Destripando a gominola
“Sonche unha gominola, a túa gominola, osiño gomi-gomi-gomi-gomi-gominola”… A canción está xa a piques de converterse no éxito do verán, pero segue habendo críticas á inclusión da palabra “gominola” na letra. Pois ben, amiguiños, chegou o momento de ir ao miolo da cuestión e afondar na polémica.
En primeiro lugar, gustaríame aclarar que a palabra “gominola” non é unha palabra en ningún idioma… é unha palabra inventada a finais dos anos 60 por unha empresa española chamada Pastor y Canals para designar esas famosas lambetadas. A palabra fórmase a partir de “goma” á que se lle engade unha terminación -ola, moi habitual en catalán (Ferrussola, Collserola,…) e en galego tamén (cachola, camisola, cirola, pirola…).
E é curioso porque, a pesar de que o inventor da palabra seguro que non pensou no catalán ou no galego, o caso é que non é unha palabra que “desentoe” en ningún destes dous idiomas. Só hai que fixarse na cantidade de resultados que dá o google para “gominoles” (plural en catalán de “gominolas”)… E chama a atención que o euskera tamén absorbeu a palabra: obsérvense os resultados de “gominolak” (plural de “gominola” en euskera).
A revista ‘Consumer’, coñecida polo súa aposta polas linguas minoritarias, elaborou recentemente un artigo en que a palabra “gominola” aparece indistintamente en castelán, galego, catalán e euskera. É dicir, é unha palabra viva nas catro linguas oficiais de España a pesar de que non aparece en ningún dicionario. Todo o mundo sabe o que é unha gominola.
Fronte a isto temos a proposta portuguesa “gummy“, que de portuguesa ten máis ben nada, posto que é un calco talmente do inglés, aínda que na lingua de Shakespeare o nome corrente das gominolas é “winegums”.
E xorde o dilema: Que é preferible? Empregar unha palabra inventada (gominola) por unha empresa? Ou recorrer ao anglicismo portugués conscientes de que o auditorio galego non o vai entender? Evidentemente, eu opto pola primeira opción.
Moitos serían partidarios de instalar unha barreira de metacrilato nas fronteiras lingüísticas do galego para impedirlle o paso a calquera palabra que teña o mínimo cheiriño a castelán… Pero esa é, ao meu entender, unha estratexia equivocada… Unha pretensión inútil porque é imposible de levar a cabo.
Houbo alguén que tamén argumentou que as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) din que “para o arrrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego”. Pois ben, “gominola” non é nin léxico culto, nin léxico científico, nin léxico técnico. É unha palabra da rúa.
E xa para terminar… Projecto Mourente, grupo que se declara reintegrata (e que a min me encanta por certo), escribiu unha canción titulada “Chuliboy” (para min, o ghit do verán)… Alguén protestou porque na lusofonía descoñecen esa palabra? A que ninguén dixo que ‘chuliboy’ era unha palabra en “castrapo”? Normal: hai palabras que forman parte da nosa cultura queiramos ou non e así debemos aceptalo.
10 comments Xullo 22nd, 2008


