A forza de poñer o carro diante dos bois… máis dura será a caída
A polémica deste martes caloroso de xullo xurdiu a raíz dun erro da Consellería de Cultura, que informaba así na páxina web da Xunta dun convenio coa Asociación Internacional de Lusitanistas.
“A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a presidenta da Asociación Internacional de Lusitanistas (AIL), Regina Zilberman, asinaron hoxe un protocolo de colaboración cultural. A Consellaría apoiará o labor desta institución con presenza en 32 países, e que ten por obxecto fomentar os estudos das linguas portuguesas, entre elas o galego“.
O feito de cualificar o galego como lingua portuguesa foi un erro rapidamente corrixido pola propia Consellaría de Cultura, pero eses minutos de confusión foron aproveitados por moitos case coma se fosen un momento histórico. Vaia, que a Xunta estaba considerando despois de tantos anos de luita non só que galego e portugués sexan o mesmo idioma, non… que o galego era parte subordinada do portugués.
Que gran noticia! Sería un puntiño de luz alá ao final do túnel? Pois non! Era un simple erro… pero que máis dá… A cousa serviu para visualizar por uns instantes a nosa submisión total á lusofonía e era motivo dabondo para escachar de risa.
E non deixa de ser curioso ver como os que renegan de calquera trazo, por mínimo que sexa, dun colonialismo en castelán adoecen por ser parte do colonialismo portugués. E digo eu, sentirse portugués non é tan difícil… só hai que fazer as malas, encontrar um trabalhito lá embaixo e exercer de português 24 horas por dia.
Porque, señoras e señores do reintegracionismo, a cousa non é tan sinxela. Porque a inmensa maioría dos galegos, por moito ruído que fagan, non están a favor das súas teorías. Ningunha forza política con representación parlamentaria defende as súas teses, non contan co aval da comunidade científica e por riba a maioría dos falantes do galego tampouco se ven escribindo coa súa ortografía.
Os galegos senten Portugal como unha terra irmá e a lingua portuguesa como un idioma emparentado co noso… E se o que escribiu a Consellaría de Cultura nesa nota non fose un erro, habían de notar o rexeitamento da xente ante o que vostedes pensan e defenden.
Coma sempre, poñen o carro diante dos bois… actúan de costas á cidadanía nun modelo que xamais aceptará. Por iso, é mellor deixar de gastar enerxías nun soño que non van ver cumpridos nin os seus fillos, nin os seus netos, nin os seus bisnetos… É preferible baixar do tren porque a este paso, vano ver, máis dura será a caída.
30 comments Xullo 9th, 2008


