A síndrome do ‘primo/curmán de Zumosol’
Un dos argumentos que máis soan por aí para xustificar unha submisión total ao sistema lingüístico do portugués está baseado no número de falantes que ten esa lingua. Agora parece que todo se mide en función das cifras macro-lingüísticas.
Antes estabamos asoballados polo castelán (os españois considerábannos un “dialecto” da lingua deles), criticabamos o “imperialismo” da lingua castelá… E que solución lle damos a iso? Caer no mesmo erro.
Pasamos do imperalismo dun lado ao imperialismo do outro cando negamos a idiosincrasia, a personalidade deste idioma que falamos máis de dous millóns de persoas. Unha cantidade ridícula para moitos, pois con frecuencia necesitan recorrer ao primo/curmán de Zumosol en busca de axuda cando se senten asoballados polo avance do castelán.
Mesmo chega a asegurarse que o galego é unha lingua falada por máis de 200 millóns de persoas (!) nunha clara competición por ver quen a ten máis grande. Se a un portugués ou a un brasileiro lles din que o que falan en realidade é “galego”, escachan de risa… porque nin eles senten que estean a falar o noso idioma e o que é peor, a maioría aquí tampouco cremos que falamos unha variante máis do portugués.
Pero iso non importa. O relevante aquí é destacar que somos unha chea… burro grande ande ou non ande. Coma se outras linguas que non teñen a carón un primito de Zumosol (o euskera, ocórreseme, por exemplo, ou as linguas nativas asoballadas polo portugués nas súas ex-colonias) non tivesen dereito a ser potenciadas do mesmo xeito. Implicitamente créase no subconsciente a idea de que hai linguas de primeira (a nosa, que ten unha manchea de falantes) e linguas de segunda (as que, como non teñen un gran número de falantes, teñen que estar condenadas a desaparecer). Ou o que é o mesmo, sen o portugués non valemos un carallo.
Pois diso nada. O galego pode e debe sobrevivir perfectamente sen a tutela constante dunha major lingüística. Pode crecer coas súas características propias sen ser literalmente absorbida polo peixe grande. O cal non quita que sexa vergonzoso que non teñamos a posibilidade de vermos aquí as televisións portuguesas ou que se ensine menos portugués en Galicia ca en Estremadura. O saber non ocupa lugar, sempre e cando poidamos manter o que nos legaron os nosos antepasados a pesar dos séculos de atrancos.
Add comment Xuño 2nd, 2008



