‘Gallego do pueblo’… e que?
A raíz de presentarmos a proposta de “bueno” empezaron a xurdir voces que insisten en que, se aceptamos “bueno”, por que non “ghueves“, “ghuevos“, etc… E non, tranquilos, non vou repetir os argumentos que xa comentei antes (que se o “bueno” é unha excepción, un caso puntual e bla-bla-bla). Non. Hoxe o meu artigo é para reivindicar un pouco o “gallego do pueblo“.
Porque detrás das críticas a esta iniciativa en concreto, agáchanse moitos prexuízos cara aos galegofalantes de verdade… eses grazas aos cales a nosa lingua sobreviviu a pesar de tantas presións externas… E sinceramente, creo que en vez de analizar con lupa o que fala a xente, conviría antes que quitásemos o sombreiro ante eles. E só despois de darlles infinitas grazas e múltiples reverencias, empezar a ver cal é o modelo normativo ideal.
O galego da xente, o galego da rúa, o non-académico, pode que estea inzado de castelanismos que haberá que corrixir… pero que ninguén se equivoque: iso non é unha tarefa que se faga de hoxe para mañá, porque é algo que nin sequera se deu corrixido nas últimas décadas. É un proceso longo porque eses castelanismos son utilizados mesmo polos rapaces educados en galego e que teñen o galego como lingua inicial e case única.
E menos se corrixirá aplicando o teorema do fast-forward reintegracionista, que pretende a tarefa case imposible de depurar os castelanismos da lingua galega substituíndoos unicamente e exclusivamente baixo a óptica da lusofonía. Unha táctica que non entenderían eses galegofalantes de toda a vida, aos que xa lles custa asimilar ‘deus’ en vez de ‘dios’ e ‘pueblo’ en vez de ‘pobo’… Eses que repiten incesantemente -e erroneamente tamén- que o seu galego é “malo”… Ao contrario, ese galego espontáneo é un tesouro, un dos mellores legados que temos, na miña opinión.
Prefiro mil veces pola súa esponteneidade e viveza un gallego do pueblo inzado de castelanismos ca toda a lusofonía xunta e os seus 200 millóns de falantes, aos que -insisto- nos temos que aproximar pero sen deixarnos absorber. A descolonización, como lle chaman algúns, non se resolve con outra colonización. Resólvese, ao meu entender, aprofondando no propio, conscientes e orgullosos da nosa historia, do noso pasado… Non se soluciona, ao meu xuízo, estando todo o día laiándose do que puido ser e non foi.
Afiancemos o galego onde se está perdendo, animemos a que haxa máis novos galegofalantes pero sempre desde o bo rollo e onde a maioría se sinta cómoda. E cando isto estea conseguido, cando volvan ser maioría os nenos que teñen o galego como lingua inicial, cando a xente afaga o oído ao portugués (que non todo o mundo o ten afeito), empezaremos se tal a falar de normas.
Os castelanismos non son o que destrúen o galego, porque os alicerces do idioma está demostrado que foron e son sólidos. Aguantaron a presión a pesar de telo todo en contra. O que destrúe o galego é a perda de falantes. E contra iso debemos loitar todos.
49 comments Xullo 5th, 2008

