Portugal non lles permite aos cidadáns inscribirse con nomes galegos
Se tes un fillo en Portugal e queres rexistralo alí cun nome galego, vaino esquecendo. O Estado portugués non o permite. Os nomes que teñen grafía galega oficial nin pensalo; os escritos en reintegrata, só se coincida coa súa variante portuguesa. E como é que ninguén denunciou isto?
Nin Uxío, nin Ugio, nin Xesús, nin Xiana, nin Giana, nin Brais, nin Icía… Se alguén quere inscribir en Portugal unha criança con estes nomes, simplemente vai dado. Imposible. Todos eses nomes serían automaticamente rexeitados. E preguntarédesvos por que… Pois porque en Portugal existe unha listaxe oficial cos nomes permitidos e prohibidos e, curiosamente, e a pesar de sermos linguas irmás, non se permiten nomes xenuínos galegos: só portugueses.
O Instituto dos Registos e do Notariado portugués publica na súa web esta listaxe, que se vai actualizando regularmente (o último cambio é do 30 de xuño). Chama a atención que si que se permiten nomes anglosaxóns aportuguesados como Pégui (e non Peggy) ou Daisi (e non Daisy)… pero non aparecen na lista nomes galegos tan frecuentes como Uxío ou Uxía (nin sequera escrito Ugio ou Ugia), Brais (como moito Brás), Antón (nin Antão nin Antom: só António), Icía (nin sequera grafado Icia ou doutro xeito)… e así un unha chea máis.
Levaría horas pero sería curioso comparar a listaxe de nomes galegos que recomenda a Mesa Pola Normalización Lingüística (todos eles permitidos en España) coa listaxe de nomes permitidos e prohibidos pola administración portuguesa.
De todos os xeitos, aqueles que teñan a sorte de que o seu nome coincida coa grafía portuguesa non van ter ningún problema. Gerardo, por exemplo, rexistraríase sen atrancos… Iso si, se alguén pretende inscribir un bebé co nome de Xerardo, grafado en galego estándar, a resposta sería “non” por parte da administración portuguesa.
O caso da inscrición de nenos esténdese tamén a todos aqueles cidadáns portugueses que queiran cambiar voluntariamente o seu nome. O Estado portugués non lles permitiría cambiar “Gerardo” por “Xerardo”, nin “Julião” por “Xiao”, por exemplo.
E eu pregunto: Esta é a famosa reintegración pola que loitan algúns? Alguén protestou por isto? Algunha institución que traballa a prol do noso achegamento con Portugal fixo algunha reclamación? Por que é posible inscribir un bebé cun nome portugués en España e non un nome galego (non xa español) en Portugal? Desde cando o noso idioma é tan “internacional”, como din, se nin sequera é posible “exportarmos” á lusofonía algo tan xenuíno noso como son os nosos nomes?
Feliz día nacional de Galicia a todos.
24 comments Xullo 25th, 2008


