Só un micro-artigo para festexar as 342 visitazas que tivo onte alema.org. Unha auténtica pasada se temos en conta que estamos falando dun humilde blog con temática moi especializada. Graciñas a todos e que non baixe a cousa!
Xullo 30th, 2008
Unha noticia recentemente chuzada recordoume como se dicía en Portugal a palabra “fregona”, e unha vez máis constato que ningún dicionario pode substituír a experiencia directa de vivir o idioma. Porque se un consulta os dicionarios, a fregona debería ser un esfregão… pero dáse a circunstancia de que practicamente ninguén alá utiliza a palabriña esa para referirse a ese utensilio. Nos supermercados e nos centros comerciais o que se venden son “esfregonas“… Horreur! outro castelanismo en portugués?!

Tanto o dicionario de galego online de Ir Indo coma o da RAG dan no cravo. Este último define claramente o que é unha fregona.
Utensilio doméstico para limpar o chan, consistente nunha cabeza formada por tiras de tecido ou doutro material que absorben a auga e un mango longo para non se ter que abaixar ao fregar.
Pola contra, o E-Estraviz só recolle a acepción pexorativa que recollen algúns dicionarios portugueses.
Criada rústica que serve na cozinha e frega [esp. fregona]
Efectivamente, en Portugal existe a crenza de que esfregona é un castelanismo que procede de fregona, tal e como recolle o ciberdúvidas da lingua portuguesa. E eu pregunto. E logo o Estraviz por que non adaptou “esfregona”? Eu busco e busco e non encontro palabra reintegrata ningunha para definir o utensilio. O máis que encontro é “esfregom”, que vén definido así:
(1) Trapo ou outro objecto qualquer com que se esfrega. (2) Fricçom forte.
Evidentemente, non é iso do que estamos falando, porque unha fregona non é ningún trapo…
Logo tamén me chama a atención o feito de que o Estraviz admita a palabra galega “fregar” que en portugués non existe: alí dise “esfregar“. E digo eu: dado que en reintegrado se acepta “fregar”, por que non “fregona”? E en caso de resposta negativa, o reintegracionismo adaptaría esfregona a pesar da súa suposta orixe no castelán? Ánimo, que en Portugal están tan contentos coa palabra que ata din “esfregonar“.
Por certo, nós en galego “fregamos” sen problemas… alí tecnicamente o que fan é “lavar o chão“.
Xullo 30th, 2008