Xa manifestei aquí o meu profundo desexo de que a comunidade pija abrazase a lingua galega, e supoño que tamén a comunidade reintegrata compartirá comigo a necesidade de atraer xente ben á causa, así que hoxe toca un futurible. Así serían un par de pijas no universo do reintegracionismo.
Preme aquí (o Worpress non mostra as anotacións de Youtube )
Só un micro-artigo para festexar as 342 visitazas que tivo onte alema.org. Unha auténtica pasada se temos en conta que estamos falando dun humilde blog con temática moi especializada. Graciñas a todos e que non baixe a cousa!
Unha noticia recentemente chuzada recordoume como se dicía en Portugal a palabra “fregona”, e unha vez máis constato que ningún dicionario pode substituír a experiencia directa de vivir o idioma. Porque se un consulta os dicionarios, a fregona debería ser un esfregão… pero dáse a circunstancia de que practicamente ninguén alá utiliza a palabriña esa para referirse a ese utensilio. Nos supermercados e nos centros comerciais o que se venden son “esfregonas“… Horreur! outro castelanismo en portugués?!
Tanto o dicionario de galego online de Ir Indo coma o da RAG dan no cravo. Este último define claramente o que é unha fregona.
Utensilio doméstico para limpar o chan, consistente nunha cabeza formada por tiras de tecido ou doutro material que absorben a auga e un mango longo para non se ter que abaixar ao fregar.
Pola contra, o E-Estraviz só recolle a acepción pexorativa que recollen algúns dicionarios portugueses.
Criada rústica que serve na cozinha e frega [esp. fregona]
Efectivamente, en Portugal existe a crenza de que esfregona é un castelanismo que procede de fregona, tal e como recolle o ciberdúvidas da lingua portuguesa. E eu pregunto. E logo o Estraviz por que non adaptou “esfregona”? Eu busco e busco e non encontro palabra reintegrata ningunha para definir o utensilio. O máis que encontro é “esfregom”, que vén definido así:
(1) Trapo ou outro objecto qualquer com que se esfrega. (2) Fricçom forte.
Evidentemente, non é iso do que estamos falando, porque unha fregona non é ningún trapo…
Logo tamén me chama a atención o feito de que o Estraviz admita a palabra galega “fregar” que en portugués non existe: alí dise “esfregar“. E digo eu: dado que en reintegrado se acepta “fregar”, por que non “fregona”? E en caso de resposta negativa, o reintegracionismo adaptaría esfregona a pesar da súa suposta orixe no castelán? Ánimo, que en Portugal están tan contentos coa palabra que ata din “esfregonar“.
Por certo, nós en galego “fregamos” sen problemas… alí tecnicamente o que fan é “lavar o chão“.
A experiencia deste blog estame demostrando a asimetría dos movementos reintegracionistas galegos. E digo galegos porque non coñezo ningún movemento maioritario portugués ou brasileiro que loite pola “reintegración” do galego. Todo faise co obxectivo de sermos máis competitivos, de entrarmos nun mercado maior, todo supostas vantaxes… pero a realidade indica que ao final a historia acaba reducíndose a “peixe grande come pequeno”.
A asimetría do reintegracionismo, ao meu entender, queda evidente a cada intento de facer esa “reintegración” en pé de igualdade:
- Se falamos de que un dicionario portugués inclúe un pexorativo sobre a palabra “galego” non pasa absolutamente nada; cando o fai un en castelán montamos unha lea.
- Loitamos por que en Galicia se vexan as televisións portuguesas, pero non pelexamos para que se vexan alí as galegas.
- Vivimos cómodos sabendo que en Galicia un pode inscribirse no rexistro civil co nome que lle pete, pero non loitamos para que no outro lado coñezan e recoñezan os nomes galegos (e mesmo chega a argumentarse que iso é “imperalismo”).
- Brindamos porque “brêtema” e “lôstrego” son admitidos por algúns dicionarios portugueses como variantes galegas, e conformámonos a pesar de que non hai previsión de que se vaian admitir moitas máis.
- Elaboramos normas e ensinamos a “falar com jeito” pero ningunha gramática portuguesa ou lusófona recolle as nosas peculiaridades (que tampouco se estudan en colexios e institutos de alí)
Conclusión: os galegos temos que adaptarnos sen retrucar a unha ortografía que non se adapta á nosa fonética tras oito séculos de evolución dispar co portugués sen que a lingua portuguesa faga adaptación ningunha. Nós dámosllelo todo sachado e mondado e a cambio de nada. Que tipo de relación masoquista é esa? Iso é, sinceramente, cegueira, amor non correspondido.
Para os reintegracionistas, o galego é coma un neno abandonado e maltratado polo castelán que busca á desesperada a súa nai, o portugués, ao estilo Marco. Pero a realidade di que esa nai xa leva tempo casada con outro home, que ten os seus propios fillos e que aquel fillo do pasado non lle trae máis que problemas. Querer, quéreo, mais…
Os especialistas recomendan dicirlles sempre a verdade aos nenos adoptados, e desde moi pequenos. Por iso eu son partidario de que a xente galega sexa consciente da orixe común do galego e do portugués e das cousas que nos unen, pero tamén é importante que saibamos (uns e outros) o que nos diferencia e, por que non dicilo, “marcar territorio”. É dicir, sermos conscientes de que a nosa nai lingüístico-biolóxica vive cos seus fillos na súa casa e que nós temos o noso recuncho… e só no caso de que esa nai dea pasos para coñecernos mellor, adaptarnos a ela.
Nos casos de adopción sempre se teñen en conta as necesidades do neno antes ca as dos adoptantes. E sempre son os que adoptan os que son sometidos a unha avaliación exhaustiva para saber se son aptos ou non para esa adopción. No caso do galego proponse ao revés: son os galegos os que teñen que adecuarse ás necesidades do portugués, cando debería ser o contrario.
Un bo exercicio de reintegracionismo “real” debería ser ese precisamente: antes de facer que a xente de aquí asuma a ortografía de alí, cumpriría primeiro preparar o terreo no outro lado para que unha hipotética transición sexa menos traumática. E se non é posible esa transición, mellor sería empregar o tempo e a enerxía na normalización do idioma abandonado e vivir sen complexos nunha lingua independente..
A ver. Hoxe necesito da vosa axuda. Necesito saber o voso punto de vista. Vós credes que hai un timbre de voz tipicamente galego? Non me refiro a unha entoación ou a unha melodía á hora de pronunciar as frases. Refírome a un timbre de voz xenuíno galego para homes e para mulleres… E digo máis… De ser afirmativa a resposta… Está en perigo ese xeito de falar?
Ocorréuseme o outro día cando fun á aldea dunha amiga. Escoitei falar unha señora con voz super-aguda, case con voz “de pito“, poderiamos dicir… cun timbre de voz máis alto se cadra ca a media… e de súpeto empecei a recordar outras mulleres, xeralmente do medio rural, ás que eu escoitaba cando era pequeno. É ese un timbre “xenuíno” galego, por dicilo así?
En canto aos homes… Vós non notades unha tendencia dalgúns varóns galegofalantes de certa idade a falar cun timbre de voz similar ao de Tonecho (o dos Tonechos, claro)? Por que identificamos o timbre de voz rouco do actor Roberto Vilar (finxido para o personaxe) como algo tan próximo?
Por que non se escoitan tanto eses timbres de voz nas cidades? A xente que fala así foi “educada” polo seu contorno para elevar ou diminuír o timbre desa maneira? No caso de ser un modo de falar único, estarase perdendo igual ca outras tradicións galegas?
A min paréceme que si, que hai unha tendencia no medio rural a falar así por parte dalgunha xente, pero realmente non sei se obedece a un defecto á hora de falar, a unha tradición ou a que… pero o caso é que sei de varias persoas que se adecúan a este perfil de timbre de voz. Vós que pensades?
Sigo coa investigación iniciada onte [ver post anterior] animado polos bos resultados obtidos. Como xa vos contei, en España hai nove persoas co apelido Cona e outras tantas co apelido Pirola… Pero isto non é máis ca a punta do iceberg, como din os xornalistas… Cona e Pirola combinan con todo tipo de apelidos raros que dan lugar a nomes estrambóticos pero que poden ser perfectamente reais…
O primeiro que fixen na segunda parte desta investigación foi buscar na páxina de frecuencias de apelidos do INE verbos que poidan funcionar con Pirola e Cona, e saen algúns moi interesantes…
- Lambe (17 casos, sobre todo en Valencia)
- Lamba (16 casos, sobre todo en Castelló)
- Come (8 casos, sobre todo en Zaragoza)
- Coma (2.438 casos, sobre todo en Barcelona)
- Toca (1.234 casos, sobre todo en Cantabria)
- Toco (18 casos repartidos por toda España)
- Mete (40 casos, sobre todo en Madrid)
- Meta (26 casos, sobre todo en Madrid)
- Frega (22 casos, sobre todo en Madrid)
- Fode (!) (7 casos repartidos por toda España)
Conclusión: os seguintes nomes de persoa son factibles en España (vou poñer sempre Pedro e María como exemplos e en negra as combinacións máis rechamantes, se cadra):
- María Lambe Pirola; Pedro Lambe Pirola; María Lambe Cona; Pedro Lambe Cona
- María Lamba Pirola; Pedro Lamba Pirola; María Lamba Cona; Pedro Lamba Cona
- María Come Pirola; Pedro Come Pirola; María Come Cona; Pedro Come Cona
- María Coma Pirola; Pedro Coma Pirola; María Coma Cona; Pedro Coma Cona
- María Toca Pirola; Pedro Toca Pirola; María Toca Cona; Pedro Toca Cona
- María Toco Pirola; Pedro Toco Pirola; María Toco Cona; Pedro Toco Cona
- María Mete Pirola; Pedro Mete Pirola; María Mete Cona; Pedro Mete Cona
- María Meta Pirola; Pedro Meta Pirola; María Meta Cona; Pedro Meta Cona
- María Frega Pirola; Pedro Frega Pirola; María Frega Cona; Pedro Frega Cona
- María Fode Pirola; Pedro Fode Pirola; María Fode Pirola; Pedro Fode Cona
Pois isto non é nada… tamén é posible buscar apelidos que poden servir de adxectivos para Cona e Pirola… e estes son os máis alucinantes que encontrei….
- Grande (11.551 casos, sobre todo en Murcia)
- Branda (6 casos, sobre todo en Barcelona)
- Seca (40 casos, sobre todo en Asturias)
- Dura (4.060 casos, sobre todo en Valencia)
- Fina (137 casos, sobre todo en Barcelona)
- Fría (11 casos repartidos por toda España)
- Ancha (10 casos, sobre todo en Cáceres)
Aplicando as combinacións posibles saen como factibles os seguintes nomes
- María Cona Grande ou María Grande Cona; Pedro Pirola Grande ou Pedro Grande Pirola
- María Cona Branda ou María Branda Cona; Pedro Pirola Branda ou Pedro Branda Pirola
- María Cona Seca ou María Seca Cona; Pedro Pirola Seca ou Pedro Seca Pirola
- María Cona Dura ou María Dura Cona; Pedro Pirola Dura ou Pedro Dura Pirola
- María Cona Fina ou María Fina Cona; Pedro Pirola Fina ou Pedro Fina Pirola
- María Cona Fría ou María Fría Cona; Pedro Pirola Fría ou Pedro Fría Pirola
- María Cona Ancha ou María Ancha Cona; Pedro Pirola Ancha ou Pedro Ancha Pirola
Buscando, buscando… tamén é posible facer combinacións con Pis (156 casos, algúns deles en Galicia) e Amarelo (123 casos, sobre todo na Coruña), e crear por exemplo a combinación Pedro Pis Amarelo.
Como vedes, a ficción supera a realidade. Xa temos máis posibles nomes para a primeira película porno en galego!
Os portugueses non poden inscribirse nos seus rexistros civís con nomes galegos [ver post anterior] e iso é algo que me amola, pero como non vou estar de mala uva por iso e menos nesta fin de semana de ponte, hoxe vouvos contar unha historia curiosa, un traballo de investigación que deu un resultado sorprendente e inesperado…
O outro día entrei por casualidade en dúas páxinas que falan sobre frecuencia de apelidos: unha de Galicia e outra de España. E o típico… cando empezas a cansar de ver cal é a incidencia do teu apelido ou de fulano e mengano, acabas facendo o parvo, coma cando estabas no colexio e mirabas a ver se aparecían “teta” e “puta” no dicionario.
Bueno, o caso é que probando, probando, escribo a palabra “Cona”… e zaca! NOVE resultados, dos cales 7 saían na provincia de Barcelona e outros 2 no resto de España… Sorprendente! Sigo buscando animado polo resultado e tecleo “Pirola” … e toma castaña! Outros NOVE resultados, a maioría en Madrid (6) pero había tamén outros tres no resto das provincias… Consulto na cartografía de apelidos galegos… e eses tres figuran na provincia de Ourense! Impresionante!
A miña curiosidade non ten límites, e acudo ás páxinas brancas(a guía telefónica de toda a vida) e escribo os apelidos mencionados en Madrid e Barcelona e encontro o que podería ser… o matrimonio perfecto! Un Pirola casado cunha Cona! Mulleres co apelido Cona só encontrei unha, e como non é cousa de discriminar por orientación sexual… tamén sería posible se cadra o matrimonio dun Pirola con outro Pirola ou cun Cona, ou ben dun Cona con outro Cona ou cun Pirola!
Quen dixo que o galego non está presente nos apelidos españois (y para bien)? E outra cousa… na primeira película porno galegofalante, esa que tanto necesitamos para normalizar plenamente o noso idioma, algún dos actores ou actrices (que sempre inventan o apelido) ben poderían inspirarse neste artigo e facerse chamar “Nacho Pirola” ou “Ámber Cona”
Se tes un fillo en Portugal e queres rexistralo alí cun nome galego, vaino esquecendo. O Estado portugués non o permite. Os nomes que teñen grafía galega oficial nin pensalo; os escritos en reintegrata, só se coincida coa súa variante portuguesa. E como é que ninguén denunciou isto?
Nin Uxío, nin Ugio, nin Xesús, nin Xiana, nin Giana, nin Brais, nin Icía… Se alguén quere inscribir en Portugal unha criança con estes nomes, simplemente vai dado. Imposible. Todos eses nomes serían automaticamente rexeitados. E preguntarédesvos por que… Pois porque en Portugal existe unha listaxe oficial cos nomes permitidos e prohibidos e, curiosamente, e a pesar de sermos linguas irmás, non se permiten nomes xenuínos galegos: só portugueses.
O Instituto dos Registos e do Notariado portugués publica na súa web esta listaxe, que se vai actualizando regularmente (o último cambio é do 30 de xuño). Chama a atención que si que se permiten nomes anglosaxóns aportuguesados como Pégui (e non Peggy) ou Daisi (e non Daisy)…pero non aparecen na lista nomes galegos tan frecuentes como Uxío ou Uxía (nin sequera escrito Ugio ou Ugia), Brais (como moito Brás), Antón (nin Antão nin Antom: só António), Icía (nin sequera grafado Icia ou doutro xeito)… e así un unha chea máis.
Levaría horas pero sería curioso comparar a listaxe de nomes galegos que recomenda a Mesa Pola Normalización Lingüística (todos eles permitidos en España) coa listaxe de nomes permitidos e prohibidos pola administración portuguesa.
De todos os xeitos, aqueles que teñan a sorte de que o seu nome coincida coa grafía portuguesa non van ter ningún problema. Gerardo, por exemplo, rexistraríase sen atrancos… Iso si, se alguén pretende inscribir un bebé co nome de Xerardo, grafado en galego estándar, a resposta sería “non” por parte da administración portuguesa.
O caso da inscrición de nenos esténdese tamén a todos aqueles cidadáns portugueses que queiran cambiar voluntariamente o seu nome. O Estado portugués non lles permitiría cambiar “Gerardo” por “Xerardo”, nin “Julião” por “Xiao”, por exemplo.
E eu pregunto: Esta é a famosa reintegración pola que loitan algúns? Alguén protestou por isto? Algunha institución que traballa a prol do noso achegamento con Portugal fixo algunha reclamación?Por que é posible inscribir un bebé cun nome portugués en España e non un nome galego (non xa español) en Portugal? Desde cando o noso idioma é tan “internacional”, como din, se nin sequera é posible “exportarmos” á lusofonía algo tan xenuíno noso como son os nosos nomes?
Pois non. A pesar de que son galegofalante full-time e de que controlo mogollón a lingua portuguesa, non utilizo a opción de “português” no meu móbil (telemóvel). Nas opcións teño posto “español”, teño que confesalo… Merezo ser desterrado alén dos Ancares? Seguro que moitos me acusarán de ser españolista e esas cousas, pero creo que tampouco son un bicho tan raro. Teño algo malo, doutor?
É sobre todo cuestión de preguiza e de comodidade. É que por veces non me aclaro coas opcións. Xa de por si é complicado moverte polos menús, que varían dun modelo a outro, para canto máis andar facendo o sobreesforzo de analizar que quererán dicir algunhas das funcións en portugués (internacional de Portugal). Por exemplo: “Tipos de toque”, “Ecrã principal”, “Barramento cham.”, “Rascunhos” non son ordes sinxelas de entender para un galegofalante habitual…
En realidade, e a pesar da adoración que sinto pola lingua portuguesa, case sempre opto polo galego (se é posible) e senón paso directamente ao castelán. Cuestión de comodidade. E supoño que coma a min lle pasará a unha ampla maioría de galegofalantes.
No computador, teño o Firefox en galego, pero se non houbese esa opción preferiría poñelo en castelán antes que en portugués, sentíndoo moito. O Youtube téñoo por defecto en portugués internacional do Brasil pero é case máis por non ver a bandeiriña de España aí arriba ca por outra cousa, porque cada vez que vexo “gravadoras” na lista de “contatos” penso… e que carallo quererá dicir “gravadoras“? ou cando pon “salvar rascunho” penso… pero que carallo lles custará poñer os menús en galego?
É daquela cando lle dou valor ao traballo dos voluntarios que se dedican a traducir o software ao galego de forma altruísta.Penso que non hai cartos nin palabras para agradecerlles dabondo o seu esforzo, e moléstame bastante -teño que recoñecelo- cando din iso de “boh! eu isso já o tenho em galego de Portugal”, desprezando o traballo que fan a prol da normalización do noso idioma.
O Windows téñoo en castelánporque, polo que sei e constatei, o paquete de galego de Microsoft dá algúns problemas, que senón xa o tería. Se algún día me animase polo Linux (de momento non me sinto preparado, a verdade), tamén faría por poñelo en galego, pero nunca en portugués.
E isto dío un amante da lingua e da cultura portuguesas, que a pesar dos seus coñecementos do idioma veciño, prefire non facer sobreesforzos e traballar a prol do recoñecemento do seu idioma, o galego, no campo da tecnoloxía.
Cada vez hai máis móbiles que teñen menús no noso idioma, cada vez hai máis software e máis aplicacións en galego, con traballo voluntario ou remunerado… estamos no mundo pelexando pola nosa supervivencia sen ter que recorrer ao famoso primo/curmán de Zumosol que nos veña sacar as castañas do lume.
E cando compro un electrodoméstico, un aparello novo, algo de tecnoloxía, ás veces chego a preguntarme… De verdade os meus amigos os reintegratas van, se dispoñen dela, á versión portuguesa como primeira opción?Ou farán coma min e por non complicarse a vida con tecnicismos e expresións raras, tiran primeiro polo español internacional de España e só despois, por curiosidade e para aprender (como fago eu), miran as instrucións en portugués?
Veña. Sede sinceros e confesade. Pásavos igual ca min ou tan rarito son?
Hoxe tiven unha boa lea con Nokia. ‘Nokia Care‘ (ha!) chámanlle ao seu servizo de atención ao cliente… Eu máis ben diría ‘Nokia doesn’t care’ porque non me dan ofrecido un móbil novo despois de que o que comprei tivese seis avarías, seis (coma os touros) en menos dun ano. En fin, tampouco vos vou amolar cos meus problemas persoais…
O caso é que eu son galegofalante para todo (na casa, na familia, cos meus alumnos…) excepto cando toca falar cos servizos de atención ao cliente destas grandes compañías nas que che contestan en español internacional de Madrid por non dicir en español internacional de América…
Sempre recorro á mesma estratexia. “Mire, estou falando con Galicia ou este servizo está fóra?”. Puro trámite porque salvo nunha ocasión, que me atendeu un galego que vive en Madrid, o resto das veces pasei ao español internacional de Galicia para evitar perdas de tempo, como fan seguramente a maioría dos galegofalantes, imaxino.
Chamádeme o que queirades pero cando teño un problema non quero engadir outro e, vaia, tampouco me custa tanto practicar un pouco o castelán internacional de Castela. O cal non quita, por suposto, que estea completamente a favor de que estas compañías se involucren e teñan unha atención ao cliente no meu idioma, que carallo! Mesmo por lei… por que non?
Bueno, o caso é que mentres soaba a musiquiña típica de “manténgase a la espera“, quedei matinando eu nunha cousa… Os meus amigos os reintegracionistas se cadra estarían conformes con que cada vez que se chame a Nokia (quen di Nokia, di outra gran compañía internacional) saia unha opción que diga “se quere ser atendido em português, marque três“ e que a chamada sexa transferida para podermos ser atendidos en portugués internacional de Portugal.
Por certo: teño que dicir que non hai nada máis fixe e sexy que as voces sintéticas que che poñen cando chamas aos servizos de atención ao cliente en Portugal. Cando din “aguarde”, dan ganiñas de agardar realmente! Mimadriña, e isto é serio… Que bonito é o portugués, chico!
“Sonche unha gominola, a túa gominola, osiño gomi-gomi-gomi-gomi-gominola”… A canción está xa a piques de converterse no éxito do verán, pero segue habendo críticas á inclusión da palabra “gominola” na letra. Pois ben, amiguiños, chegou o momento de ir ao miolo da cuestión e afondar na polémica.
En primeiro lugar, gustaríame aclarar que a palabra “gominola” non é unha palabra en ningún idioma… é unha palabra inventada a finais dos anos 60 por unha empresa española chamada Pastor y Canals para designar esas famosas lambetadas. A palabra fórmase a partir de “goma” á que se lle engade unha terminación -ola, moi habitual en catalán (Ferrussola, Collserola,…) e en galego tamén (cachola, camisola, cirola, pirola…).
E é curioso porque, a pesar de que o inventor da palabra seguro que non pensou no catalán ou no galego, o caso é que non é unha palabra que “desentoe” en ningún destes dous idiomas. Só hai que fixarse na cantidade de resultados que dá o google para “gominoles” (plural en catalán de “gominolas”)… E chama a atención que o euskera tamén absorbeu a palabra: obsérvense os resultados de “gominolak” (plural de “gominola” en euskera).
A revista ‘Consumer’, coñecida polo súa aposta polas linguas minoritarias, elaborou recentemente un artigo en que a palabra “gominola” aparece indistintamente en castelán, galego, catalán e euskera. É dicir, é unha palabra viva nas catro linguas oficiais de España a pesar de que non aparece en ningún dicionario. Todo o mundo sabe o que é unha gominola.
Fronte a isto temos a proposta portuguesa “gummy“, que de portuguesa ten máis ben nada, posto que é un calco talmente do inglés, aínda que na lingua de Shakespeare o nome corrente das gominolas é “winegums”.
E xorde o dilema: Que é preferible? Empregar unha palabra inventada (gominola) por unha empresa? Ou recorrer ao anglicismo portugués conscientes de que o auditorio galego non o vai entender? Evidentemente, eu opto pola primeira opción.
Moitos serían partidarios de instalar unha barreira de metacrilato nas fronteiras lingüísticas do galego para impedirlle o paso a calquera palabra que teña o mínimo cheiriño a castelán… Pero esa é, ao meu entender, unha estratexia equivocada… Unha pretensión inútil porque é imposible de levar a cabo.
Houbo alguén que tamén argumentou que as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) din que “para o arrrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego”. Pois ben, “gominola” non é nin léxico culto, nin léxico científico, nin léxico técnico. É unha palabra da rúa.
E xa para terminar… Projecto Mourente, grupo que se declara reintegrata (e que a min me encanta por certo), escribiu unha canción titulada “Chuliboy” (para min, o ghit do verán)… Alguén protestou porque na lusofonía descoñecen esa palabra? A que ninguén dixo que ‘chuliboy’ era unha palabra en “castrapo”? Normal: hai palabras que forman parte da nosa cultura queiramos ou non e así debemos aceptalo.
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.