A lusofonía non che está para ‘ches’
Hoxe gustaríame falar doutro trazo propio do galego que non teñen outras linguas próximas e/ou irmás: o pronome “che”… Ese pronome que tanto traballo custa asimilar cando se aprende o galego e que mesmo ocasiona máis dunha confusión entre os galegofalantes habituais. Ese ‘che’ que non encaixa coa lusofonía nin con calzador.
Por que? Pois porque en portugués o “che” non existe. A lusofonía unicamente emprega o pronome ‘te’ e nunca, nunca o ‘che’ (exemplo: “já te disse que não quero“). Eles nunca van dicir frases do tipo “éche o que hai” simplemente porque non teñen ese dativo de solidariedade tan noso… E dificilmente van admitilo ou adaptalo.
Pero sexamos optimistas… imaxinemos que lles dá unha arroutada case imposible e que o chegan a aceptar… Como o escribirían? “Che”, igual ca nós? Estupendo: entón lerán “xe” porque o dígrafo ch en portugués é lido coma un x noso.
Outra solución podería ser que os portugueses escribisen “tche” porque así o lerían igual ca nós… pero sendo así, como se adaptaría iso en norma reintegrata? Escribindo “tche” tamén?
[Por certo: para ser un bo reintegrata como hai que pronunciar "chocolate"? "chocolate" como fai a cidadanía? ou "xukulát" como di a lusofonía?]
Outra solución podería ser suprimir o pronome “che” en galego con vistas a quedar máis fixe na lusofonía… Que máis dará? Facémonos todos teístas e vía… Seguro que haberá quen argumente que só o “te” é a forma xenuína galega e que o “che” non é máis ca “castrapo”. Ben cho sei.
31 comments Xullo 18th, 2008

