A miña 1ª mensaxe nos foros da AGAL
Hoxe deime de alta na AGAL (que nervios! que morbo!), pero non para facerme socio, senón para participar nos seus foros. É que houbo alguén que, segundo opino, non entende a filosofía do alema e denunciou nos foros da AGAL que este humilde blog é “anti-reintegracionista”, polo que me vin na obriga de responder.
Isto é o esencial da mensaxe do foro, que espero que sirva tamén para aclarar certos malos rollos.
Bueno, déixome caer por aquí para comentar algunhas cousiñas ante algunhas ideas (falsas, ao meu entender) que circulan por aí.
O meu blog, alema.org, non é un site dedicado a ningunha loita contra ninguén, e moito menos pode cualificarse de blog anti-reintegrata. Xa nas páxinas de benvida explico cales son os obxectivos do blog, que son expoñer unha visión persoal sobre a lingua e abrir un espazo de debate (aberto a todos, sen exclusión) sobre cal debe ser o modelo do galego na actualidade.
En ningún momento descualifico, trato con desprezo ou insulto a quen non opina coma min. Ao contrario, as opinións diferentes á miña son as que recibo mellor, se cadra.
E iso penso que debería facer o mundo reintegrata tamén. Polo que eu sei, o reintegracionismo é un movemento lingüístico que se dedicou a criticar (algunhas veces con máis acerto ca outras) a postura ‘oficialista’ do idioma.
E que é o que fixo ese ‘oficialismo’ durante todo este tempo? Ignorar, “pasar” do reintegracionismo. Hai un refrán que di iso de “non hai maior desprezo que non dar aprezo” (posiblemente non sexa talmente así en galego correcto), e iso é precisamente o que eu non fago: “pasar” do reintegracionismo.
O reintegracionismo estivo durante moito tempo expoñendo as súas ideas, as súas críticas e en moitas ocasións sen resposta dos non reintegracionistas, e crin que chegou momento de reaccionar.
Reaccionar no bo sentido… con argumentos, con sentido do humor, con agarimo nunha discusión ben entendida. O reintegracionismo, para crecer como movemento, tamén necesita un “contra-poder”, por dicilo así. Alguén que non diga todo o tempo “si, si, amén”.
…E así xurdiu alema, un personaxe que adora o galego, que adora o portugués (lingua que coñece moi ben) pero que pensa (e non é ningún pecado) que a súa evolución histórica fixo deles dous idiomas independentes.
O alema non vos é un inimigo; ao contrario, é alguén que discrepa, que critica un movemento que considera utópico, romántico e ata certo punto “morboso”, tal e como manifestei varias veces no propio blog.
Moitos reintegratas así o entenden e por iso reaccionan ben ante os meus posts irreverentes; discrepan e son benvidos (faltaría máis): estou convencido de que son os reintegratas os que máis len as miñas cousas.
Infelizmente, outros toman as miñas lerias coma un insulto, coma un ataque… e é algo que lamento moito. Existe algo moi importante para a normalización dun idioma (inclusive do galego reintegrata) que é a tolerancia e o sentido do humor.
Oxalá esteamos todos á altura.
Unha aperta
10 comments Xullo 21st, 2008

