Malditos lisboetas!
E é que, para algúns, son eles e nada máis que eles, os lisboetas, os que teñen a culpa de que o grao de intelixibilidade mutua entre galegos e portugueses non sexa total. Ai, mimadriña, canta falacia se move polo mundo reintegrata! Cantas verdades a medias repetidas en múltiples ocasións acaban converténdose en dogma de fe, tan intenso como irreal!
O sotaque lisboeta, din por aí algúns, é o que máis afastado está da oralidade do galego, coma se os pobriños de Lisboa falasen un portugués estratosférico, inintelixible ata para os seus propios compatriotas. Pois vai ser que non. O acento da capital tampouco é tan diferente dos do resto que hai polo país, e desde logo non é o máis difícil de comprender para un galegofalante.
A min cústame moitísimo máis o açoriano ou o madeirense, pero vaia… para gustos hai cores. E debe ser que xa estou afeito ao portugués europeo, porque para min é bastante máis difícil de comprender o brasileiro. Sobre o portugués das ex-colonias non me quero estender porque dá para outro artigo enteiro, pero adianto que circulan moitas medias verdades sobre o que se fala en lugares como Timor Leste, Macau, Goa, Mozambique, etc.
O que ten que quedar clarísimo a estas alturas do partido son unhas cantas cousas, constatables para os que coñecemos ben a realidade da lingua portuguesa, non para os que falan dela de oídas…:
- Un portugués do norte entende perfectamente un portugués do sur e viceversa, igual que…
- Un galego do norte entende perfectamente un galego do sur e viceversa…
- É certo que o sotaque minhoto pode ser máis doado de entender para un galegofalante (faltaría máis) pero ollo! que ninguén pense que en Lisboa falan tan diferente deles
- Un portugués que escoita falar en galego pensa que lle están falando en castelhano porque non distingue a fonética galega da espanhola (que raro, non? porque se fósemos a mesma lingua supostamente non habería confusión ningunha…). Tanto a fonética galega como a española son máis simples ca a portuguesa.
- Un galego que escoita falar portugués é consciente en todo momento de que o seu interlocutor fala noutro idioma.
- Un galego que vai a Portugal pensando que o portugués está chupado e que o vai entender todo e que lle entenden todo está equivocado. Dominar a lingua portuguesa non é tan fácil como algúns pensan: ten unha fonética e un léxico tan diferentes do galego que a súa aprendizaxe é cuestión de anos de estudo e de convivencia diaria con esa lingua.
Eu estou convencido ademais de que, canto máis portugués sei, máis galego me sinto. Canto máis portugués sei, máis diferenzas encontro entre un e outro. De feito, un dos “trucos” para dominar a lingua portuguesa é saber ‘explotar’ esas diferenzas. Os reintegratas non empregan nin o 5% do léxico enrevesado que utilizan os nosos veciños habitualmente e se as utilizasen terían que andar todo o día dándolles explicacións aos seus interlocutores.
E esa é a realidade. O resto é pura utopía, puro romanticismo que non leva a ningures. O que nos gustaría que fose pero que non é.
17 comments Xuño 23rd, 2008


