Arquivo de 24 Xullo 2008

Confeso: non uso o portugués no teléfono móbil, nin no ordenata… se non hai galego, paso ao castelán (internacional de Madrid)

Pois non. A pesar de que son galegofalante full-time e de que controlo mogollón a lingua portuguesa, non utilizo a opción de “português” no meu móbil (telemóvel). Nas opcións teño posto “español”, teño que confesalo… Merezo ser desterrado alén dos Ancares? Seguro que moitos me acusarán de ser españolista e esas cousas, pero creo que tampouco son un bicho tan raro. Teño algo malo, doutor?

É sobre todo cuestión de preguiza e de comodidade. É que por veces non me aclaro coas opcións. Xa de por si é complicado moverte polos menús, que varían dun modelo a outro, para canto máis andar facendo o sobreesforzo de analizar que quererán dicir algunhas das funcións en portugués (internacional de Portugal). Por exemplo: “Tipos de toque”, “Ecrã principal”, “Barramento cham.”, “Rascunhos” non son ordes sinxelas de entender para un galegofalante habitual

En realidade, e a pesar da adoración que sinto pola lingua portuguesa, case sempre opto polo galego (se é posible) e senón paso directamente ao castelán. Cuestión de comodidade. E supoño que coma a min lle pasará a unha ampla maioría de galegofalantes.

No computador, teño o Firefox en galego, pero se non houbese esa opción preferiría poñelo en castelán antes que en portugués, sentíndoo moito. O Youtube téñoo por defecto en portugués internacional do Brasil pero é case máis por non ver a bandeiriña de España aí arriba ca por outra cousa, porque cada vez que vexo “gravadoras” na lista de “contatos” penso… e que carallo quererá dicir “gravadoras“? ou cando pon “salvar rascunho” penso… pero que carallo lles custará poñer os menús en galego?

É daquela cando lle dou valor ao traballo dos voluntarios que se dedican a traducir o software ao galego de forma altruísta. Penso que non hai cartos nin palabras para agradecerlles dabondo o seu esforzo, e moléstame bastante -teño que recoñecelo- cando din iso de “boh! eu isso já o tenho em galego de Portugal”, desprezando o traballo que fan a prol da normalización do noso idioma.

O Windows téñoo en castelán porque, polo que sei e constatei, o paquete de galego de Microsoft dá algúns problemas, que senón xa o tería. Se algún día me animase polo Linux (de momento non me sinto preparado, a verdade), tamén faría por poñelo en galego, pero nunca en portugués.

E isto dío un amante da lingua e da cultura portuguesas, que a pesar dos seus coñecementos do idioma veciño, prefire non facer sobreesforzos e traballar a prol do recoñecemento do seu idioma, o galego, no campo da tecnoloxía.

Cada vez hai máis móbiles que teñen menús no noso idioma, cada vez hai máis software e máis aplicacións en galego, con traballo voluntario ou remunerado… estamos no mundo pelexando pola nosa supervivencia sen ter que recorrer ao famoso primo/curmán de Zumosol que nos veña sacar as castañas do lume.

E cando compro un electrodoméstico, un aparello novo, algo de tecnoloxía, ás veces chego a preguntarme… De verdade os meus amigos os reintegratas van, se dispoñen dela, á versión portuguesa como primeira opción? Ou farán coma min e por non complicarse a vida con tecnicismos e expresións raras, tiran primeiro polo español internacional de España e só despois, por curiosidade e para aprender (como fago eu), miran as instrucións en portugués?

Veña. Sede sinceros e confesade. Pásavos igual ca min ou tan rarito son?

22 comments Xullo 24th, 2008


AVISOS


Asina en Facebook a favor de 'bueno'!

Visita a miña canle de Youtube
Alí está o osiño gominola

Este blog en portugués automático
Este blog en español automático

Os artigos actualízanse (ou inténtanse actualizar) todos os días ás 22.00 horas salvo asuntos de máxima urxencia

Últimos comentarios

Enquisa

En que categoría te sitúas dentro da escala alema?

Ver resultados

Loading ... Loading ...
Máis info sobre as categorías da escala de alema aquí

Andan por aquí fozando

Mini-chat

Latest on Tue, 23:36

alema: felizmente xa se solucionaron grazas á inestimable axuda do berto :D que é deus :D

alema: HAI PROBLEMAS DE ACCESO A ALEMA.ORG. DESCULPADE AS MOLESTIAS

alema: mario: deixeiche un recado no post do 2 de xaneiro ;-)

mario: Obrigado!! []s

alema: a min gústame moito o libro dedicado á fonética de freixeiro mato... é un dos meus libros de cabeceira :D

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta