O debate de “bueno” xa está na boca de todos
10/Xuño/2008
A irrupción en Chuza! da proposta sobre a admisión da interxección “bueno” no dicionario da RAG non puido ter mellor ou peor acollida, en función de quen o analice, claro. Pero en todo caso foi unha idea que non pasou desapercibida, xa que axiña se converteu nunha das máis comentadas da rede social galega por excelencia.
O debate serviu para poñer enriba da mesa a cuestión de ata que punto se deben permitir “interferencias” do castelán. O que pasa é que, polo que vexo, os prexuízos contra unha determinada lingua (neste caso, o español) acaban por provocar un rexeitamento frontal sen atender a razóns en moitos casos.
Facerlle desprezos a unha palabra só pola súa orixe castelá non parece moi axeitado, posto que tanto o galego coma outras linguas (incluído o portugués) acabaron admitindo palabras de orixe española sen problemas (o xa famoso ‘repolho‘). Pero é que neste caso hai un factor de uso demoledor. Por moito que se argumente que se pode dicir “bom”/”bo”/”bon” en vez de “bueno”, todos sabemos que queda super-artificial no noso idioma.
En fin, a proposta segue en pé. Podemos discutir se é mellor “bueno” ou “boeno”, ou mesmo pedir tamén que se inclúan os apócopes “bue” ou “bua”, tamén bastante correntes. Se se admite “canté” como interxección, por que non “bueno”?
Non se trata de que todas as palabras en “castrapo” se inclúan no dicionario da RAG, non é iso. Só se trata de recoñecer que esta en concreto debe estar porque:
1- Non existe unha equivalencia perfecta a outra do galego
2- É de uso universal por parte dos galegofalantes (incluídos reintegratas, neo-falantes e falantes de toda a vida)
3- O galego deulle unha dimensión diferente, mesmo maior á que ten en castelán
Se a Academia quere adaptarse aos tempos, á cidadanía que fala galego, debe admitir esta palabra. E o Estraviz, igual que inclúe ’sapatilha’ e ‘tortilha’, tamén debería facelo. Porque “bueno” é e será sempre unha palabra galega.


2 comentarios Deixa o teu comentario
1. xOsse | 10/Xuño/2008 at 9:41
Vaia!E eu perdinme o debate. Estou dacordo en que “bueno” ten un significado totalmente diferente o castelán, pois cando o utilizamos non queremos decir “bo” senón “non sei”, “o mellor”, “xa veremos”, “quen sabe?” expresións de dúbida que tamén usamos a cotío. Eu creo que a mellor opción e deixar de usala pois temos sinónimos de sobra… e ainda que non nos demos conta, estamolos usando.
2. cesare | 10/Xuño/2008 at 12:18
Por que imos deixar de usar algo que é perfectamente galego?
Deixa un comentario
HTML permitido:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>
Trackback deste artigo | Subscribirse aos comentarios mediante RSS