Que pasa, rapacito?
Existe unha ‘moda’ en Portugal de empregar ás veces o sufixo -ito en vez do tradicional -inho… ao estilo de “vou trabalhar umas horitas” ou “este rapazito não sabe falar bem“, “este gajo é um bocadito chato” por poñer tres exemplos. É algo que os os nosos veciños de abaixo fan con naturalidade para darlle unha énfase distinta á palabra, a pesar da procedencia española do sufixo. E co galego que acontecería? Asumiriamos o uso puntual dese sufixo? Se o camiño é “reintegrarnos”… podemos usalo libremente?
Esta é a resposta que lle dá o ciberdúvidas da lingua portuguesa a unha consulta dunha lectora sobre o uso de -ito/-inho.
Não há propriamente uma regra, mas -ito tem conotação dialectal e espanholada. Por isso, e na dúvida, é preferível empregar -inho, muito mais usual e castiço.
É dicir, que os propios lingüistas portugueses recoñecen que non é incorrecto dicir unha palabra terminada en -ito ou en -ita en portugués. É preferible dicir -inho pero -ito tampouco está mal, a pesar da súa “conotação dialectal [no sur de Portugal úsase máis] e espanholada”.
E nós… Seriamos quen de admitir como propio “conseguín un traballito” ou “imos organizar unha festita” ou “espera por min un pouquito”? Ou é algo que xa nin se nos pasa pola cabeza? Os que defenden o reintegracionismo veríano coa mesma naturalidade coa que o ven os propios portugueses?
En portugués, a min sóame ata simpático… Ora ben, en galego non me chista nin sequera para o meu dicionario pijo/relambido/queique… Será que hai certas cousas non lles acaen igual a todos os idiomas…
12 comments Xuño 24th, 2008


