A interxección “bueno”, presente na literatura desde hai 130 anos, era empregada por Castelao
Aparece un argumento máis de peso para que a RAG acepte a interxección “bueno” como plenamente galega: o seu uso na tradición literaria deste país.
O republicano Benito Losada Astray foi o primeiro que empregou a palabra “bueno” como interxección nun escrito literario en galego, e fíxoo hai xa 130 anos. Na súa obra, ‘Poesías’ aparece neste contexto:
- (…) ¿E si cho roubo?
- Destonces, bueno; sendo roubado culpa non teño, tocant’a dar-cho, non fales deso.
Pero non foi o único, nin moito menos. Consultando o TILG, que recolle unha escolma ben ampla de textos literiarios desde o século XVII ata actualidade, o termo “bueno” aparece en 2.160 ocasións, e a expresión “boeno” outras 1.381 e o apócope ‘bue’, outras 28 veces.
E quen está entre os autores que máis empregan esta interxección? Pois o mesmísimo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Que non o cres? Pois mira dentro.
___________________________________________________________________
Mostro un par de exemplos.
‘Os vellos non deben de namorarse’ (1953)
Boeno, amiguiñas. A conversa é moi divertida; pero eu teño que deixá-las. A carabina chama por min.
‘Arte e galeguismo’ (1919)
Boeno, eu non quero pensar siquera nesto, pois non sei onde me levarían os meus comentarios.
…E así unha ducia de exemplos máis.
Burlarse dos que queremos que ‘bueno’ ou ‘boeno’ sexan admitidas como palabras galegas é burlarse tamén dos que a empregaron nos seus textos literarios e dos que, sen ser grandes literatos, teñen por costume usar estas expresións no seu día a día como galegofalantes.
3 comments Xuño 13th, 2008



