Máis educados pero algo máis clasistas tamén
Cando un quere alguén, sabe verlle as virtudes e os defectos… As cousas boas e as cousas malas, aínda que estas últimas, tamén hai que dicilo, tenden a perdoarse con máis facilidade. É dicir, un pode ser “malo” consciente de que, no fondo, o que se procura é un ben.
Porque, para sermos sinceros… o idioma portugués tende a ser un pouco ‘clasista’. Ou máis ca o idioma… os que utilizan ese idioma. Se algunha vez van a Portugal, non se sorprendan se escoitan algo así como ’sotor’ (e ’sotora’ por suposto). É a forma rápida e apocopada de dicir “senhor doutor” e “senhora doutora“, figuras de tratamento moi utilizadas por eses lares.
Os portugueses caracterízanse por ser, polo xeral, persoas cunha educación exquisita [e ollo que na lingua de Camões 'esquisito' quere dicir 'raro']. Empregan con menos frecuencia os palavrões ca nós [alí están peor vistos ca aquí], recorren máis ao você e ao senhor ca ao tu [atúan menos, vaia]… pero ás veces, hai que recoñecelo, pásanse de clasistas.
E só desexo unha cousa: de aproximármonos máis a eles, por favor que non sexa na teima do ’senhor doutor’, ’senhor engenheiro’, etc. E é que alí abaixo parece que están desexando sacar un tituliño universitario para que os chamen con esta fórmula de tratamento tan pasada de moda e tan típica de telenovela suramericana. Deseguido poñen nos seus cartões de visita, o nome completo co “Dr” ou “Engº” precedendo… Para que quede claro!
E postos a falar das fórmulas de tratamento… moito ollo coas ‘meninas’ porque non son só un cadro de Velázquez. Ao non teren o equivalente a ’señorito/a’, alí o que se emprega é ‘menino/a’. Ata niso somos diferentes.
8 comments Xuño 29th, 2008


