Acabou a espera. Por fin un ex-reintegracionista dá a cara para contar as súas experiencias ao outro lado da norma. Berto Yáñez, creador de Chuza! e impulsor da web 2.0 galega, empregou durante un tempo a normativa AGAL nos seus traballos, aínda que “por saturación” decidiu volver ao redil do galego estándar. Crítico pero tamén conciliador, Berto dános a súa visión sobre o reintegracionismo sen pelos na lingua.
Como se produce a túa aproximación ao reintegracionismo e por que?
O primeiro que teño que aclarar é que eu nunca fun unha persoa preocupada excesivamente polo tema ortográfico en xeral. Sempre me preocupou máis escribir correctamente HTML que galego, any flavor. E nunca tiven unha coherencia normativa ben forte… son como unha especie de diglósico ortográfico se iso é posible.
Pero nun momento da miña vida, e grazas a amigos moi próximos que si que estaban implicados no tema, decidín usar o reintegracionismo como ortografía preferida nos proxectos en que estiven involucrado… Sobre todo en Aduaneiros sem Fronteiras, onde, durante a súa época de certo esplendor, o uso da norma reintegrata foi tan importante coma o propio deseño.
É curioso que tamén foi Aduaneiros o que me fixo decidir ‘deixalo’. Pero tamén quero deixar claro que se hoxe comezara de novo un proxecto coma ese, a norma reintegrata sería a miña escolla. Paréceme máis elegante.
Como é o mundo “reintegrata” desde dentro?
Nunca estiven tan metido dentro como para facer unha avaliación correcta de como é ese mundo, pero a experiencia que tiven con el é que é esixente, implacable na norma, con ganas de debater sempre e con tendencia a non poñerse dacordo, incluso entre eles.
E despois creo que hai dúas faccións diferenciadas: os ludo-reintegracionistas (termo creado por Suso Sanmartín) e o resto. Creo que o nome do termo é explicativo, e con esa facción ludo-reintegrata teño pasado momentos moi divertidos e só teño que dicir boas cousas deles. Despois están os que se alporizan facilmente, que dan por asumidas pola sociedade determinadas cousas e que se escandalizan cando as poñen en dúbida. Eses son aburridos.
Supoño que para abandonar a opción reintegracionista teñen que producirse unha serie de decepcións, de desencontros… cales foron no teu caso?
A fin da miña época reintegrata foi en Aduaneiros, cando me dei de conta que chegabamos a un momento en que daba igual todo excepto que estivera ben escrito. Satureime e non me sentín cómodo. E como dixen ao principio, o meu nivel de militancia lingüística non é tan forte como para esforzarme todo o tempo para estar á altura ortograficamente e, como a maioría do tempo que escribín galego foi algo similar á normativa ILG, despraceime a ese lado simplemente porque me era máis cómodo.
De todos os “dogmas de fe” que hai no reintegracionismo cal ou cales son as que máis che amolan?
Sempre me pareceu amolante o argumento estrela de poder falar con 200 millóns de persoas cando falamos tan pouco entre nosoutros e facemos tan poucas cousas xuntos… A realidade non é así, que non nos fagan comungar con rodas de muíño con ese argumento. Hai outros moito mellores.
Galego e portugués son ou non son a mesma lingua? Como definirías a relación que teriamos que ter coa lusofonía?
Son a mesma língua común con diferentes ortografías e con diferente nome, eu creo que está claro, pero todo o tempo que pasaron separadas e a situación precaria do galego crea un contexto no que, no camiño para tentar garantir que o noso idioma se siga usando aquí, deberiamos ter outras prioridades.
Pero estou convencido disto: deberiamos traballar todos xuntos e sen bullas que non levan a nada para mellorar a situación do galego, teño clarísimo que deberían ser oficiais as dúas ortografías e para iso necesitamos un proceso de asimilación no que vai axudar moito o de poder ver as televisións portuguesas aquí… en fin, que o reintegracionismo é necesario.
Non comparto a tese reintegrata de que para salvar o noso idioma o primeiro que hai que facer sexa asumir unha ortografía diferenciada do español. Na situación actual, creo que o que hai que facer é camiñar cara adiante sen ter presente en todo momento a confrontación, evitar os odios (e auto-odios) gratuítos, ser conscientes da nosa orixe lingüística, non alimentar os trolls e por suposto, unha idea moi simple: facer cousas.
É dicir, o principal agora mesmo non é “escapar” ortograficamente do español; hai que facer outras moitas cousas máis antes. Aínda que a norma actual veña dunha “anomalía” ou dunha certa despreocupación dos que a inventaron nos anos 80, creo é algo co que debemos cargar, asumir e centrarnos noutras cousas para salvar o idioma.
É posible separar o reintegracionismo dunha corrente ideolóxica?
Estou convencido. E cada vez espero que máis.
Cres que o reintegracionismo lle pode facer mal á normalización lingüística?
Creo que nalgúns casos non pode ser o xeito máis adecuado de evanxelizar, pero como dixen antes, é necesario que non se perda a perspectiva e por iso, e en última instancia, agardo que o traballo dos reintegratas acabe dándonos alegrías no campo da normalización.
Ves posible un acordo entre reintegratas e non reintegratas nun futuro próximo ou haberá lei de Bertofor ever?
Espero que nos poidamos entender e que o galego colla a suficiente forza como para poder “funcionar” con dúas normativas.
Cando un quere alguén, sabe verlle as virtudes e os defectos… As cousas boas e as cousas malas, aínda que estas últimas, tamén hai que dicilo, tenden a perdoarse con máis facilidade. É dicir, un pode ser “malo” consciente de que, no fondo, o que se procura é un ben.
Porque, para sermos sinceros… o idioma portugués tende a ser un pouco ‘clasista’. Ou máis ca o idioma… os que utilizan ese idioma. Se algunha vez van a Portugal, non se sorprendan se escoitan algo así como ’sotor’ (e ’sotora’ por suposto). É a forma rápida e apocopada de dicir “senhor doutor” e “senhora doutora“, figuras de tratamento moi utilizadas por eses lares.
Os portugueses caracterízanse por ser, polo xeral, persoas cunha educación exquisita [e ollo que na lingua de Camões 'esquisito' quere dicir 'raro']. Empregan con menos frecuencia os palavrões ca nós [alí están peor vistos ca aquí], recorren máis ao você e ao senhor ca ao tu [atúan menos, vaia]… pero ás veces, hai que recoñecelo, pásanse de clasistas.
E só desexo unha cousa: de aproximármonos máis a eles, por favor que non sexa na teima do ’senhor doutor’, ’senhor engenheiro’, etc. E é que alí abaixo parece que están desexando sacar un tituliño universitario para que os chamen con esta fórmula de tratamento tan pasada de moda e tan típica de telenovela suramericana. Deseguido poñen nos seus cartões de visita, o nome completo co “Dr” ou “Engº” precedendo… Para que quede claro!
E postos a falar das fórmulas de tratamento… moito ollo coas ‘meninas’ porque non son só un cadro de Velázquez. Ao non teren o equivalente a ’señorito/a’, alí o que se emprega é ‘menino/a’. Ata niso somos diferentes.
A Real Academia agacha algunhas “sorpresas” tinguidas de amarelo. É a cor que usa o VOLGA para marcar todas aquelas entradas que considera “toleradas”. Non son palabras incorrectas nin correctas. Pódense usar a vontade, pero ollo! o usuario ten que ser consciente de que pertencen a unha especie de ‘purgatorio’ lingüístico.
Pois ben, entre estas palabriñas amarelas, encóntranse os tres exemplos que serviron ilustran o titular deste artigo: xabarín, prós, xoves.
1) Xabarín. O palabra ‘xabarín’ é a típica palabra que ti sempre empregaches pensando que era galego fetén, pero que ao mirar no VOLGA… sorpresa! Non é a opción preferente. O ‘Xabarín’, que despois de moitos anos segue asomándose á pantalla da TVG, seica é un dialectalismo ‘tolerado’, pero non o que a RAG considera mellor, que é ‘xabaril’ (acabado en -l e con plural xabarís). Sorprendido non?
2) Prós. Toda a vida escoitaches que se escribe ‘para’ e non ‘pra’… Pois non! Escribir ‘pra’ tampouco é incorrecto; é unha opción ‘tolerada’ pola RAG. Así pois, que ninguén che diga que está mal escribir ‘pra’ nin tampouco ‘pró’, ‘prá’, ‘prós’ e ‘prás’. O máis rechamante é que os lingüistas recomendan tamén que se lea ‘pró’, ‘prá’ en vez de ‘para o’, ‘para a’, etc. Flipante, non?
3) Xoves. Esta xa é a re-finitiva. Segundo o VOLGA, non é incorrecto dicir ‘xove’ como sinónimo de ‘mozo’ ou ‘moza’. Toooda a vida escoitando que está fatal dicir ‘xove’, que se debe de dicir ‘novo(a)’, ‘mozo(a), ‘xente nova’, etc… e resulta que estabamos enganados! Si que se pode dicir! É outra das entradas ‘toleradas’… Como che queda o corpo?
Pero hai máis palabras ‘toleradas’ sorprendentes… A continuación vai unha lista coas que a min máis me chamaron a atención (hai algunha máis, pero as que faltan son de termos moi ‘agrarios’, xa sabedes…). As que están suliñadas/subliñadas son para min a repera. O que está entre parénteses é a versión que recomenda a RAG, o que está fóra é ‘tolerado’, é dicir, non é incorrecto.
aficionado (afeccionado),
agua (auga)
alavés (arabés)
alicantino (alacantino)
amatista (ametista)
ametrallar (metrallar)
amistoso (amigable)
amperio (ampere)
antergo (entrego)
aportar (achegar)
apremio (prema)
aramio (arame)
arrabear (rabiar)
arrapañar (repañar)
arrecender (recender)
arregañar (regañar)
arrenegar (renegar)
arrepañar (repañar)
arreutada (arroutada)
arrugar (engurrar)
automación (automatización)
ballet (balé)
birrete (barrete)
bombilla (lámpada)
boquilla (embocadura)
calofrío (calafrío)
cáñamo (cánabo)
carabel (carabelo)
carótida (carótide)
chaminea (cheminea)
chamoscar (chamuscar)
champú (xampú)
chao (chan)
chilrar (chirlar)
chino (chinés)
chutar (xutar)
cigala (lagostino)
cliché (clixé)
codorniz (paspallás)
comenzar (comezar)
condanar (condenar)
conminar (cominar)
corto (curto)
cualidade (calidade),
cuidar (coidar)
darredor (arredor)
decer (dicir)
decibelio (decibel)
dediante (diante)
delitivo (delituoso)
derogación (derrogación)
desmoronar (esborrallar)
despertar (espertar)
despir (espir)
despido (despedimento)
eixo (eixe)
enamorar (namorar)
éngoa (ingua)
enrevesado (arrevesado)
enxuizar (axuizar)
escotilla (trapela, zapón)
esquirol (crebafolgas)
estadística (estatística)
exalzar (enxalzar)
excomunión (excomuñón)
fastidiar (enfastiar)
fastuoso (fastoso)
ferraxe (ferraia)
ferretaría (ferraxaría)
fervedor (fervedoiro)
gado (gando)
garavata (gravata)
gaseosa (gasosa)
glucosa (glicosa)
gluten (glute)
gostar (gustar)
grúa (guindastre)
inmiscuír (inmiscir)
koala (coala)
lactancia (lactación)
langosta (lagosta)
liar (lear)
ligón (legón)
loiro (louro)
longaniza (longaínza)
louvar (loar)
lula (lura)
machacar (machucar)
madrastra (madrasta)
malhumor (mal humor)
mantenedor (mantedor)
marmular (murmurar)
marsopa (toniña)
melro (merlo)
mercede (mercé)
merluza (pescada)
mistura (mestura)
morodo/morogo (amorodo)
muito (moito)
muricego (morcego)
nácar (nácara)
natronte/noutronte (antonte)
nubarrón/nuboeiro (nubeiro)
padrastro (padrasto)
painoso (nosopai)
paradeiro (paradoiro)
penitenciario (penal)
ping-pong (pimpón)
postela (bostela)
pro (pero)
procesal (procesual)
rastrollo (restrollo)
recopilar (recompilar)
rencor (rancor)
resurximento (rexurdimento)
roña (cotra)
ronda (rolda)
rondar (roldar)
sacristán (sancristán)
saraiba (sarabia)
saudade (soidade)
seísmo (sismo)
sitiar (asediar, cercar)
sitio (cerco)
sobor (sobre)
sofrer (sufrir)
suliñar (subliñar)
tenazas (tenaces)
término (termo)
timón (temón)
touliña (toniña)
trado (trade)
tremar (tremer)
tu (ti) [por contra 'il' dáo como incorrecto]
tumba (tomba)
tumbar (tombar)
vertedeiro (vertedoiro)
vertido (vertedura)
xabrón (xabón)
xarra (xerra)
xarro (xerro)
xeringa (xiringa)
xexún (xaxún)
zarrar (cerrar)
E digo eu…
A que carallo esperan para colocar ‘BUENO’ en amarelo!!!!!
Abraiado quedei cando fun acompañar uns amigos a un centro de Supercor que abriron recentemente no Milladoiro. Todo moi botiniño, moi limpiño e moi relucente, pero cal foi a miña sorpresa ao descubrir que gran parte dos seus letreiros estaban en castelán e en galego. Ata aí todo normal… o sorprendente é que a versión española estaba arriba e con letra grande e a galega abaixo e en letra moitísimo máis pequena. Tal que asín.
E digo eu, señores do Corte Inglés… Tan difícil será quedar un pouquiño ben? A que vén esta discriminación por tamaño? Suponse que os galegofalantes teñen que ter mellor vista ca os que utilizan o castelán? Ou será que no fondo e na forma vostedes nos están dicindo aos fociños que unha lingua é superior e máis importante ca a outra?
Postos a pedir, tampouco estaría mal que tivesen en conta que, efectivamente, algunhas cousas se din da mesma maneira en castelán e en galego… Ten algún sentido carteliños coma este? Porque para min só serven para facer o ridículo dobremente…
En fin, home, que si, que está ben que se apunten a poñer as cousas en bilingüe, pero vaia… falta un chisquiño de delicadeza… Por certo, estes carteis son abundantes pero, aínda así, a maioría dos letreiros da tenda estaban unicamente en castelán.
Pasaron xa 15 días desde que o ILG e a RAG recibiron unha petición de información formal para coñecer que pasos había que seguir para a admisión da interxección ‘bueno’ no seu dicionario [se chegas tarde ou non coñeces a proposta, le isto] e a resposta de momento é… silencio. Nin sequera o típico “recibimos a súa carta, estamos trabajando en ellou” (aínda que sexa mentira). Nada de nada.
E a verdade, empeza a ser inquietante. A RAG admitiu a palabra “greleiro” só catro meses despois do lanzamento da campaña de Gadis “Vivamos como galegos”. Cómpre pois non desesperar, pero bueno… que menos que unha respostiña de cortesía, non?.
Por se o asunto quedou arquivado nun caixón, este martes volvemos á carga. Velaquí a segunda carta que se lles envía á RAG e ao ILG para que tomen en consideración o asunto.
Estimados señores,
Hai cuestión de 15 días puxémonos en contacto con vostedes para informalos dunha iniciativa que estamos desenvolvendo na rede para que se admita a interxección “bueno” no dicionario da Real Academia Galega. Naquela misiva, expuxémoslles que a palabra “bueno”, empregada única e exclusivamente como retrouso e non como adxectivo, é plenamente galega a pesar da súa orixe castelá e preguntámoslles que pasos debiamos seguir para que a nosa iniciativa chegase a bo termo.
O caso é que, pasadas dúas semanas, non recibimos aínda ningún tipo de resposta da súa parte: nin sequera sabemos se están tomando en consideración o asunto, que, por certo, suscitou un gran debate entre os internautas (con opinións a favor ou en contra, como non podía ser doutro xeito). Para nós é unha cuestión importante e, aínda que poida parecer unha broma, non o é.
Na nosa opinión, “bueno” debe ser admitido como interxección porque:
1- Non encontramos unha expresión equivalente a outra do galego (nin ‘ben’, nin ‘bo’, nin ‘vaia’… son o mesmo ca ‘bueno’)
2- É de uso universal por parte dos galegofalantes (ninguén pode escapar dela)
3- O galego deulle unha dimensión diferente, mesmo maior á que ten en castelán
4- Ten presenza constante na nosa literatura (emprégase regularmente, segundo o TILG, desde hai 130 anos e ata Castelao usaba habitualmente “boeno”)
Entendemos que as institucións que traballan pola normativización do idioma deben pronunciarse cando o solicitan os cidadáns. Por ese motivo, seguimos esperando con impaciencia unha resposta.
Ata aquí a carta enviada. Admítense propostas para o caso de que siga imperando o “silencio administrativo”.
Existe unha ‘moda’ en Portugal de empregar ás veces o sufixo -ito en vez do tradicional -inho… ao estilo de “vou trabalhar umas horitas” ou “este rapazito não sabe falar bem“, “este gajo é um bocadito chato” por poñer tres exemplos. É algo que os os nosos veciños de abaixo fan con naturalidade para darlle unha énfase distinta á palabra, a pesar da procedencia española do sufixo. E co galego que acontecería? Asumiriamos o uso puntual dese sufixo? Se o camiño é “reintegrarnos”… podemos usalo libremente?
Esta é a resposta que lle dá o ciberdúvidas da lingua portuguesa a unha consulta dunha lectora sobre o uso de -ito/-inho.
Não há propriamente uma regra, mas -ito tem conotação dialectal e espanholada. Por isso, e na dúvida, é preferível empregar -inho, muito mais usual e castiço.
É dicir, que os propios lingüistas portugueses recoñecen que non é incorrecto dicir unha palabra terminada en -ito ou en -ita en portugués. É preferible dicir -inho pero -ito tampouco está mal, a pesar da súa “conotação dialectal [no sur de Portugal úsase máis] e espanholada”.
E nós… Seriamos quen de admitir como propio “conseguín un traballito” ou “imos organizar unha festita” ou “espera por min un pouquito”? Ou é algo que xa nin se nos pasa pola cabeza? Os que defenden o reintegracionismo veríano coa mesma naturalidade coa que o ven os propios portugueses?
En portugués, a min sóame ata simpático… Ora ben, en galego non me chista nin sequera para o meu dicionario pijo/relambido/queique… Será que hai certas cousas non lles acaen igual a todos os idiomas…
E é que, para algúns, son eles e nada máis que eles, os lisboetas, os que teñen a culpa de que o grao de intelixibilidade mutua entre galegos e portugueses non sexa total. Ai, mimadriña, canta falacia se move polo mundo reintegrata! Cantas verdades a medias repetidas en múltiples ocasións acaban converténdose en dogma de fe, tan intenso como irreal!
O sotaque lisboeta, din por aí algúns, é o que máis afastado está da oralidade do galego, coma se os pobriños de Lisboa falasen un portugués estratosférico, inintelixible ata para os seus propios compatriotas. Pois vai ser que non. O acento da capital tampouco é tan diferente dos do resto que hai polo país, e desde logo non é o máis difícil de comprender para un galegofalante.
A min cústame moitísimo máis o açorianoou o madeirense, pero vaia… para gustos hai cores. E debe ser que xa estou afeito ao portugués europeo, porque para min é bastante máis difícil de comprender o brasileiro. Sobre o portugués das ex-colonias non me quero estender porque dá para outro artigo enteiro, pero adianto que circulan moitas medias verdades sobre o que se fala en lugares como Timor Leste, Macau, Goa, Mozambique, etc.
O que ten que quedar clarísimo a estas alturas do partido son unhas cantas cousas, constatables para os que coñecemos ben a realidade da lingua portuguesa, non para os que falan dela de oídas…:
- Un portugués do norte entende perfectamente un portugués do sur e viceversa, igual que…
- Un galego do norte entende perfectamente un galego do sur e viceversa…
- É certo que o sotaque minhoto pode ser máis doado de entender para un galegofalante (faltaría máis) pero ollo! que ninguén pense que en Lisboa falan tan diferente deles
- Un portugués que escoita falar en galego pensa que lle están falando en castelhanoporque non distingue a fonética galega da espanhola (que raro, non? porque se fósemos a mesma lingua supostamente non habería confusión ningunha…). Tanto a fonética galega como a española son máis simples ca a portuguesa.
- Un galego que escoita falar portugués é consciente en todo momento de que o seu interlocutor fala noutro idioma.
- Un galego que vai a Portugal pensando que o portugués está chupado e que o vai entender todo e que lle entenden todo está equivocado. Dominar a lingua portuguesa non é tan fácil como algúns pensan: ten unha fonética e un léxico tan diferentes do galego que a súa aprendizaxe é cuestión de anos de estudo e de convivencia diaria con esa lingua.
Eu estou convencido ademais de que, canto máis portugués sei, máis galego me sinto. Canto máis portugués sei, máis diferenzas encontro entre un e outro. De feito, un dos “trucos” para dominar a lingua portuguesa é saber ‘explotar’ esas diferenzas. Os reintegratas non empregan nin o 5% do léxico enrevesado que utilizan os nosos veciños habitualmente e se as utilizasen terían que andar todo o día dándolles explicacións aos seus interlocutores.
E esa é a realidade. O resto é pura utopía, puro romanticismo que non leva a ningures. O que nos gustaría que fose pero que non é.
Os galegos temos un fonema que nos fai únicos e diferentes. Un n velar(ŋ) que non teñen nin portugués nin castelán e que nós conservamos como un dos nosos trazos máis singulares. Os estranxeiros que aprenden o noso idioma, incluídos os portugueses, teñen algunha dificultade para asimilalo. E nin os galegos cando falan castelán poden escapar del.
Pois aínda que só sexa por iso, ese fonema ben merece unha escrita singular no noso sistema ortográfico. E, sinceramente, creo que a escolla do -nh- é acertada. En primeiro lugar, porque un n velar é ante todo un n e non un m. Os portugueses escriben “uma” e len “uma”, escriben “com” pero non len nin “com” nin “con” con n velar ao final, senón que fan un o nasalizado que, por certo, nós tampouco temos na nosa lingua oral.
Daquela, por que asumir como propio algo que nos é tan alleo? E haberá quen diga que a opción -nh- é castrapo. O de sempre. Pois tampouco creo que sexa así porque un castelanfalante non asume tampouco como propio este dígrafo e desde logo non o pronuncia ben nada máis velo, igualiño igualiño ca un falante de portugués.
Por iso creo que debemos reivindicar sen vergonza e sen complexos o -nh- para representar o n velar. Fixérono os nosos escritores, e a sociedade galega é algo que asume sen problemas. Para que escribir -m- ou -mh- ou outros inventos cando non é algo que reclamen os propios galegofalantes? Non ten absolutamente ningún sentido, na miña humilde opinión.
De todos os xeitos, recomendo unha lectura deste interesantísimo artigo sobre a fonética portuguesapara que xogar a el juego de los ocho errores. Fíxense na cantidade de fonemas, tanto vocálicos coma consonánticos, que se empregan regularmente no portugués falado e que nós nin cheiramos. Ou acabaremos tendo que facelo?
Ola, amiguiños. Este sábado toca outra sesión de rewind-forward que tanto vos gusta. “Como están vosteeeeedes?” Ai, non, que aquí os pallasos non preguntaban así. Só a galiña Caponata de Barrio Sésamo nos dicía iso de “bos días, rapaciños” xusto despois de que o caracol Perejil dixera “good morning, kids”. Non o lembrades?
Foi o único que escoitaron no seu idioma toda unha xeración de galegos que creceron traumatizados por falta dunha boa ración diaria de ‘Xabarín’. Ben, pois este artigo é para eles ou para ti, que queres saber como sería a túa infancia baixo a influencia portuguesa… Ou para ti, que desexas quedar fixe en calquera festa, xuntanza ou karaoke reintegrata… Pero tamén para ti, que só queres perfeccionar o teu portugués. Todo está subtitulado… así que non hai excusa para non cantar!
Xa que empezamos con Caponata, iniciamos este repaso pola túa infancia perdida con ‘Barrio Sésamo’… Esta era a apertura na RTP de Rua Sesamo.
E que me dicides de Heidi? Pois que non se di “gheidi”, senón “áidi”. E o abuelito de toda a vida é avôzinho. Poucos anos despois, a baixiña cabezona de Dallas [xa non me lembro como se chamaba] popularizaba na TVG “avoíño, avoíña”.
E que me dicides do pobre Marco, que chora porque súa nai foi embora, malpocadiño ele? E non vive nunha humilde morada, para nada… el vive nunha humilde casinha, como ten que ser.
E nun país multicolooor, había unha abelha baixo o sol. A abella Maia tamén ten unha versión portuguesa algo diferente á que se viu por estas terras [fíxate que algunhas rimas non pegan moi ben que digamos...].
E por último, Dartacán y los tres Mosqueperros, que en portugués tivo unha tradución simpática, podemos dicir: “Dartacão e os tres Moscãoceiros”. Xa só polo título paga a pena ver esta adaptación.
En fin, son horas e horas de desenhos animados que tamén viron ao outro lado da fronteira e que é pena desde logo que non teñan unha versión en galego. Eu confeso que se a min me poñen de pequeno todo isto, non había entender nin papa. Pero vaia… xa sabedes a estas alturas que para min galego e portugués non son o mesmo.
Consultando a páxina ciberdúvidas da língua portuguesa descubro un documento único e excepcional. Agora resulta que ata os reintegratas da AGAL son “espanholistas”, ese cualificativo que tan frecuentemente se utiliza para desprezar a actual normativa oficial do galego.
O autor do artigo ao que me refiro é o “professor universitário galego” José Luis Fontenla, quen despois de despotricar, como podía ser previsible, contra a normativa da RAG, di o seguinte sobre a proposta da AGAL.
Ainda AGAL (Associação Galega da Língua) cria, também por elaboração (ausbau), outra norma do portunhol 2, em que, plagiando gramática portuguesa, verbos, léxico, etc., desnaturaliza a língua portuguesa, criando o portunhol 2, com traços medievais. Nos dois casos se o substracto é português, o adstracto é espanhol, e vinca o espanhol sobre o português em toda a parte, atentando-se conscientemente contra a unidade estrutural da língua portuguesa, tanto num sentido diacrónico como sincrónico. (…)
É nessa luta que andam os lusófonos galegos, contra o portunhol 1 e 2, que desnaturalizam e castelhanizam a nossa língua portuguesa, submetendo-a à órbita do espanhol.
Conclusión: a norma AGAL é, para este señor professor, un plaxio que castelaniza a lingua “portuguesa” que, segundo el, se fala na Galiza. A proposta del, por se non quedou claro, consiste en que falemos e escribamos igualiño, igualiño que se fala e escribe en Portugal: a submisión total, vaia…
Pero non nos enganemos. É a iso cara a onde camiña pouco a pouco o reintegracionismo. No hipotético e remotísimo caso de que acabase triunfando unha normativa como a da AGAL, axiña comezaría a carreira aloucada por ver quen é menos español (ou quen é máis portugués). E iso, antes ou despois, só conduciría ao exterminio da lingua galega.
Porque todo acabaría sendo sospeitoso do que eles lle chaman castrapo. O noso único n velar sería axiña portunhol, falariamos mal por ‘cecear’, por non empregar sibilantes, por non distinguir entre x e j/g,… Afortunadamente, a sociedade galega é intelixente e non está nin estará para esas gaitas.
É compatible ser reintegracionista e militante do Partido Popular? Velaquí o caso de Carlos Vázquez, unha persoa que utiliza a norma reintegrata e que milita na mesma formación política que Rajoy, Feijoo, Fraga, Aznar e un longo etcétera. Con el rachan todos os estereotipos.
Grazas a unha mensaxe deixada no blog, foime posible contactar con ‘Carlos’. Moi amablemente accedeu a responder algunhas preguntas dun cuestionario que reproduzo a continuación. Algunhas das respostas son realmente estupendas.
- Cando e como descubriu o reintegracionismo? Foi antes ou despois da súa militancia no Partido Popular?
É algo complexo de dizer. Eu, como muitos outros galegos, tenho família na emigraçom. No meu caso familiar concreto, a minha família deslocou-se sobretudo para Cuba e para o Brasil. Fôrom precisamente as primeiras cartas chegadas desde o Brasil as que me aproximárom ao português. Nom foi polo contido das cartas, que estavam escritas em espanhol (espanhol agalegado, do pouco que se podia aprender na escola), senom porque às vezes junto coa carta tamém enviavam algum postal, ou recortes da imprensa que estavam, logicamente, em português.
Para mim, que som da zona de Pontedeume, esse foi o primeiro contacto co português. Essa relaçom continuou de jeito intermitente até que perdim o contacto coa minha família brasileira.
Isto que conto é dos anos 60-70. Já contra os 80 comecei a participar em movimentos galeguistas, mas a radicalidade de muitas propostas (demasiado ’soviéticas’ para o meu gosto) levou-me a colaborar com outros movimentos mais práticos (sem perderem a linha galeguista) até acabar em AP, que na Galiza era um partido bastante diferente ao espanhol (baste com observar detidamente as figuras políticas de Albor ou Barreiro Rivas, tanto hoje em dia como ainda daquela).
Foi já militando em AP que descobrim o reintegracionismo, nom lembro exactamente quando nem como, mas sim que por aquela altura assistim a algum acto organizado pola AGAL, mais que nada para conhecer melhor a sua proposta, e merquei umha primeira ediçom do Estudo Crítico, que ainda hoje é um dos meus livros de cabeceira.
- Os seus compañeiros de partido, a xente da súa vida cotiá… coñecen que emprega unha normativa reintegracionista ou é algo que vostede leva oculto? Saíu do armario, como se adoita dicir?
Sou militante, mas dos de pagar a quota e pouco mais. Nunca participei activamente na vida política, porque os meus interesses vam por outro lado. Ademais, a última época de Manuel Fraga ao frente da Junta deixou-me mui desilusionado. Isto, somado a outros ‘incidentes’ pontuais de carácter mais pessoal motivárom que nunca precisara ’sair do armário’. E a gente da minha vida cotiá… Bom, por trabalho tenho de usar mais o espanhol (para escrever), e ao falar, home, nunca ninguém me comentou nada especial… Como anédota, umha vez sim me comentou alguém (do partido) que eu falava “moi normativo” (mesmo dizendo “perfeito” e cousas assi).
- Como reintegracionista e militante do PP ten pensado facer algo para mudar a postura oficial do seu partido con respecto ao idioma galego e a normativa actual ou dá a batalla por perdida?
Alberto Núñez tem comentado já nalgumha ocasiom que “o PP é o partido que se parece mais à Galiza”, e nom lhe falta razom. Precisamente por isto, tenho a completa certeza de que o PP de Galiza irá no caminho que a sociedade galega decidir. Nom som partidário de politizar o nosso idioma, polo que deveríamos deixar isto à sociedade galega. Nem o PP, nem o BNG, nem o PSOE ou outros partidos deveriam opinar sobre a língua, unicamente legislar para garantir os dereitos dos seus falantes (injectando cartos se fosse necessário, como até agora) e deixar o resto à sociedade e a quem entende de língua.
- Cre vostede que Galicia é unha nación? Está de acordo coa autodeterminación?
Penso que a pergunta deveria ser: “que é umha naçom?”. Se umha naçom é umha comunidade de pessoas com vontade de viverem em comum, com umha história diferenciada de há vários séculos e língua comum, está claro que a Galiza é umha naçom. Ora bem, isto mesmo também o cumprem Bélgica ou Suíça, e som estados plurilíngües…
E sobre a autodeterminaçom, os galegos autodeterminam-se em cada cita eleitoral, polo que a resposta está clara.
- Como bo reintegracionista defenderá o topónimo “Galiza”… Fará algo para que o seu partido sexa o Partido Popular de (da) Galiza?
Remito a minha resposta à pergunta que me fazia sobre o PP e a normativa. A nível pessoal, defendo o topónimo Galiza, e razons para me convencer deste feito nom me faltam. Agora bem, gostemos ou nom, o topónimo oficial é “Galicia”, e o PP deve respeitar a lei e usar essa forma no seu nome.
Eu, como indivíduo da plural sociedade galega, farei as minhas modestas aportaçons para que algum dia se reconheça a oficialidade do topónimo “Galiza”.
E, se me permite, aproveito para comentar que me pareceu mui mal que numha recente sessom parlamentar um membro do partido aproveitasse para interpelar o representante do BNG por usar “Galiza”. Se isto aconteceu com normalidade até hoje, nom vejo motivos para agora virmos a descubir a pólvora porque o indique um jornal determinado. Errar é de humanos e esperemos que nom se volva repetir, sobretodo atendendo a que a própria Academia Galega defende a validez de “Galiza” (validez lingüística e histórica, porque a oficial compete-lhes a outros).
- Concorda vostede con que se entoe a Internacional ao final da maioría dos actos reintegracionistas?
É a primeira notícia que tenho ao respeito. Tenho acudido a muitos actos reintegracionistas e por nom soar nem soou o hino galego (nalgum sim). Imagino que terei que acudir a mais actos reintegracionistas para contrastá-lo, mas habitualmente som polas tardes ou fins de semana e estou mui atarefado.
- Que crítica lle faría, se ten algunha, ao movemento reintegracionista?
A principal, que nom é um movimento, mas umha sopa de letra de siglas. Nisto parece-se ao PP, nom no das siglas, obviamente, mas em que é um reflexo da sociedade galega.
Nota importante: o autor deste blog, alema malo, cre firmemente que ‘Carlos’ é en realidade un ‘fake’, é dicir, non existe como tal. Pero non importa, é o de menos. Tamén alema malo é un personaxe dixital que se afasta dos estereotipos, e polo tanto, non se lle pode esixir a ‘Carlos’ máis do que ao propio autor do blog. Faltaría máis! Se a historia é verdadeira, perfecto. Se non o é, estupendo tamén.
E ti que cres? É ou non é un ‘fake’? E se o é, podería existir de verdade ou é completamente imposible ser reintegrata e militar no Partido Popular? Encantaríame coñecer a túa opinión.
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.