ /ʃ/, non?
Cómpre recordar tamén que en portugués tamén se prefire a solución ‘Pequim‘ á de ‘Beijing’… e ata os reintegratas escriben ‘Pequim‘! Non entendo nada…
O reintegracionismo emprega técnicas de propaganda para estender as súas ideas. Como propaganda enténdese “un modo específico de presentarse unha información, co obxectivo de servir unha axenda; mesmo que a mensaxe inclúa cousas verdadeiras, é posible que esta sexa partidaria e que non presente un escenario completo e equilibrado do obxecto en cuestión”. Velaquí algunhas técnicas de propaganda e a súa aplicación práctica no tema que nos ocupa.
Ad hominem. Ataca o teu opoñente, non os seus argumentos. Os máis intransixentes recorren ao insulto e atacan persoalmente os que non pensan igual cando non os dan convencido das súas teses.
Ad nauseam. Repite incesantemente unha información, aínda que sexa falsa ou imparcial. A técnica funciona mellor cando o propaganista controla o medio. Os reintegratas fanse moi visibles en certos medios, sobre todo da Internet, onde repiten constantemente as súas mensaxes.
Chamamento á autoridade. Cítase unha figura prominente para apoiar un posicionamento, idea, argumento ou acción en desenvolvemento. Entre os reintegratas, son constantes os chamamentos á autoridade de Castelao e Carvalho Calero, sobre todo.
Chamamento ao medo. Busca de apoio a unha idea ou causa, instigando o medo na poboación en xeral. Os reintegratas apelan constantemente á desaparición (ás veces case inminente) do galego e pintan un panorama coa normativa actual totalmente negro para o idioma.
Chibo expiatorio. Atribuírlle a culpa a un individuo ou grupo que non sexa efectivamente responsable, aliviando sentimentos de culpa de partes responsables ou desviando a atención da necesidade de resolver un problema cuxa culpa foi atribuída a aquel que está emitindo a propaganda. O chibo expiatorio do reintegracionismo é, sen lugar a dúbidas, Filgueira Valverde, a quen se lle atribúe practicamente en exclusiva a decisión de optar pola actual normativa da RAG, aínda que tamén hai outros chibos de menor entidade…
Demonizar o inimigo. Facer crer que os individuos que pensan o contrario son inhumanos. Destácase incesantemente a “marxinación” á que foi sometido Carvalho Calero, o pai do reintegracionismo, despois de que non triunfase a súa proposta.
Desaprobación. Técnica usada para desaprobar unha acción ou idea suxerindo que ela é popular entre grupos odiados, ameazadores ou que estean en conflito co público-obxectivo. Así, se un grupo que apoia unha idea é levado a crer que persoas indesexables, subversivas ou conflitivas tamén a apoian, os membros do grupo poden decidir mudar a súa posición. Os reintegratas transmiten constantemente que se apoias a normativa RAG es españolista, facha, contribúes á desaparición do galego, falas ‘castrapo’, etc.
Efecto dominó ou vagón de cola. Intenta convencer a audiencia para que colabore cunha acción “coa que todos están colaborando”; é o típico “únete a nós”. Esa técnica reforza o desexo natural das persoas de estar no lado vitorioso e pretende convencer a audiencia de que un programa é a expresión dun movemento de masas irresistible e que é do seu interese xuntarse a el. O movemento reintegracionista está plenamente convencido da súa vitoria final; se non, non actuaría do xeito que o fai. Tamén fai chamamentos a unirte a el para poder comunicase con millóns de falantes (da lingua portuguesa).
Enarborar bandeiras. É un intento de xustificar unha acción facendo crer que é patriótica ou que beneficia un grupo, país ou idea. O reintegracionismo tende a atribuírse en exclusiva a defensa do país e do seu idioma; o resto das institucións só contribúen á súa destrución.
Estereotipación. Técnica que busca provocar o rexeitamento nunha audiencia, rotulando o obxecto da campaña de propaganda como algo que o público-obxectivo teme, ten aversión ou considera indesexable. O dito: a norma RAG para o reintegracionismo é españolismo, e esa é a base para atraer novos usuarios, entre os que non se senten españolistas senón todo o contrario.
Euforia. O uso dun acontecemento que xera euforia ou felicidade para subir a moral. Euforia pode ser declarar un día ou organizar un desfile con mensaxes patrióticas. O Día do Orgulho Lusista e Reintegrata.
Falacia do branco/negro. Ou comigo ou contra min. Para moitos reintegracionistas radicais, non hai termo medio. Ou reintegracionismo ou español. Ou norma portuguesa ou castrapo.
Home común ou home do pobo. É unha tentativa de convencer a audiencia de que as posicións do propagandista reflicten o sentido común das persoas. É utilizada para obter a confianza do público comunicándose de maneira común e no estilo da audiencia. Os propagandistas usan a linguaxe e os modos comúns nunha busca de identificar os seus puntos de vista con aqueles da “persoa media”. O famoso “respecto pola oralidade” do reintegracionismo, non compartido por todo o movemento (onde hai persoas, por exemplo, que promoven o seseo e condenan a gheada), é un intento por comunicarse á maneira do público-obxectivo.
Palabras virtuosas. Son palabras sacadas do sistema de valores do público-obxectivo, que tenden a producir unha imaxe positiva cando están asociadas a unha persoa ou causa (exemplos: paz, felicidade, seguridade, liderado, liberdade, etc.). No caso dos reintegratas, utilízase sobre todo liberdade e patriotismo.
Propaganda enganosa. Son medios de ofrecer o que non se ten, forzando o comprador ou consumidor a comprar outro produto. Os reintegratas venden que unha norma portuguesa nos servirá para entrar en pé de igualdade na lusofonía, cando está demostrado que é radicalmente falso.
Racionalización. Usar afirmacións xenéricas favorables para racionalizar e xustificar actos e crenzas cuestionables. Frases xenéricas e agradables son frecuentemente usadas para xustificar esas accións ou crenzas. “O galego, coñecido internacionalmente como portugués, é falado por <colóquese unha cantidade entre 200 e 250 millóns> de persoas”; “O galego morre coa norma da RAG”, “A culpa de que se fale menos galego é da norma actual”, “Os portugueses do Norte séntense galegos”, “O que se fala no norte de Portugal é moi diferente do que se fala en Lisboa”, etc.
Slogan. Un slogan é unha frase curta e impactante que pode incluír estereotipación. Os bos slogans son ideas auto-perpetuables. “En <colóquese calquera país lusófono> fálase galego”, aínda que se cadra o slogan de maior triunfo dos reintegracionistas son as palabras “isolacionista” e “isolacionismo” para definir os que non pensan coma eles.
Supersimplificación. Afirmacións vagas e favorables son utilizadas para fornecer respostas simles para problemas complexos de natureza social, económica, política… “O galego e o portugués son a mesma lingua”, “Para que imos reclamar tal servizo en galego se xa dispoñible está en portugués ou galego internacional?”
Termos de efecto. Son palabras de intenso chamamento emocional tan intimamente asociadas a conceptos e crenzas moi valorizados que convencen sen a necesidade de información ou razóns que as apoien. Apelan a emocións como o amor á patria, o fogar, o desexo de paz, liberdade, gloria, honra, etc. Solicitan o apoio sen o exame da razón. Menos desexo de paz, o resto das expresións empregadas son empregadas decote polo reintegracionismo.
Testemuño. Son citacións, dentro ou fóra de contexto, efectuadas especialmente para apoiar ou rexeitar unha idea, acción, programa ou personalidade. Explótase a reputación ou papel da persoa citada. O testemuño dálle unha sanción oficial dunha persoa ou autoridade respectada á mensaxe de propaganda. O que se pretende é causar no público-obxectivo unha autoridade ou para que acepte a opinión da autoridade como súa propia. Castelao é a principal referencia, e reescríbense as súas frases á norma AGAL para darlle outro aire:
«O galego é um idioma extenso e útil, porque -com pequenas variantes- fala-se no Brasil, em Portugal e nas colónias portuguesas.»
«…a nossa língua está viva e floresce em Portugal, falam-na e cultivam-na mais de sessenta milhões de seres que, hoje por hoje, ainda vivem fora do imperialismo espanhol.»
«Nengum galego culto deve consentir que a fala do seu povo -umha fala de príncipes, que ainda é senhora em Portugal e Brasil- seja escrava no pátrio lar, sem direito a ir à escola nem a apresentar-se como igual do castelhano.»
«Desejo, ademais, que o galego se acerque e confunda co português»
Transferencia. Técnica que proxecta cualidades positivas ou negativas (eloxios ou censuras) dunha persoa, entidade, obxectivo ou valor (dun individuo, grupo, organización, nación, raza, etc.) para outro, para facer ese segundo máis aceptable ou para desacreditalo. Esa técnica é xeralmente usada para transferir culpa dunha parte en conflito para outra e evoca unha resposta emocional, que estimula o público-obxectivo a identificarse con autoridades recoñecidas. “A RAG ten entre os seus membros a Fraga e Franco”, co que se dá a entender que a RAG é franquista e fraguista, por exemplo.
Vaguidade intencional. Afirmacións deliberadamente vagas de tal forma que a audiencia pode interpretalas libremente. A intención é mobilizar a audiencia polo uso de frases indefinidas, sen que se analice a súa validade ou determine sua razoabilidade ou aplicación. “Os portugueses do Norte séntense galegos”, “Os galegos aquén o Douro”, “Confundes portugués con sotaque lisboeta”, etc.
A última reforma da RAG inclúe a supresión das formas do demostrativo neutro “esto”, “eso” e “aquelo”. Anteriormente dábaas por correctas, xunto con “isto”, “iso” e “aquilo”, pero desde hai 5 anos só admite as formas con “i”. En portugués non existe tampouco “esto” e “eso”,… pero agárrense: esas dúas formas si que aparecen no Estraviz, a biblia dos reintegratas.
Podemos concluír, pois, que as normas da RAG nese aspecto son máis lusistas ca as da AGAL. Chama a atención que no Estraviz aparezan como correctas as formas “esto” e “eso” pero non “aquelo” (outra incoherencia máis, pero vaia…). “Esto” e “eso” non é castrapo, logo? Señores da AGAL, vai sendo hora de que actualicen o seu magnífico dicionario…
Coas cousas de comer non se xoga. Teño eu un amigo en Portugal que agarra cada cabreo cando lle fan ruído as tripas pola fame, que me fixo non esquecer xamais as comidas de alá abaixo, de tan diferente denominación aquí e alí.Tanto que ata ao dicionarioEstraviz, tan reintegrata el, non lle queda outra que admitir que temos un claro desfasamento culinario… e moi difícil de arranxar por certo!
Imos ver. As tres principais comidas que facemos aquí teñen nomes asumidos por todos (reintegratas e non reintegratas): almorzo, xantar e cea segundo a RAG e almorço, jantar e ceia segundo a AGAL. A cousa cambia radicalmente cando falamos en portugués, onde as tres principais comidas da xornada son o pequeno-almoço (sen r e equivalente ao noso almorzo), o almoço (sen r tamén e equivalente ao xantar) e o jantar (equivalente á nosa cea). Para eles, a ceia é unha comida que se toma xusto antes de ir para a cama (unha cea bis, vaia).
Así que, nada… Galegos e portugueses volvemos estar en desacordo á hora de designar o máis básico. A quen lle botamos a culpa? Á colonización española?
Chámame moito a atención o feito de que a AGAL optase pola forma almorço (con r), o cal para min constitúe unha verdadeira incoherencia (se se trata de reintegrarse co portugués, por quen non recomendan almoço, sen r?). E tamén por coherencia, por que non lles recomendan aos seus usuarios adaptarse ao sistema pequeno almoço-almoço-jantar portugués? Máis ben parece reintegración a medias…
Logo tamén hai outra cousa curiosa… En portugués como sinónimo de pequeno-almoço (un calco do francés petit déjeuner) teñen a opción de dicir desjejua, dejejua, dejua, desjejum e dejejum (un trabalinguas pouco habitual na fala coloquial)… A min esa palabra sóame un pouco a tradución literal do castelándesayuno e oh! sorpresa, o Estraviz tamén contempla dejejum e desjejum (que á galega debe pronunciarse así como dexexún), algo que a min si que me parece unha copia mal feita do español internacional de España. Pola contra, a RAG non admite nada parecido a esas fórmulas. Ou sexa, que un reintegrata pode desjejuar… pero digo eu… haberá alguén en Galicia que desjejue? A Pantoja vai ter razón: “La jota hace daño”.
Ola, amiguiños. Hoxe tráiovos algunhas ferramentas que hai pola rede para flipar co lusismo! Son válidas tanto para portugueses de verdade como para os que pretenden selo (é broma!). Veña… agora en serio: estas utilidades vanche permitir facer uns textos reintegratasdivinos-de-la-muerte wherever you are.
Amigo reintegrata viaxeiro. Imaxina por uns instantes que estás de viaxe en Suecia e entras nun ciber… “Onde estarán os caracteres que tanto necesito? Agora xa non podo escribir con acentos circunflexos nin con cedilhas nin nada de nada…!”, chegarás a lamentar. Non te preocupes. Aquí tes unha páxina que che permite escribir os teus caracteres favoritos sen necesidade de andar cambiando de teclado. Chámase typeit.org e permite non só darlle ao portugués, senón tamén a outras linguas. Os que usamos o galego “normal” temos que recorrer ao español, aínda que ten unha carencia importante: non ten a letra ï con diérese. Escribireille ao autor do invento para queixarme e para pedirlle que poña “Galician” entre as opcións.
Pero aquí non queda a cousa: encontrei tamén unha páxina para que os lusófonos se sintan na súa casa. Chámase Gate2home.com, e non só che permite escribir en portugués e/ou reintegrata textos, senón tamén buscar na wikipedia portuguesa, escribir un e-mail en portugués, buscar no google portugués e ata facer traducións portugués-inglés. Que máis se pode pedir!? Tamén haberá que mandarlles unha cartiña a estes para que poñan tamén a opción de galego.