Arquivo de Xullo 2008

A miña 1ª mensaxe nos foros da AGAL

Hoxe deime de alta na AGAL (que nervios! que morbo!), pero non para facerme socio, senón para participar nos seus foros. É que houbo alguén que, segundo opino, non entende a filosofía do alema e denunciou nos foros da AGAL que este humilde blog é “anti-reintegracionista”, polo que me vin na obriga de responder.

Isto é o esencial da mensaxe do foro, que espero que sirva tamén para aclarar certos malos rollos.

Bueno, déixome caer por aquí para comentar algunhas cousiñas ante algunhas ideas (falsas, ao meu entender) que circulan por aí.

O meu blog, alema.org, non é un site dedicado a ningunha loita contra ninguén, e moito menos pode cualificarse de blog anti-reintegrata. Xa nas páxinas de benvida explico cales son os obxectivos do blog, que son expoñer unha visión persoal sobre a lingua e abrir un espazo de debate (aberto a todos, sen exclusión) sobre cal debe ser o modelo do galego na actualidade.

En ningún momento descualifico, trato con desprezo ou insulto a quen non opina coma min. Ao contrario, as opinións diferentes á miña son as que recibo mellor, se cadra.

E iso penso que debería facer o mundo reintegrata tamén. Polo que eu sei, o reintegracionismo é un movemento lingüístico que se dedicou a criticar (algunhas veces con máis acerto ca outras) a postura ‘oficialista’ do idioma.

E que é o que fixo ese ‘oficialismo’ durante todo este tempo? Ignorar, “pasar” do reintegracionismo. Hai un refrán que di iso de “non hai maior desprezo que non dar aprezo” (posiblemente non sexa talmente así en galego correcto), e iso é precisamente o que eu non fago: “pasar” do reintegracionismo.

O reintegracionismo estivo durante moito tempo expoñendo as súas ideas, as súas críticas e en moitas ocasións sen resposta dos non reintegracionistas, e crin que chegou momento de reaccionar.

Reaccionar no bo sentido… con argumentos, con sentido do humor, con agarimo nunha discusión ben entendida. O reintegracionismo, para crecer como movemento, tamén necesita un “contra-poder”, por dicilo así. Alguén que non diga todo o tempo “si, si, amén”.

E así xurdiu alema, un personaxe que adora o galego, que adora o portugués (lingua que coñece moi ben) pero que pensa (e non é ningún pecado) que a súa evolución histórica fixo deles dous idiomas independentes.

O alema non vos é un inimigo; ao contrario, é alguén que discrepa, que critica un movemento que considera utópico, romántico e ata certo punto “morboso”, tal e como manifestei varias veces no propio blog.

Moitos reintegratas así o entenden e por iso reaccionan ben ante os meus posts irreverentes; discrepan e son benvidos (faltaría máis): estou convencido de que son os reintegratas os que máis len as miñas cousas.

Infelizmente, outros toman as miñas lerias coma un insulto, coma un ataque… e é algo que lamento moito. Existe algo moi importante para a normalización dun idioma (inclusive do galego reintegrata) que é a tolerancia e o sentido do humor.

Oxalá esteamos todos á altura. Wink
Unha aperta

10 comments Xullo 21st, 2008

O ‘ursinho gummy’ en versión portuguesa internacional de Portugal!

Moitísimo mellor ca a brasileira. Nin punto de comparación. Pero, aínda así, segue sendo a versión galega internacional de Galicia a máis comprensible :-P

Iso si, cantar mellor, cantan mellor portugueses e brasileiros :D Iso hai que saber recoñecelo :D .

Add comment Xullo 21st, 2008

O osiño gominola, outro motivo para (re)virar reintegrata

Con moito orgullo e pracer, teño a honra de mostrarvos a versión galega do coñecido tema “Gummy Bear Song”, que adaptei baixo o nome de “Osiño gominola”. Espero que vos guste.

ADVERTENCIA Youtube xa non permite que este vídeo estea incrustado en ningunha web, pero podes velo clicando aquí.

E moitos diredes que “gominola” é castrapo… pois tanto me dá. É unha palabra de uso corrente como “bueno”, interxección que por suposto non podía faltar na canción xunto cun recordo moi especial para os meus amigos reintegratas.

Por certo, tamén vos deixo aquí a versión en reintegrata da canción, inzada de estranxeirismos (gummy, funny, etc.) contra os que -seguro- ninguén protesta. Xulgade e comparade. Non dan ganiñas de deixar de ser reintegrata? ;-) :D

E unha vez vistas as dúas opcións (a galega-alema e a brasileiro-reintegrata)…

Que versión prefires do 'Gummy Bear Song'?

Ver resultados

Loading ... Loading ...

Graciñas a suevo pola inspiración.

12 comments Xullo 20th, 2008

Aproxímase exclusiva para o 25 de xullo

Só podo ofrecer poucos pormenores de momento… as usual.

1 comment Xullo 19th, 2008

A lusofonía non che está para ‘ches’

Hoxe gustaríame falar doutro trazo propio do galego que non teñen outras linguas próximas e/ou irmás: o pronome “che”… Ese pronome que tanto traballo custa asimilar cando se aprende o galego e que mesmo ocasiona máis dunha confusión entre os galegofalantes habituais. Ese ‘che’ que non encaixa coa lusofonía nin con calzador.

Por que? Pois porque en portugués o “che” non existe. A lusofonía unicamente emprega o pronome ‘te’ e nunca, nunca o ‘che’ (exemplo: “já te disse que não quero“). Eles nunca van dicir frases do tipo “éche o que hai” simplemente porque non teñen ese dativo de solidariedade tan noso… E dificilmente van admitilo ou adaptalo.

Pero sexamos optimistas… imaxinemos que lles dá unha arroutada case imposible e que o chegan a aceptar… Como o escribirían? “Che”, igual ca nós? Estupendo: entón lerán “xe” porque o dígrafo ch en portugués é lido coma un x noso.

Outra solución podería ser que os portugueses escribisen “tche” porque así o lerían igual ca nós… pero sendo así, como se adaptaría iso en norma reintegrata? Escribindo “tche” tamén?

[Por certo: para ser un bo reintegrata como hai que pronunciar "chocolate"? "chocolate" como fai a cidadanía? ou "xukulát" como di a lusofonía?]

Outra solución podería ser suprimir o pronome “che” en galego con vistas a quedar máis fixe na lusofonía… Que máis dará? Facémonos todos teístas e vía… Seguro que haberá quen argumente que só o “te” é a forma xenuína galega e que o “che” non é máis ca “castrapo”. Ben cho sei.

31 comments Xullo 18th, 2008

‘Bueno’, o catalán e as normas antipáticas

Amigos defensores do ‘bueno’ como palabra plenamente galega… Non estamos sós. Tamén en Cataluña hai quen non ve mal que se admita esa interxección como propia do catalán, xa que tamén nos Países Cataláns a xente a utiliza habitualmente.

Se tedes un anaco, lede este interesante artigo da bitácora El Vigilant del Far. Nel faise unha reflexión sobre unha serie de castelanismos que o catalán “importou” ata darlles un sentido diferente ao que teñen en castelán, entre os que se inclúen palabras que deixaron de existir no propio castelán e que perviven na lingua catalá. Pois ben, nese artigo citan o caso de “bueno”, unha palabra que tamén utilizan habitualmente os cataláns na súa lingua coloquial.

Chamoume especialmente a atención este anaco do artigo, que redacta un amigo do autor do blog:

La nostra normativa ha de ser, per definició, més prescriptiva que el que són les normatives de llengües “normals”. En el nostre cas la gent, com a molt, aprèn a (…) no dir “bueno” quan s’hi fixa, però la realitat acaba sempre sortint a la llum… I, paradoxalment, la necessitat que té la normativa de ser tan sancionadora de la realitat, la fa antipàtica a molts parlants i, en conseqüència, allò que fem bé en un sentit ens perjudica en l’altre…

A mi no m’escandalitza, des del punt de vista estrictament lingüístic, l’admissió de tal o tal altre castellanisme. M’escandalitza que no puguem tenir cap criteri objectivable per a fer-ho

Non podo estar máis de acordo. A normativa do galego debería ser, por veces, máis transixente, menos “antipática”… e admitir palabras de uso corrente dos galegofalantes. Non se trata de que pasen pola peneira unha rea de castelanismos e barbarismos… Non, non se trata diso. O estupendo sería que as institucións académicas desen máis mostras de complicidade cos falantes para gañar terreo tamén na normalización do idioma.

18 comments Xullo 17th, 2008

Oh, my God! Ferrín escribiu “ecrán”

Poucas palabras como “ecrám” (coa súa variante “ecrã”) serven para simbolizar as disputas dos reintegracionistas co resto dos galegofalantes. E poucos escritores hai tan belixerantes co lusismo como Xosé Luís Méndez Ferrín. Pois agárrense ás gomas da roupa interior: Ferrín escribiu no Faro a palabra maldita: “ecrán”.

Foi nun artigo de opinión publicado no Faro de Vigo en que pode lerse:

É certo que hai internet, pero un xornal no ecrán da computadora non é o mesmo que un xornal en papel de periódico.

Din as malas linguas que Ferrín anda ultimamente metendo algúns lusismos de máis nos seus escritos e xa hai quen empeza a preguntarse “que-está-pasando?”. Son lapsus? É unha bipolaridade á mantenta con algún estraño obxectivo? Está lanzando Ferrín mensaxes subliminais dirixidas ao reintegracionismo?

Sexa como for, e en defensa de Ferrín, gustaríame aclarar que “ecrán” (”pantalla”, “monitor”, para os que non coñezan a polémica), máis ca un lusismo en si sería a adaptación dun lusismo, posto que o escritor modifica a palabra orixinal en portugués “ecrã” para galeguizala ata “ecrán”. Por outro lado, a palabra “ecrã” é en si mesma un galicismo: os portugueses collérona prestada do “écran” francés.

10 comments Xullo 16th, 2008

Help! Se non son isolacionista… alguén pode dicirme que é o que son?

Creo que xa volo comentei algunha vez. Nin son nin me sinto isolacionista. Partimos da base que o termo é empregado erroneamente polos reintegracionistas para definir os que non comparten as súas teorías. O isolacionismo é, como nos recorda a propia wikipedia portuguesa, “a práctica oficial dun estado ou nación que consiste en pecharse aos demais quer económica, quer politicamente”, tipo a Albania de antano ou a Corea do Norte de hoxe.

Aínda así, mesmo aplicado á lingüística, tampouco me considero isolacionista porque eu non promovo illarme, nin pecharme aos demais, e moito menos ao portugués, que é un idioma irmán! Daquela, que termo define mellor a miña postura? “Oficialismo”, quizais?

Non sei… o caso é que me gustaría coñecer a vosa opinión… Que palabra definiría mellor a todos aqueles que non defenden a reintegración co portugués? Espero as vosas propostas.

28 comments Xullo 15th, 2008

As pintadas, a (lamentable) imaxe que teñen os galegos do reintegracionismo

A maioría dos galegos coñecen o reintegracionismo unicamente pola acción dalgunhas persoas que se dedican a corrixir con rotulador en man os topónimos oficiais galegos en carteis e rótulos. Exemplos hainos a eito. Quen non coñece un carteliño que non sufrira a acción do vandalismo?


Teoricamente, estas accións serven para “normalizar” (así din os seus autores) pero en realidade só conseguen o efecto contrario: un rexeitamento aínda maior da xente, que só ve vandalismo nestas obras de arte tipográficas. Vandalismo e tamén falta de respecto pola toponimia oficial galega, similar á que tiveron moitas institucións estatais cando escribían topónimos deturpados como “La Coruña”, “Orense”, etc. (algo que, afortunadamente, vai corrixíndose co paso do tempo e contra o que todos protestamos).

E eu teño unhas cantas preguntas:
- Que fan as asociacións que promoven o reintegracionismo ante este vandalismo que, por certo, tamén deixa unha pésima imaxe ante os que visitan Galicia?
- Houbo algún tipo de pronunciamento en contra deste tipo de actividades?
- É consciente o reintegracionismo do dano que lle fan as pintadas con vistas a unha normalización verdadeira con respecto á cidadanía?
- Alguén parou a calcular o diñeiro de todos que hai que gastar para reparar estes actos vandálicos?

21 comments Xullo 14th, 2008

Son riquísimo

Nunca vos falei das miñas múltiples empresas? Teño unha cadea de accesorios de baño, outra que fabrica robots, unha floraría, unha empresa de servizos, unha granxa-escola, unha tenda de portas de madeira, un restaurante de cociña caseira, un salón de peiteados,… Que máis se pode pedir?

Así a todo, de todas cantas páxinas teño, a miña favorita segue sendo esta: alema.org. :D ;-)

13 comments Xullo 13th, 2008

Pódense ou débense galeguizar os topónimos portugueses?

Porto, Oporto, O Porto… ata tres denominacións distintas utilizan habitualmente os galegos para referirse á segunda cidade de Portugal, pero só a última sería a correcta segundo a normativa oficial.

O galego ILG-RAG obriga a escribir o artigo que vai cos topónimos das cidades: A Coruña, O Barco, etc. Daquela, tamén hai que escribir O Porto para referirse á cidade portuguesa. Nótese que o artigo contrae coa preposición, igual que faría cun topónimo galego (”Vivo no Porto”, “Esa muller era do Porto”, “Vivo na Coruña”, “Esa muller era da Coruña”, etc.).

Pero a pregunta que vos fago e que me fago hoxe é… Paga a pena “galeguizar” os topónimos portugueses? E se se galeguizan, ata onde temos que poñer o límite?

Por poñer outros exemplos… Como debemos escribir correctamente en galego… “Valenza do Miño” ou “Valença do Minho”? “Camiña” ou “Caminha”? Teoricamente as opcións máis correctas en galego ILG-RAG serían as primeiras, aínda que ninguén practicamente as utiliza.

Máis casos. Cumpriría colocar un til en “Coímbra” ou en “Leiría”? Seguindo as regras de acentuación da RAG, eses topónimos si que levarían til, cando en portugués non o levan… Cal sería logo a opción máis correcta?

E que pasa con “Trás-os-Montes”? Galeguizámolo e escribirmos “Tras Os Montes”? Como pronunciamos “Chaves”? Á galega [tʃ] ou á portuguesa [ʃ]?

En fin, que a toponimia portuguesa adaptada ao galego pode ser unha dor de cabeza e xera unha chea de dúbidas. Don’t you agree?

7 comments Xullo 12th, 2008

Galicia, invisible nos sinais de tráfico portugueses

Pasan os anos e parece que a cousa non ten remedio. Sempre que vai un a Portugal ten que encontrar os típicos sinais de tráfico que indican como ir a “Espanha” (ademais case sempre todo en maiúsculas, ESPANHA, sinónimo de berrar en linguaxe de internet). A que espera a Xunta para convencer o goberno portugués para que troque ese xenérico absurdo por carteis máis precisos onde Galicia teña máis presenza?

indicador de espanha en portugal

Porque se mire por onde se mire, non teñen sentido ningún este tipo de indicacións… Dan a sensación de que un vai entrar nun ente abstracto en vez de nun territorio real. Por que non aproveitan, por exemplo, para poñer nos sinais o nome da cidade galega máis próxima? Non sei… Se cadra era mellor cambiar ese xenérico e absurdo “Espanha” por “Vigo” ou “Corunha”.

O máis curioso é que este tipo de indicadores espanholeiros andan repartidos por toda a xeografía portuguesa, de norte a sur, alí onde estea relativamente próxima unha fronteira (e digo relativamente porque os carteis de “Espanha” poden verse ata no Porto) e son aínda máis rechamantes na raia. A primeira foto que ilustra este artigo foi sacada este serán a menos de 3 quilómetros de Galicia…

Aproveito tamén para dicir que me parece igualmente absurdo que nos carteis que hai polas estradas galegas apareza outro xenérico “Portugal”, sen máis… Non era mellor poñer “Porto” ou “O Porto” (en galego)?

carteis de portugal en galicia

Por certo, cando un vai en coche por Francia e vai entrar en Euskadi non se le “Espagne” nin tampouco “Pays Basque”. En Francia, que niso che son máis espilidos, poñen simplemente “Saint-Sébastien”.

[off topic: cada día que pasa máis me gustan Portugal e a lingua portuguesa :) ]

14 comments Xullo 11th, 2008

Next Posts Previous Posts


AVISOS


Asina en Facebook a favor de 'bueno'!

Visita a miña canle de Youtube
Alí está o osiño gominola

Este blog en portugués automático
Este blog en español automático

Os artigos actualízanse (ou inténtanse actualizar) todos os días ás 22.00 horas salvo asuntos de máxima urxencia

Últimos comentarios

Enquisa

En que categoría te sitúas dentro da escala alema?

Ver resultados

Loading ... Loading ...
Máis info sobre as categorías da escala de alema aquí

Andan por aquí fozando

Mini-chat

Latest on Tue, 23:36

alema: felizmente xa se solucionaron grazas á inestimable axuda do berto :D que é deus :D

alema: HAI PROBLEMAS DE ACCESO A ALEMA.ORG. DESCULPADE AS MOLESTIAS

alema: mario: deixeiche un recado no post do 2 de xaneiro ;-)

mario: Obrigado!! []s

alema: a min gústame moito o libro dedicado á fonética de freixeiro mato... é un dos meus libros de cabeceira :D

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta