O reintegracionismo asimétrico e a parábola da lingua adoptada
A experiencia deste blog estame demostrando a asimetría dos movementos reintegracionistas galegos. E digo galegos porque non coñezo ningún movemento maioritario portugués ou brasileiro que loite pola “reintegración” do galego. Todo faise co obxectivo de sermos máis competitivos, de entrarmos nun mercado maior, todo supostas vantaxes… pero a realidade indica que ao final a historia acaba reducíndose a “peixe grande come pequeno”.
A asimetría do reintegracionismo, ao meu entender, queda evidente a cada intento de facer esa “reintegración” en pé de igualdade:
- Se falamos de que un dicionario portugués inclúe un pexorativo sobre a palabra “galego” non pasa absolutamente nada; cando o fai un en castelán montamos unha lea.
- Loitamos por que en Galicia se vexan as televisións portuguesas, pero non pelexamos para que se vexan alí as galegas.
- Vivimos cómodos sabendo que en Galicia un pode inscribirse no rexistro civil co nome que lle pete, pero non loitamos para que no outro lado coñezan e recoñezan os nomes galegos (e mesmo chega a argumentarse que iso é “imperalismo”).
- Brindamos porque “brêtema” e “lôstrego” son admitidos por algúns dicionarios portugueses como variantes galegas, e conformámonos a pesar de que non hai previsión de que se vaian admitir moitas máis.
- Elaboramos normas e ensinamos a “falar com jeito” pero ningunha gramática portuguesa ou lusófona recolle as nosas peculiaridades (que tampouco se estudan en colexios e institutos de alí)
Conclusión: os galegos temos que adaptarnos sen retrucar a unha ortografía que non se adapta á nosa fonética tras oito séculos de evolución dispar co portugués sen que a lingua portuguesa faga adaptación ningunha. Nós dámosllelo todo sachado e mondado e a cambio de nada. Que tipo de relación masoquista é esa? Iso é, sinceramente, cegueira, amor non correspondido.
Para os reintegracionistas, o galego é coma un neno abandonado e maltratado polo castelán que busca á desesperada a súa nai, o portugués, ao estilo Marco. Pero a realidade di que esa nai xa leva tempo casada con outro home, que ten os seus propios fillos e que aquel fillo do pasado non lle trae máis que problemas. Querer, quéreo, mais…
Os especialistas recomendan dicirlles sempre a verdade aos nenos adoptados, e desde moi pequenos. Por iso eu son partidario de que a xente galega sexa consciente da orixe común do galego e do portugués e das cousas que nos unen, pero tamén é importante que saibamos (uns e outros) o que nos diferencia e, por que non dicilo, “marcar territorio”. É dicir, sermos conscientes de que a nosa nai lingüístico-biolóxica vive cos seus fillos na súa casa e que nós temos o noso recuncho… e só no caso de que esa nai dea pasos para coñecernos mellor, adaptarnos a ela.
Nos casos de adopción sempre se teñen en conta as necesidades do neno antes ca as dos adoptantes. E sempre son os que adoptan os que son sometidos a unha avaliación exhaustiva para saber se son aptos ou non para esa adopción. No caso do galego proponse ao revés: son os galegos os que teñen que adecuarse ás necesidades do portugués, cando debería ser o contrario.
Un bo exercicio de reintegracionismo “real” debería ser ese precisamente: antes de facer que a xente de aquí asuma a ortografía de alí, cumpriría primeiro preparar o terreo no outro lado para que unha hipotética transición sexa menos traumática. E se non é posible esa transición, mellor sería empregar o tempo e a enerxía na normalización do idioma abandonado e vivir sen complexos nunha lingua independente..
13 comments Xullo 29th, 2008

