Pódense ou débense galeguizar os topónimos portugueses?
Porto, Oporto, O Porto… ata tres denominacións distintas utilizan habitualmente os galegos para referirse á segunda cidade de Portugal, pero só a última sería a correcta segundo a normativa oficial.
O galego ILG-RAG obriga a escribir o artigo que vai cos topónimos das cidades: A Coruña, O Barco, etc. Daquela, tamén hai que escribir O Porto para referirse á cidade portuguesa. Nótese que o artigo contrae coa preposición, igual que faría cun topónimo galego (”Vivo no Porto”, “Esa muller era do Porto”, “Vivo na Coruña”, “Esa muller era da Coruña”, etc.).
Pero a pregunta que vos fago e que me fago hoxe é… Paga a pena “galeguizar” os topónimos portugueses? E se se galeguizan, ata onde temos que poñer o límite?
Por poñer outros exemplos… Como debemos escribir correctamente en galego… “Valenza do Miño” ou “Valença do Minho”? “Camiña” ou “Caminha”? Teoricamente as opcións máis correctas en galego ILG-RAG serían as primeiras, aínda que ninguén practicamente as utiliza.
Máis casos. Cumpriría colocar un til en “Coímbra” ou en “Leiría”? Seguindo as regras de acentuación da RAG, eses topónimos si que levarían til, cando en portugués non o levan… Cal sería logo a opción máis correcta?
E que pasa con “Trás-os-Montes”? Galeguizámolo e escribirmos “Tras Os Montes”? Como pronunciamos “Chaves”? Á galega [tʃ] ou á portuguesa [ʃ]?
En fin, que a toponimia portuguesa adaptada ao galego pode ser unha dor de cabeza e xera unha chea de dúbidas. Don’t you agree?
7 comments Xullo 12th, 2008

