Destripando a gominola
22/Xullo/2008
“Sonche unha gominola, a túa gominola, osiño gomi-gomi-gomi-gomi-gominola”… A canción está xa a piques de converterse no éxito do verán, pero segue habendo críticas á inclusión da palabra “gominola” na letra. Pois ben, amiguiños, chegou o momento de ir ao miolo da cuestión e afondar na polémica.
En primeiro lugar, gustaríame aclarar que a palabra “gominola” non é unha palabra en ningún idioma… é unha palabra inventada a finais dos anos 60 por unha empresa española chamada Pastor y Canals para designar esas famosas lambetadas. A palabra fórmase a partir de “goma” á que se lle engade unha terminación -ola, moi habitual en catalán (Ferrussola, Collserola,…) e en galego tamén (cachola, camisola, cirola, pirola…).
E é curioso porque, a pesar de que o inventor da palabra seguro que non pensou no catalán ou no galego, o caso é que non é unha palabra que “desentoe” en ningún destes dous idiomas. Só hai que fixarse na cantidade de resultados que dá o google para “gominoles” (plural en catalán de “gominolas”)… E chama a atención que o euskera tamén absorbeu a palabra: obsérvense os resultados de “gominolak” (plural de “gominola” en euskera).
A revista ‘Consumer’, coñecida polo súa aposta polas linguas minoritarias, elaborou recentemente un artigo en que a palabra “gominola” aparece indistintamente en castelán, galego, catalán e euskera. É dicir, é unha palabra viva nas catro linguas oficiais de España a pesar de que non aparece en ningún dicionario. Todo o mundo sabe o que é unha gominola.
Fronte a isto temos a proposta portuguesa “gummy“, que de portuguesa ten máis ben nada, posto que é un calco talmente do inglés, aínda que na lingua de Shakespeare o nome corrente das gominolas é “winegums”.
E xorde o dilema: Que é preferible? Empregar unha palabra inventada (gominola) por unha empresa? Ou recorrer ao anglicismo portugués conscientes de que o auditorio galego non o vai entender? Evidentemente, eu opto pola primeira opción.
Moitos serían partidarios de instalar unha barreira de metacrilato nas fronteiras lingüísticas do galego para impedirlle o paso a calquera palabra que teña o mínimo cheiriño a castelán… Pero esa é, ao meu entender, unha estratexia equivocada… Unha pretensión inútil porque é imposible de levar a cabo.
Houbo alguén que tamén argumentou que as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) din que “para o arrrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego”. Pois ben, “gominola” non é nin léxico culto, nin léxico científico, nin léxico técnico. É unha palabra da rúa.
E xa para terminar… Projecto Mourente, grupo que se declara reintegrata (e que a min me encanta por certo), escribiu unha canción titulada “Chuliboy” (para min, o ghit do verán)… Alguén protestou porque na lusofonía descoñecen esa palabra? A que ninguén dixo que ‘chuliboy’ era unha palabra en “castrapo”? Normal: hai palabras que forman parte da nosa cultura queiramos ou non e así debemos aceptalo.
Artigo gardado en: lingua, reintegratas



10 comentarios Deixa o teu comentario
1. virando ao lusismo | 22/Xullo/2008 at 1:07
A min tampouco me “desentoa” no galego a palabra “gummy” ou gami. E tampouco me “desentoa” a palabra “ursinho” ou ursiño.
Por certo, dende cando existe a palabra “urso” no portugués, non existiría xa no galego medieval?
Urso cando os galegos vían a este animal con facilidade na súa terra, e oso cando descubriron ao animal nos libros ou na tv en castelán, of course.
A palabra gominola está viva no catalán, euskera e galego por non só sermos españois senón por vivir pechados en exclusiva a esa realidade isolacionista españolista, aínda que por exemplo os galegos, teñamos aos portugueses a outra beira do Miño(ou Minho).
E por tamén sermos españois, e termos esa lingua comunmente imposta, a publicidade que tragamos é ao 99% en castelán e a única versión en galego(normativo) vai ser a túa.
E vólvoche pegar unha cousa
“O relevante da cancionciña é que se ollas no YouTube as distintas versións dobradas, en alemán, sueco, húngaro, checo, eslovaco…e até en castelán “reintegracionista”(para toda América menos para os isolacionistas españois) empregan o “gummy” aínda que o poidan escribir no seu idioma cambiándolle algunha letra.”
A única barreira que hai é estarmos pechados só a España.
Eu comenteiche o das Normas Ortográficas e Morfolóxicas, para contra-argumentarche o de “prefiro quedar co que utiliza a xente”.
A xente está máis acostumada a “banda ancha” que a “banda larga”, porque en qué idioma escoitou a publiciade? en que idioma leu algunha nova relacionada nos xornais?
2. alema | 22/Xullo/2008 at 1:17
1) non comparto o emprego que fas da palabra “isolacionista”, nin sequera para o español.
pero vaia tampouco vexo mal “banda ancha” porque “ancho” tamén é galego 

da canción do osiño gominola hai dúas versións: unha en español internacional de españa e outro en spanglish (que imaxino que será a do español internacional de américa)…
pero mira ti que cousa: tamén hai unha versión en portugués internacional de portugal e outra en portugués internacional do brasil (moitísimo mellor a primeira, of course).
e é algo normal! por que non se vai facer unha versión adaptada á realidade dun país en concreto? eu véxoo como algo enriquecedor, e non como “isolacionismo” (a palabra de moda).
2) o de oso / urso teño que contrastalo… seguro que é así, como ti dis?
3) concordamos: eu tamén prefiro “banda larga”
4) concordamos: que lástima que a única versión en galego que haxa do osiño gominola sexa a miña… pero mírao polo lado positivo… os cataláns non teñen nada (de momento)!
3. Gerardinho2000 | 22/Xullo/2008 at 9:26
“Gominola” imagino que virá de “goma”, que sempre soa mais galego do que “gummy”, que por sua vez vem de “gum”, que é “goma”
E sobre “urso”, esta palavra existiu sempre em galego na Galiza, mas com desigual reparto territorial. Claramente, na Galiza, é uma voz arcaizante, e só a recolhem alguns dicionários. Sem problema podemos utilizar Ôsso, como no topónimo chairego Mato d’Ôsso.
4. alema | 22/Xullo/2008 at 10:19
hostia, gerardinho… non me digas que che mola máis “gominola” ca “gummy”!!!! non pode comezar mellor o día!! :*
graciñas polas aclaracións do “urso/oso”. :* a min xa me parecía que “urso” era unha forma antiga
5. one2 | 22/Xullo/2008 at 13:10
o de osso/urso já se discutira nos foros de vieiros e chegara-se à conclusom de que «urso» era arcaico ou um latinismo e que «osso» era a evoluçom lógica. Nos seus tempos os portugueses devêrom preferir «urso» pra diferenciar do «ósso» (o osso tem ossos) já que se pronuncia com «o» aberto ou pechado dependendo da zona.
6. Gerardinho2000 | 22/Xullo/2008 at 14:54
#4 Já digo que postos a escolher, melhor as formas mais próximas do luso-brasileiro ou do âmbito românico. “Gummy” viria a ser literalmente “gominha”, mas isso já tem outros significados ^_^ Ademais, o sufixo -ola é usual em muitas palavras galegas como diminutivo despectivo (aldeola, caçola, perola, pirola…). A única inconveniência para “gominola” seria, ao meu ver, esse interfixo “[i]n” (gom-in-ola ou gomi-n-ola), tão próprio do castelhano (como em cafe-li-to por cafeíto).
#5 Para os do corpo a ortografia internacional usa “osso”, sem acentuar. Ainda que na Gailza a pronúncia é com ‘o’ inicial aberto, ignoro a de outras zonas da Lusofonia (sobretudo com precedentes com metafonia por -o final tipo “corvo” ou “oho”, com pronúncia fechada como no galego ocidental).
Se o corporal é “osso”, para o “urso” cuido que se deveria utilizar “ôsso”.
7. alema | 23/Xullo/2008 at 0:44
#6
[agora en serio, non entendín iso do "corpo"]
quen son os do “corpo”? teñen os reintegratas un “corpo” (coma o de bombeiros)?
8. one2 | 23/Xullo/2008 at 2:20
#7 Pròs «óssos» do corpo…
9. alema | 23/Xullo/2008 at 11:34
#8 graciñas, é que non entendía
aberto)
co faciliño que é en galego estándar… ;):
oso (animal: o pechado) - óso (”do corpo”
10. Galicia Profunda » &hellip | 24/Xullo/2008 at 22:16
[...] Colgo este vídeo porque está moi simpático. O encargado de poñerlle a letra en galego é Alema. Se queredes saber algo máis sobre o tema, pasade polo seu blog. [...]
Deixa un comentario
HTML permitido:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback deste artigo | Subscribirse aos comentarios mediante RSS