A RAG toma en consideración incluír ‘bueno’ no seu dicionario
A Real Academia Galega acaba de demostrar que é unha institución aberta ás propostas dos cidadáns. Moitos pensabades que non ía nin sequera tomar en consideración a nosa iniciativa para que se incluíse a interxección ‘bueno’ no seu dicionario… Pois estabades enganados, moi enganados.
O secretario da RAG remitiunos unha carta na que responde aos nosos requirimentos. O académico Manuel González recoñece que se trata dun “asunto delicado”, pero asegura tamén que “a vitalidade na fala” da interxección ‘bueno’ “é incuestionable”.

Sexa como for, o señor González dinos que a proposta ha chegar aos órganos competentes da RAG para que dean un ditame definitivo. Polo seu interese, reproducimos íntegra a súa resposta.
Estimado amigo,
En resposta ao seu escrito no que nos informa da iniciativa para que se inclúa a interxección “bueno” dentro do dicionario da RAG, aínda recoñecendo a súa orixe castelá, teño que dicirlle que se trata dun caso bastante delicado. É certo que a súa vitalidade na fala é incuestionable, pero tamén o é o feito de que a súa forma ten trazos que nos están recordando claramente que se trata dunha voz castelá, e por iso ao mellor é perigoso darlle carta de natureza dentro da lingua galega.
En todo caso, farei chegar a súa carta aos órganos competentes da RAG, para que actúen segundo o seu entender, e comunicareille a decisión tomada.
Reciba un saúdo.
Manuel González
Secretario da RAG
E como é de ben nacidos ser agradecidos, velaquí o escrito que lle enviamos de volta ao señor González.
Estimado señor González,
Para o colectivo que defendemos a inclusión da interxección ‘bueno’ no dicionario da RAG, dános un gran satisfacción a resposta que nos acaba de ofrecer. Entendemos perfectamente os receos que poida suscitar a nosa iniciativa, pero para nós é xa un triunfo e un orgullo sabérmonos escoitados polos que nós consideramos a autoridade do noso idioma.
Neste mundo das novas tecnoloxías, onde proliferan aventuras lingüísticas que non van a ningures (bueno si… cara á nosa submisión total ao portugués), consideramos esencial a participación dos galegofalantes de verdade, da cidadanía que fala día a día esta lingua, na construción dunha norma en que nos sintamos aínda máis representados.
Esperamos que os argumentos presentados nos anteriores correos electrónicos sexan dabondo para a toma en consideración da nosa proposta. Saiba que para nós xa sería unha boa solución que a interxección ‘bueno’ fose considerada unha entrada “tolerada” polo dicionario, como xa acontece con outras palabras.
Reciba un cordial saúdo e saiba que agardamos con impaciencia calquera novidade que nos poida achegar.
Agora só toca esperar un pouco máis… pero que ninguén o poña en dúbida: ‘bueno’ é galego.
31 comments Xullo 2nd, 2008

