Matrimonio perfecto: Pirola casa con Cona
Os portugueses non poden inscribirse nos seus rexistros civís con nomes galegos [ver post anterior] e iso é algo que me amola, pero como non vou estar de mala uva por iso e menos nesta fin de semana de ponte, hoxe vouvos contar unha historia curiosa, un traballo de investigación que deu un resultado sorprendente e inesperado…
O outro día entrei por casualidade en dúas páxinas que falan sobre frecuencia de apelidos: unha de Galicia e outra de España. E o típico… cando empezas a cansar de ver cal é a incidencia do teu apelido ou de fulano e mengano, acabas facendo o parvo, coma cando estabas no colexio e mirabas a ver se aparecían “teta” e “puta” no dicionario.
Bueno, o caso é que probando, probando, escribo a palabra “Cona”… e zaca! NOVE resultados, dos cales 7 saían na provincia de Barcelona e outros 2 no resto de España… Sorprendente! Sigo buscando animado polo resultado e tecleo “Pirola” … e toma castaña! Outros NOVE resultados, a maioría en Madrid (6) pero había tamén outros tres no resto das provincias… Consulto na cartografía de apelidos galegos… e eses tres figuran na provincia de Ourense! Impresionante!
A miña curiosidade non ten límites, e acudo ás páxinas brancas (a guía telefónica de toda a vida) e escribo os apelidos mencionados en Madrid e Barcelona e encontro o que podería ser… o matrimonio perfecto! Un Pirola casado cunha Cona! Mulleres co apelido Cona só encontrei unha, e como non é cousa de discriminar por orientación sexual… tamén sería posible se cadra o matrimonio dun Pirola con outro Pirola ou cun Cona, ou ben dun Cona con outro Cona ou cun Pirola!
Quen dixo que o galego non está presente nos apelidos españois (y para bien)?
E outra cousa… na primeira película porno galegofalante, esa que tanto necesitamos para normalizar plenamente o noso idioma, algún dos actores ou actrices (que sempre inventan o apelido) ben poderían inspirarse neste artigo e facerse chamar “Nacho Pirola” ou “Ámber Cona” ![]()
4 comments Xullo 26th, 2008

